[Vigo] Alumeando a miseria

A través dunha rolda de prensa onde acudiron un cento de persoas, a Asamblea por un Vigo máis social presentou a campaña “alumeando a miseria”.

Deixamos a continuación o comunicado do colectivo:

O Concello de Vigo pretende cegarnos coas súas luces de Nadal para que
non vexamos a miseria e o sufrimento que a política social deste
Concello provoca na cidadanía. A tal fin, non dubida en gastar case un
millón de euros en decoración de Nadal mentres moitas veciñas sofren
graves problemas económicos e carencias de todo tipo que non
lles permiten satisfacer as súas necesidades básicas.

As institucións públicas, supostamente creadas e destinadas a garantir
unha vida digna para todas, prefiren deixar nas sombras a realidade
cotiá, antipática e pouco fotoxénica, ao tempo que constrúen un
modelo de cidade “escaparate”, fermosa pero pouco humana, unha sorte
de gran parque de atraccións para turistas. Un modelo de
cidade, no que só teñen cabida as persoas con capacidade de participar
no consumismo de Nadal, mentres as empobrecidas continuamos a ficar
excluídas.

O Concello prefire esa iluminada realidade inventada, de falsa
felicidade, onde só contan os intereses privados, a economía de
traballos lixo ligados ao turismo e a imaxe de que todo vai moi ben, no
que parece ser unha campaña electoral que nunca remata para o equipo de
goberno municipal.

A cidade que nós coñecemos é moi distinta. Na nosa cidade, a real e
escura, a non iluminada, as veciñas non reciben axuda debido á suposta
insuficiencia de orzamento por parte do Concello, mentres este paga
millóns de euros en indemnizacións a grandes empresas privadas, como
as concedidas aos aparcadoiros subterráneos ou ao ruinoso auditorio Mar
de Vigo, e segue a facer negocio coa política social ao destinar
millóns de euros a esas grandes empresas que xestionan os servizos
sociais máis básicos.

Mentres, non hai cartos nin vontade para combater problemas tan reais
como a suba constante dos prezos dos alugueiros e a dificultade de
moitas de nós para acceder a unha vivenda digna. Non hai cartos nin
vontade para combater a pobreza enerxética e o drama que isto supón
para centos de familias.

Non hai cartos nin vontade para dotar de recursos suficientes á oficina
de atención ás migrantes nin para impedir o recorte de persoal nos
Servizos Sociais

A resposta do Concello aos nosos problemas parece ser entón que
alimentemos as nosas familias con paquetes multicolores, que combatamos
o frío nos pisos, que apenas podemos pagar, con ducias de luces e
grilandas, e convertamos en felicitacións de Nadal as facturas
impagadas que acumulamos.

Non doutra maneira se pode entender que este goberno invista en dous
meses:

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 139.000 euros
de orzamento que destina ao albergue municipal nese mesmo período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 160.000 euros
de orzamento que destina a axudas extraordinarias a familias sen
recursos nese mesmo período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 12.000 euros de
orzamento que destina á teleasistencia para maiores nese mesmo
período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 50.000 euros de
orzamento que destina a axudas para pagamento de facturas eléctricas
nese mesmo período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 77.000 euros de
orzamento que destina a axudas de emerxencia para alimentos e produtos
básicos nese mesmo período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 160.000 euros
de orzamento que destina a axudas de libros, material escolar e comedor
nese mesmo período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 16.665 euros de
orzamento que destina a axudas á calidade e mellora do emprego da
mocidade nese mesmo período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 2.000 euros de
orzamento que destina a axudas para mulleres vítimas da violencia
machista nese mesmo período.

– Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 36.250 euros de
orzamento que destina a museos, patrimonio histórico e biblioteca nese
mesmo período.

Por isto esiximos, un ano máis, que se priorice a vida, a xustiza
social e as necesidades das persoas por riba das banalidades, os adornos
e os intereses privados.

Vigo, 23 de novembro 2018

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.