A Irmandade da Costa

Ola! E aquí estamos por fin @s irm@s da costa. Un grupo contrainformativo anarquista que nace con vocación de ferramenta subversiva para os movementos sociais coruñeses e para toda a insurxencia galega. Un mazo para golpear conciencias, para facer tremer o establecido, para romper submisións e desbancar autoridades. Unha pinga de cáustico veleno no cóctel dos que mandan, un delicioso aroma de cicuta na sopa informativa do poder. Unha sanguinaria almorrana terrorista no cu de quen nos goberna, xa se digan fachas ou progres, “do cambio” ou do “non levo solto”. Un chisco de poesía gamberra e impertinente no monótono zumbido do telexornal, un exabrupto ateo sobre a folla parroquial da “libre información”.

Con burlona reverencia, recollemos o noso nome das pútridas mans dos piratas caribeños do século XVII, para enarboralo entre os farrapos da nosa negra bandeira libertaria e cuspilo con saña no rostro de calquera autoridade. Desde os arquipélagos do caribe ata as Rías Altas, desde a illa da “Tortuga” ata as rúas da Coruña, a historia da loita pola liberdade escríbese coa honestidade de mil batallas perdidas e ningunha retirada. Coa valentía do que perde sempre e nunca quebra, do que loita ata o final unha batalla sen posibilidade de victoria. Do que prefire perder con orgullo a vivir con vergoña… ou, simplemente, con resignación. De derrota en derrota ata a vitoria final.