O capitalismo en España xa é inviable!!

Ahí van unha morea de datos que amosan que imos cara un precipicio. Non é por ser alarmistas, pero desta non sei como imos saír:

1) Cargáronse o traballo minimamente digno:

1980 foi o primeiro ano que se superou o 10% do paro, taxa da que só se baixaría durante 3 anos (2005-2008) e grazas ao cambio metodolóxico do 2002, que por encantamento deixou de considerar desempregados a deceas de miles de parados.

A primeira Reforma Laboral da “democracia”foi no ano 1984. Por aquel entón o paro xa superaba o 20% e Felipe González non dubidou en impoñer unha brutal reforma laboral cuxa medida estrela era o “contrato de fomento do emprego”, así como a creación doutros contratos lixo, que supuxeron un incremento de máis do 100% no nº de contratos temporais asinados en 4 anos (1985-1989). Desde entón xa padecemos outras 6 reformas laborais cada cal máis criminal que a anterior.

Non sería esaxerado dicir que ese traballo minimamente “digno”, ese traballo para toda a vida cunhas certas garantías e uns incrementos salariais a medida que aumentaba a túa antigüedade morreu en 1980. Os mozos que daquela tiñan 25 anos agora teñen 63, é dicir, a última xeración do emprego “digno” se non se extinguiu, está a puntiño de facelo.

2)Os novos pensionistas xa empezan a cobrar menos que os xubilados anteriormente:

ata hai pouco a pensión dos novos xubilados non deixaba de aumentar, de feito en todos os telexornais dábannos datos sobre a gran diferenza que había entre o que cobraban os novos xubilados e os mozos que se incorporaban ao mercado laboral. Pero isto xa se remata. Os novos pensionistas cobraban 1342€ no 2015, 1332€ no 2016 e 1318€ no 2017. Isto demostra que esa xeración de “ouro” que “gozou” de traballo “estable” e condicións “dignas” está a desaparecer.

3)O envellecemento da poboación supón unha perda do poder adquisitivo por si mesma:

A taxa de substitución en España é de en torno o 80% é dicir, cando nos xubilamos cobramos o 80% do noso último salario. Evidentemente isto significa que máis de 300 000 persoas cada ano perden un 20% de poder adquisitivo polo simple feito de retirarse. Nin que dicir ten que en breve introduciranse novas reformas que reducirán de forma significativa esta taxa de substitución, o próximo ano sen ir máis lonxe, meten o factor de sostenibilidade (outro eufemismo que empregan para non recoñecer que nos voltan a roubar).

4)A poboación activa vai caer en picado nos próximos anos:

A poboación activa (traballadores+desempregados) pasou dos 14 millóns en 1985 (36,84% do total da poboación) a 23,4 millóns (49,79%) no 2011. Os motivos son evidentes:

  1. A xeración do baby boom (os nados entre 1957 e 1977) incorporáronse ao mercado laboral.
  2. Incorporación da muller ao mercado laboral (3,9 millóns de traballadoras en 1977 fronte ós 8,5 millóns de agora).
  3. Incremento do número de inmigrantes: pasouse de menos de 1 millón de inmigrantes no ano 2000 ós 5,75 millóns do 2010. Este fenómeno foi importantísimo para a demografía española xa que supuxo un importante rexuvenecemento da  poboación.

Igual que no pasado este espectacular crecemento da poboación activa supuxo un importante crecemento da riqueza nacional e o reforzamento do noso estado do “benestar”, agora tócanos vivir a outra cara da moeda. Os maiores da xeración do baby boom xa teñen 61 anos e máis de 50 000 vanse xubilar este ano (case o 20% dos novos xubilados retíranse a esta idade) e millóns farano nos próximos 26 anos. Xa sabedes que as táboas demográficas de España presentaban unha barriguita porque os nados nas últimas décadas eran moitos menos que os nados durante estes 20 anos, pois esta barriguita xa chega á idade de xubilarse coas dramáticas consecuencias que terá para a nosa economía.

Unha boa medida para contrarrestar a desproporción que existe entre os moitísimos novos xubilados e os poucos mozos que se incorporan ao mercado laboral sería a completa incorporación da muller ao mercado laboral en igualdade de condicións que os homes, pero non parece moi factible que isto se vaia a producir. É evidente que seguimos vivindo nunha sociedade patriarcal na que as mulleres que traballan son 1,35 millóns menos que os homes e representan o 72% dos traballadores a tempo parcial, polo que se perden outros 600 000 traballos a xornada completa. Estes datos, ademais de ser unha inxustiza, son un auténtico suicidio para a nosa economía, xa que supón a perda duns 2 millóns de traballadores a xornada completa.

Evidentemente esta vez non van vir os inmigrantes ó noso rescate. Nos últimos 7 anos lonxe de aumentar a poboación inmigrante ha caído en 1,15 millóns. A falta de emprego tras a crise e o racismo dunha sociedade hipócrita que non para de repetir o mantra de: “eu non son racista pero…” son os responsables. Algúns querían unha España para os españois e non se preocupen que a van a ter, aínda que probablemente supoña que nos vaiamos a morrer de fame.

5)Perda poder adquisitivo dos pensionistas:

En España hai uns 8,7 millóns de pensionistas (18,73% do total da poboación) que verán como se incrementa a súa pensión un 0,25% cada ano. A día de hoxe xa están a perder poder adquisitivo (bastante máis do cínico 1% que indica un IPC pouco crible), pero cunha taxa de inflación normal (2-3%) o seu poder adquisitivo reducirase sobre un 20% nos próximos 10 anos… e iso supoñendo que non haxa novos recortes, moito supoñer paréceme a min.

6)Menor cobertura dos parados e prestacións máis baixas:

A crise supuxo un gran incremento de paradas de longa duración que xa non cobran prestación e que poden ter complicado volver incorporarse ó mercado laboral. Se a isto engadímoslle os infinitos recortes que están a padecer: a partir do 6º mes no paro cóbrase un 16,67% menos grazas a un recorte de Rajoy, menor duración do paro ao obrigarche a elixir entre a nova prestación e a que tiñas no momento de incorporarche ó traballo, redución do importe do subsidio se traballas a xornada parcial, etc. o resultado é unha perda espectacular do poder adquisitivo dos millóns de parados (a día de hoxe preto de 4 millóns).

Máis do 40% non cobra ningunha prestación e menos do 24% cobran o paro, o resto cobran subsidios de merda.

7)Xa non existe colchón algún:

A taxa de morosidade pasou do 0,72% no anos 2006 ao 13,6% no 2013 (16% se contamos os activos “tóxicos” traspasados ao SAREB), o cal evidencia a ruína de centos de miles de familias que non só perderon a súa vivenda e todos os seus aforros, senón que enriba quedaron cunha débeda pendente.

A crise actual tentámola pasar cos poucos aforros que tiñamos e coa axuda da xeración anterior que tiña empregos máis estables e mellor remunerados. Agora que en lugar de aforros temos débedas e coa xeración cos mellores salarios xa xubilada, como imos aturar a seguinte crise?

8) Deficit da seguridade social insalvable:

A hucha das pensións que no ano 2011 superaba os 65 000 millóns de euros xa desapareceu. Os 8 000 millóns que supostamente quedan son unha falacia xa que este ano gastáronse os 10 000 millóns do préstamo do Tesouro, polo que o saldo real xa é negativo.

O ano pasado a pesar da creación de case medio millón de postos de traballo, non só non se reduciu o déficit senón que se bateu un novo record (18 800 millóns de euros). Cando se deixe de crear emprego e coa xeración do baby boom xa xubilándose, o déficit vai disparar de forma incontible.

9)Caída da natalidade debida á crise:

En España o número de nacementos garda unha relación directa coa situación económica. Nos anos 90 debido á dura crise baixouse por primeira vez dos 400 000 nacementos anuais, coa recuperación económica volveu crecer o nº de nacementos ( pasouse de 362 000 no 96 a case 520 000 no 2008)pero esta nova crise provocou un novo descalabro da natalidade. O PP leva anos dicindo que estamos a saír da crise, pero os cidadáns pensamos o contrario, polo que no ano 2017 volveuse baixar dos 400 000 nacementos. Xa se pode afirmar que por culpa da crise deixaron de nacer máis de 700 000 nenos.

Tendo en conta que agora é case imposible conseguir unha estabilidade laboral antes dos 25-30 anos, isto quere dicir que a reversión do desequilibro demográfico vai tardar como mínimo eses 25-30 anos en darse. Estou a falar de reversión, é dicir, deixar de agravarse aínda máis o desequilibrio, a solución é evidente que nós xa non a imos  ver.

10)Ecoloxía e escaseza de recursos naturais e enerxéticos:

Quitando uns tolos como Donald Trump, Mariano Rajoy ou Rafael Hernando, o resto das persoas temos claro que o coidamos o medio ambiente ou nos cargamos o planeta. Obviamente isto vai supoñer nas próximas décadas un importante custo para a nosa economía, mesmo esperemos que por unha vez lles entre na cabeza que temos que abandoar o fanatismo do crecemento capitalista e empezar a decrecer. As consecuencias serán un importante agravamento da pobreza e canto máis tardemos en tomar medidas, máis drásticas terán que ser as mesmas. Os primeiros ecoloxistas xa levan polo menos 50 anos avisando, se se lle fixo caso…

SOLUCIÓN Ó PROBLEMA:

Desde o punto de vista capitalista é evidente que non o hai, calcúlase que dentro de 30 anos o número de xubilados pode superar o número de traballadores, non temos colchón ningún por culpa da actual crise, o problema ecolóxico cada vez é máis urxente, hai décadas que os dereitos laborais non deixan de minguar o cal, ademais dunha aberración, supón un suicidio xa que se reducen as cotizacións á seguridade social, os parados e pensionistas non paran de perder poder adquisitivo, etc.

Por suposto que existe unha solución e ademais é sencillísima, pero por desgraza non se vai a producir. A solución pasa por mudar o capitalismo por unha sociedade socialista (evidentemente refírome a unha sociedade igualitaria e sen clases sociais, non ao PSOE) que se centre na produción das necesidades da sociedade para despois distribuílas de forma equitativa entre todos os seus membros. Desta maneira non tería a menor importancia a redución do número de traballadores nin o envellecemento da poboación e obviamente pararíase de fomentar o fanatismo do crecemento desenfreado e suicida, que obviamente está a destruír o planeta.

Coas premisas socialista a solución é facilísima, basta con analizar estes datos:

-entre o ano 1970 e o ano 2000 o número de traballadores dedicados á agricultura e a pesca nos países desenvolvidos pasou dun 29,3% a un 6,6%, actualmente menos aínda e iso que desperdiciamos máis da metade do producido.

-No sector de industria e enerxía pasouse dun 27,2% no 80 a un 14,2% no 2010.

-A obsesión do capitalismo por crear necesidades ficticias e inventarse traballos que non serven para nada, provocou que o sector servizos pasase dun 17% a principios do século XX a máis dun 70% hoxe en día.

-A construción é unha auténtica praga en España, despois do ridículo feito entre 1995 e o 2007, bastaron uns poucos anos de crise para que o sector volte a repuntar, parece que non aprendemos. Os estudos das empresas inmobiliarias demostran que somos os reis da vivenda baleira en Europa con máis de 3,4 millóns.

Como se pode ver non hai o máis mínimo problema de produción de bens en España e seguirá sen habelo por moito que se xubile a xeración do baby boom, o verdadeiro problema que temos é o da repartición da riqueza e o da patolóxica mercantilización das nosas vidas que nos condena á miseria cando diminúen os nosos ingresos, aínda que ó noso redor haxa millóns de vivendas baleiras e toneladas de alimentos podrecéndose.

 

 

 

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.