Seguiremos a loitar por un Lugo Vivo e Inclusivo

Despois de que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, paralizara o intento de aprovar a ordenanza cívica, a plataforma Lugo sen mordazas emite o seguinte comunicado a través dunha rolda de prensa que tivo lugar hoxe, 18 de outubro.

Esiximos garantías formais da retirada da “Ordenanza Mordaza”, que ata agora consideramos puramente virtual.

Dende a Plataforma Lugo Sen Mordazas consideramos insuficientes as declaracións da alcaldesa en resposta ás preguntas dun xornalista nas que afirmou que a Ordenanza de Civismo quedaba aparcada por falta de consenso e esiximos un comunicado oficial do goberno anunciando a retirada desta normativa no mesmo lugar no que se presentou, a Mesa de Traballo conformada polos voceiros de tódolos grupos municipais. Non se pode considerar efectiva a marcha atrás do goberno local se non foron informados nin o resto dos grupos políticos que forman a corporación nin a sociedade polas canles formais que corresponden a unha rexedora municipal, polo que estamos simplemente ante unha retirada virtual e non real. A alcaldesa ten acostumada á cidadanía a declaracións de intencións que deron lugar a grandes titulares na prensa e que despois non se teñen levado a cabo, polo que as súas palabras carecen de valor para as persoas integrantes desta Plataforma, que agardamos feitos que confirmen que non se seguirá adiante con este texto normativo represivo e excluínte, tanto no contido do seu articulado concreto como no seu espírito e obxectivos que persegue.

A pesares de considerar que queda moito por facer para que as mordazas desaparezan realmente da sociedade lucense e de priorizar a esixencia de garantías á alcaldesa para considerar a Ordenanza de Civismo un capítulo pechado, dende a Plataforma estamos de noraboa polo gran traballo realizado nestes meses, que culminou na grande manifestación na que ao redor dun millar de persoas amosaron o seu rexeitamento á Ordenanza Mordaza e a súa vontade de vivir nunha cidade viva e inclusiva. Estamos moi satisfeitas porque a presión social obrigou ao goberno a recuar e a correlación de forzas fóra da institución municipal non lles permite atreverse a aprobar esta lei inxusta e clasista, aínda contando con maioría plenaria suficiente para facelo.

Continuaremos coa a actividade de protesta, sensibilización e dinamización da rúa ante o que identifican como un aumento inxustificado do control policial e da represión con afán censor e de persecución política e discriminación socioeconómica, con exemplos recentes de sancións desmesuradas, como unha multa de 100 euros a un estudante por pegar unha única pegatina en tono de humor sobre os delitos e privilexios de Urdargarín alegando “deslucimento”, ou 300€ a un colectivo social por pegar cartaces, cando colgar avisos na rúa é o único xeito que teñen de difundir a súa actividade a maioría de asociacións sen ánimo de lucro que non teñen outro soporte ao seu alcance. A limpeza selectiva practicada polo goberno do PSOE, que ordena borrar os murais e arrincar os cartaces de contido reivindicativo dun día para outro, mentres deixa permanecer indefinidamente outro tipo de pintadas e anuncios comerciais como os dos clubes de alterne sen consecuencias legais para os anunciantes, é a proba que demostra que a intención do goberno non é conservar o patrimonio e coidar o mobiliario urbano, senón censurar e castigar as mensaxes que lles molestan. As recentes detencións de manteiros por parte da Policía Local durante o San Froilán tamén poñen de manifesto que a vontade do goberno “socialista” segue a ser criminalizar a pobreza e os medios alternativos de subsistencia.

Queremos facer fincapé en que permaneceremos vixiantes ante novos intentos de aprobar unha Ordenanza Mordaza a efectos prácticos, a través de manobras como o endurecemento e ampliación doutras ordenanzas xa vixentes ou outros “instrumentos” ao alcance da administración local, tal como anunciou literalmente que faría a propia alcaldesa Lara Méndez. Tamén estaremos alerta ante o feito de que o Partido Popular rexistrase unha proposición insistindo en que se continúe coa elaboración desta ordenanza para o Pleno deste mes de outubro, pois a máis que factible aprobación deste acordo plenario podería resucitar a tramitación desta normativa.

O discurso represor e reaccionario está a perder lexitimidade entre a cidadanía de Lugo, algo que dende a Plataforma consideramos o máis positivo froito recollido de todo o noso tempo de actividade, no que logramos demostrar a utilidade da organización colectiva e dos movementos sociais e construír unha sólida rede de solidariedade entre individuos e organizacións moi diversas entre si, capaces de programar actividades socioculturais e crear expresións artísticas de calidade e de balde, como o Festival Incívico, o cine ao aire libre, os contacontos na rúa e outras accións que demostraron que outro espazo público é posible fóra dos circuítos privados con afán mercantil e os institucionais.

Podemos dicir orgullosas que este outubro de 2018 o noso municipio ten unha sociedade máis concienciada ante a exclusión social e a persecución da diversidade e a disidencia que o pasado maio, e isto é algo que se lle debe agradecer ao traballo colectivo. Nese sentido, queremos reiterar o noso apartidismo e a convicción de que os cambios sociais se conseguen grazas á loita colectiva horizontal e dende abaixo, sen “padriños” políticos nin tácticas electoralistas de ningún tipo, e enfatizar que o único ultimátum lexítimo e válido que forzou á alcaldesa a desdicirse do seu discurso foi o da veciñanza lucense autoorganizada.

A actividade da Plataforma seguirá con normalidade coas súas asembleas regulares, a próxima este luns 22 ás 20:00h na Cova do Raposo (Rúa das Nóreas) e a vindeira acción programada son unhas xornadas que xa se están a organizar sobre modelos de cidade e xestión urbana alternativa, ás que convidamos a toda a xente a participar.

Seguiremos a loitar por un Lugo Vivo e Inclusivo!

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.