Ofrenda floral aos mártires da folga xeral de 1901 na Coruña

Recollemos estas palabras dos compañeiros do Ateneo Xosé Tarrío sobre a ofrenda floral que tivo lugar o pasado domingo na coruña. Actividade enmarcada dentro das xornadas Coruña libertaria que continúan no Ateneo o día 6 ás 20h con a proxección do documental “Memorias rotas, balada sobre el comandante Moreno” e presentación a cargo da súa directora Manane Rodríguez.

Onte ás 12:30 estivemos no cemiterio de Santo Amaro lembrando a folga xeral de 1901 fronte o monolito erixido por petición popular en lembranza dos mártires de ditos sucesos.

Se ben se lle podería chamar o Primeiro de Maio coruñés, é unha parte da nosa historia que está case esquecida:

O 30 de maio de 1901, nunha época no que o sindicalismo ía en aumento, os traballadores e traballadoras de consumos iniciaron unha folga pra obter unha mellora salarial. A empresa propuxo atrasar a folga 72 horas, coa intención de traer esquiroles dende Madrid, cousa que non surtiu efecto e fíxose unha manifestación dunhas 1000 persoas o xoves 30 de maio, tendo como resultado unha carga policial que acabou coa vida de Mauro Sánchez (34 anos de idade, de Monte Alto).

Isto resultou nunha movilización da clase obreira chegando a convocar unha folga xeral a partir do 31 de maio. Foi entón cando se declarou o estado de Guerra na provincia e a infantería cargou contra o proletariado, chegando a asasinar a outras 8 persoas, algunhas das cales aparentemente só observaban os sucesos, como son os casos de Benita García (20 anos) e Manuela González (29 anos), traballadoras de hotel, e Josefa Corral (42 anos), que vía o acontecido dende a súa galería. Outras vítcimas foron Jacobo García, zapateiro; Antonio Bruno, aguador; Francisco García Lodeiro (35 anos), aserradeiro; e Antonio María Veiga, carpinteiro.

Tamén houbo varias persoas feridas (lembramos que nesa época cargaban con sable) e hai dúbidas de se foron máis as persoas asasinadas (algunhas fontes contan ata 10 persoas, pode que outra destas 10 fose Concepción Alonso), ademáis de máis de 100 persoas detidas antes de rematalo día.

Pensamos que é importante lembrar loitas como estas, non esquecer a súa historia porque é tamén a nosa.

Non esquecemos, non perdoamos.
Viva a anarquía!

>Máis información aquí:
http://www.cntgaliza.org/files/Folga_Corunha_Maio_1901.pdf

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.