Malleira Atlántica presenta o cadáver do CSO A Insumisa

Tras nove meses do desaloxo máis violento da historia da nosa cidade, o goberno de Marea Atlántica presenta o proxecto “Naves de Metrosidero”, o vindeiro mércores 13 de febreiro ás 19:30h no concello, proxecto nado a raíz do cadáver do CSO A Insumisa e que supón un auténtico insulto á autoxestión e autonomía dos Movementos Sociais.
Ademais de ser unha copia calcada e feita á medida dos espazos que de xeito horizontal desenvolvíanse no devandito centro social, elimínase a golpe de desaloxo toda existencia de loita contestataria, pasando a ser unicamente un espazo de contido lúdico e non político, coma calquera centro cívico municipal.
É verdadeiramente vergoñento, hipócrita e indignante que a Marea refírase a Naves de Metrosidero coma un “proceso participativo”, cando o único participativo que existiu foi a represión. Naves de Metrosidero realizouse á conta de decenas de feridas, cargas desmesuradas por parte da policía local dirixida directamente polo concello, que non escatimou en medios (porras extensibles metálicas, botes de gas pementa, entre outros), cargos abusivos ás persoas detidas (dende sedición ata atentado, pasando por lesións e ameazas), un compañeiro que pasou unha semana en cadea preventiva, unha persoa hospitalizada, dúas cabezas abertas con ata 15 grampas, dúas compañeiras resistindo máis de 11 horas no tellado (sen comer nen beber, xa a policía local recibiu ordes expresas para impedir que se lles fixera chegar calquera axuda), penas que poden ascender ata décadas de anos de cárcere e miles de euros en multas.

Este é o prezo que ten o marabilloso proxecto de Naves de Metrosidero, á conta da brutal represión dos Movementos Sociais da cidade.

Tan só coas reunións previas, Naves de Metrosidero custou 12.000 euros, así como un millón de euros do erario público para as obras iniciais, valores moi opostos aos do CSO A Insumisa que significou un espazo aberto, plural, autoxestionado, asambleario, antiautoritario, antipatriarcal e solidario fronte a outros procesos represivos. Realizando durante ano e medio actividades permanentes e puntuais de todo tipo (talleres, charlas, concertos, debates, festivais feministas e un longo etcétera) todo iso de xeito horizontal e sen ánimo de lucro.
Apoiar Naves de Metrosidero é asumir e calar ante a represión, invisibilizar a loita e resistencia das que non aspiramos a ser parte do poder, das que queremos contruír dende abaixo e para as de abaixo.

A INSUMISA RESISTE! ✊
10, 100, 1000 CENTROS SOCIAIS!
MELLOR DESCONTROLADAS QUE INSTITUCIONALIZADAS!
OKUPA E RESISTE!

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.