[Lugo] Sobre as coaccións ás veciñas da Tinería e a hipocresía dos empresarios

Difundimos da web da plataforma Lugo sen mordazas

A realidade do que está a acontecer no barrio da Tinería contada polas propias protagonistas. Veciñas que levan máis de 20 anos vivindo no barrio, buscando unha forma de vida, e que coa chegada do novo empresariado á zona cóntannos empezaron a sufrir presións, coaccións, ameazas e incluso agresións físicas, todo coa permisividade das autoridades.

Detrás a ameaza de aprobarse a «Ordenanza Mordaza», que as multaría con ata 3.000€ por ofrecer servizos sexuais e permitiría á policía irromper nas súas propias casas de forma arbitraria.

O transfondo da historia:

Sobre as coaccións ás veciñas da Tinería e a hipocresía dos empresarios

Este Luns denunciouse dende a Plataforma de Lugo Sen Mordazas, conformada por máis de 30 colectivos sociais, políticos, sindicais e culturais, a situación de abusos e coaccións que están a sufrir as históricas veciñas do barrio da Tinería que ofrecen servizos sexuais, xa de por si estigmatizadas pola sociedade e que buscan sobrevivir dentro dun precario ou ausente mundo laboral, fronte aos privilexios de quen as presiona e maltrata: parte do empresariado e as institucións actuais.

Como chegamos a dar conta desta situación?

Dende a plataforma, sabendo que detrás de cada paso que da o Concello socialista hai fortes poderes económicos, investigamos quen estaría presionando para impulsar a xa denominada “Ordenanza Mordaza”, que afectaría a todas as persoas que viven ou pasan por Lugo nun regreso ao pasado que lembra á “Ley de Vagos y Maleantes”, cunha especie de “policía moral” patrullando as nosas rúas coa arbitrariedade como escudo insigne.

Foi entón cando dimos co chamado «Observatorio de Empresarios y “Vecinos” para la Seguridad Ciudadana y Servicios» reunido en múltiples ocasións coa Alcaldesa Lara Méndez. Entrecomillamos “vecinos” porque este observatorio -cuxo nome chama xa a un alarmismo innecesario sendo Lugo unha das cidades máis seguras do Estado- está conformado na súa meirande parte por fortes sectores da patronal e non pola veciñanza de Lugo. Queren falar por nós.

A raíz desta investigación puidemos comprobar que non eran outros senón estes sectores reaccionarios, a miúdo pouco preocupados por outras cuestións como o salario dos seus traballadores e traballadoras, quen quería impulsar esta lei regresiva.

En base a esta investigación seguimos tirando do fío ata caer no barrio da Tinería e tamén na Asociación de Empresarios Itineris, a cal quedou retratada no artigo publicado onte no Progreso onde o seu presidente, José Manuel Blanco, erixiuse impulsor e defensor aférremo da Ordenanza Mordaza.

Na entrevista, onde nós poñíamos o foco nas coaccións ás mulleres que elas nos contaron de primeira man, o presidente de Itineris recalcou que o que querían era “crear ambiente na zona a través de xornadas de ocio”, facendo alusión á festa organizada en Xuño neste barrio. Cabería aquí mención especial aos episodios no que estas mulleres durante a propia festa foron discriminadas e non atendidas en calidade de clientes nos establecementos polo mero feito de ser quen son. Unha situación discriminatoria e inhumana.

Recapitulando ao redor do concepto de “ocio” defendido pola asociación de empresarios, este entra en contradición coa súa forte defensa da “Ordenanza Cívica”, pois as bases e obxectivos da mesma é que o único ocio que se promova sexa un, o de pago, mentres coarta o ocio libre e espontáneo. Pois recolle multas de ata 750 euros ás crianzas por xogar na rúa, a malabaristas ou a músicos por tocar nos espazos públicos, así como ata 1.500 euros por facer acrobacias no monopatín ou na bicicleta.

O único que lles interesa no fondo é o lucro, o que deixa cartos, despoxando dun Dereito Humano, o dereito ao ocio, á meirande parte da poboación. Non só sinalamos o que supón restrinxir o ocio libre nas prazas, senón o que supón basealo só no consumo. Nesas terrazas que pasaron a ocupar as nosas vistas, nun consumo excesivo de alcol e drogas, en detrimento dun ocio san e gratuíto, como esas crianzas cos nocellos amoratados de xogar na rúa. Recuperar o espírito que os nosos maiores, e non tan maiores, aínda gardan na retina.

Pintada protesta

Falemos entón claramente de intereses económicos e da necesidade de despoxar ao que consideran interfire nos seus obxectivos economicistas, o que afecta tamén aos colectivos sociais e culturais críticos con esta sociedade e que buscan outros modos de organizarse, vivir e convivir. Falemos entón de que buscan despoxar de dereitos, do seu lugar e das súas vivendas, ás persoas que lles molesta, a esa “basura” (como lles chama algún empresario) que son as mulleres que levan décadas sendo veciñas da zona: as mulleres que exercen a prostitución, tendo por antigüidade (e solidariedade) máis lexitimidade na creación dese “novo” barrio do que falan os novos inquilinos-empresarios alleos á realidade social. Ese barrio non é novo. A Tinería é un dos barrios máis antigos, dende onde estas mulleres levan anos tecendo tecido social en afinidade coa nova veciñanza. Falemos entón de xentrificación, ese proceso que se da en determinados procesos de transformación urbana polo que zonas estratéxicas dunha cidade aumentan artificialmente o seu valor provocando o desprazamento da poboación economicamente vulnerable.

Remarcamos que estas mulleres non practican sexo na rúa, non exercen na rúa; a non ser que consideremos que falar na vía pública é un privilexio reservado só para algúns. Por iso é unha falacia o que fai o presidente da asociación de empresarios ao comparalo con que eles tampouco poden sacar as barras dos seus bares á rúa (que por certo, si poden, a vistas das terrazas previo pago coa consecuente deriva privatizadora dos espazos da nosa cidade). O que si é certo é que estas mulleres están sufrindo ameazas e ata agresións físicas polo mero feito de camiñar polas prazas, polo mero feito de ir a facer á compra, de ir tirar o lixo… Polo mero feito, en definitiva, de ser elas, e por riba, de existir. Situación que se agravará de aprobarse a Ordenanza Mordaza, poñéndoas nunha situación de maior de vulnerabilidade con multas de ata 3.000€ e coa policía podendo entrar de forma ilegal nas súas propias vivendas.

Imaxinádesvos sufrir todo isto e ademais ser criminalizadas pola prensa, o resto da sociedade e as autoridades?

Entrevistas ás protagonistas (subtitulado ao español aquí)

A nós atoparannos enfronte e defenderemos a estas mulleres da violencia machista, pois é o que é indistintamente da súa condición de clase, etnia ou raza, como defenderemos a todxs xs que se verán, de aprobarse, afectadxs por esta ordenanza. Incluídas esas persoas ás que queren expulsar dos barrios porque consideran, algúns, que interfiren na súa conta de resultados, o único marco que entenden e que ten como resultado a violencia económica.

Cando eles falan de cartos, nós falamos de persoas.

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.