A Ordenanza Mordaza de Lugo

Desde Lugo achegan este texto explicando a ordenanza mordaza que quere aprobar o concello e a loita que esta levando a cabo a plataforma Lugo sen mordazas.

O Concello de Lugo, en mans do PSOE, sacou un borrador de “Ordenanza Cívica e Seguridade” que conta co apoio do Partido Popular e Ciudadanos (maioría suficiente) para a súa aprobación a curto prazo, pero enfróntase á oposición do resto dos partidos e, sobre todo, á mobilización dende a rúa.

E o segundo intento do PSOE, xa que en 2011 foi o exalcalde Orozco imputado en tres causas xudiciais; a ORA, en ramas da operación Pokemon e o Garañón quen tentou poñer en vigor unha primeira ordenanza de “civismo”, que finalmente non foi aprobada grazas á presión que viu de diferentes colectivos sociais e á oposición dalgúns dos partidos do Concello.

Desta volta a nova Ordenanza Cívica e Seguridade, rebautizada xa como “Ordenanza Mordaza”, é moito máis reaccionaria que a de anos atrás, o que levou a máis de 30 colectivos sociais, culturais, políticos e sindicais, ademais de individualidades, a poñer en marcha a Plataforma Lugo Sen Mordazas para frear esta ordenanza “racista, clasista e machista” segundo describe a propia Plataforma, e que estigmatiza aos colectivos máis vulnerables, persegue toda forma de economía alternativa e reprime aos movementos sociais a través das inxustas e desproporcionadas sancións administrativas. Todo baixo o paraugas do populismo que se está a desmontar pouco a pouco dende a Plataforma, pero que chegou a cobrar forzar grazas tamén á necesaria propaganda dos medios de masas como El Progreso e La Voz de Galicia a través do sensacionalismo e o alarmismo, creando un discurso do medo e da “inseguridade” con noticias anecdóticas e a miúdo falsas de Lugo, presentándoa como unha cidade insegura cando máis ben acontece todo o contrario, pois é das máis seguras do Estado español, e a segunda en canto a roubos se refire (dentro dos seus propios parámetros).

Esta ordenanza engloba tres obxectivos: a privatización e control do espazo público, como as sancións das formas artísticas ou de xogo espontáneas, con multas que van dende os 750 euros ata os 1.500 euros por as crianzas xogar nas prazas ou ás artistas por expresar a súa arte na rúa como facer música, e incluso a incautación dos instrumentos. Ao que hai sumar a “Lei de Espectáculos de Galicia” aprobada pola Xunta de Galicia, o que limita as actuacións artísticas e a música en directo en pequenos locais, polo que pasa a concentrarse só nas grandes salas de concertos, o que sumando ambas é un ataque directo á cultura e o arte de carácter popular. Unha clara forma de censura e veto encuberto.

Outro obxectivo desta ordenanza é a a criminalización e a estigmatización dos colectivos “máis vulnerables”, sancionando a mendicidade con ata 3.000€ por pedir esmola na vía pública, vender panos, etc. ou 750€ por durmir nun banco. Outro punto claramente represor son as multas ás traballadoras sexuais por exercer o seu traballo non só na vía pública, senón tamén en pisos, sancionando por suposto tamén aos clientes (o que incluso critican duramente dende colectivos como Hetaira). Un punto, as sancións ás traballadoras sexuais, que une aos colectivos feministas tanto abolicionistas como prosex.

Por último a censura e a persecución aos colectivos socio-políticos, multándoos con ata 1.500€ por cuestións tales como colocar carteis ou recoller firmas (o que xustamente se está a facer agora contra a ordenanza). Coa nova ordenanza, colocar unha mesa informativa e/ou de recollida de firmas, pasaría a depender da vontade Goberno de turno, xa que sería necesario obter un permiso explícito, cando ata o de agora só era necesario dar o aviso, o que supón a total e absoluta arbitrariedade dos intereses partidistas e polo tanto é unha coartada á protesta, mobilización e á liberdade de expresión.

Non é casual que se pasase a chamar “Ordenanza Mordaza”, pois os paralelismos á “Lei Mordaza” son moitos, tamén en canto a que outorga un poder absoluto á policía e dálles total arbitrariedade, tendo os axentes valor probatorio, e interpretando os administrativos, após das sancións propostas pola policía, o que son ou non por exemplo “tumultos” ou “palabras soeces”, o cal ambas están recollidas na ordenanza como infraccións e multado con ata 750€. Así como a acampada, sendo casualidade e moi significativo que o día do presentación da plataforma coincidise co aniversario do 15-M, o cal estaría agora perseguido dende o propio Concello.

Esta ordenanza ademais fomenta a cultura da vixianza, control e chivatazo dxs propios cidadáns, xa que aquela persoa que se negue a informar do que esta ordenanza considera falta estaría recollido como infracción grave, cunha sanción de ata 3.000 euros. Outra forma de control e autovixianza e fomento da desconfianza entre xs cidadáns é que as asociacións que organicen calquera acto público serán responsables dos comportamentos individuais das persoas que se acheguen, podendo ser sancionados os propios colectivos. Incluso as persoas que se atopen nun lugar público no que ocorran feitos recollidos na ordenanza como faltas, poderán ser multadas aínda que non sexas partícipes das mesmas, e “no caso en que non fora posible determinar o grado de participación dos diversos suxeitos que houberan intervido na comisión da “infracción”, a responsabilidade será “solidaria”.

Por suposto outra similitude coa “Lei Mordaza” é que o pago inmediato das sancións, sen as alegacións oportunas, supón diminuír á metade á cantidade a pagar, o que se traduce nun incumprimento do dereito á lexítima defensa, estando sometidxs á coacción da variabilidade da cantidade económica a pagar.

Dende a Plataforma, ademais do traballo que están a levar na rúa, cuxa última gran acción foi reunir ao redor de 100 persoas o día do pleno do Concello, irrompendo neste con carteis como forma de protesta; denuncian que o proxecto de ordenanza está chea de fallas xurídicas, xa que “existe unha falta de competencias do Concello para lexislar moitos dos aspectos incluídos, como por resultar moitos deles contrarios á lexislación vixente e por non respectar os dereitos e liberdades civís máis básicos, como así xa o acreditan informes de xuristas doutros municipios”.

Por suposto a ordenanza está adornada cunha introdución discursiva do máis hipócrita, pois só hai que irse ao artigo 5 do Título II onde se di que “é un deber básico de convivencia cidadá tratar con respecto, atención, consideracións e solidariedade especiais a aquelas persoas que, por circunstancias persoas, sociais ou de calquera índole, máis o necesiten”, o cal contravénse co exposto anteriormente, deixando ao descuberto, unha vez máis, a hipocrisía deste tipo de ordenanzas que obedecen ás demandas da patronal e sectores máis reaccionarios.

Son estes quen teñen no seu poder a imposición política, deseño social e arquitectónico das nosas cidades para servir aos seus propios intereses, o cal dende colectivos afíns estase a destapar, máis alá de sinalar aos e ás representantes políticos. Exemplo disto foi o colectivo transfeminista Translurpies que durante a primeira festa do barrio da Tinería o pasado fin de semana ─ barrio histórico lucense coñecido pola existencia de mulleres que exercen o traballo sexual ─ repartiu información sobre o que son os procesos de xentrificación, sendo este barrio un exemplo paradigmático, onde a patronal está a desprazar ás traballadoras sexuais por e para seus intereses, camuflado cun fío discursivo paternalista de falsa “preocupación pola situación das prostitutas”. Pero a raíz de diferentes entrevistas, tanto a patronal como algunhas asociacións veciñais, demóstrase que o único que lles molesta é a súa propia existencia, como a hoteleira Marisol Fernández que aseguraba nunha entrevista para El Progreso que as prostitutas molestaban aos seus clientes, ou Sonia García Presidenta dunha asociación de viciñxs que asegurou que “si trabajasen dentro de locales no sería tan molesto”.

A Plataforma, mentres tanto, segue en pé de loita con mesas informativas, facendo labor de contrainformación nas redes sociais, traballando dende grupos de investigación e preparando tamén unha acción masiva que terá lugar nas vindeiras semanas.

Deixa un comentario