[Compostela] Comunicado da concentración pola okupación do pasado venres

Difundimos o comunicado da jornada pola okupación organizada por unhas solidarias que tivo lugar en Compostela o pasado venres. 

A semana pasada desaloxaban ilegal e violentamente o CSOA A Insumisa, na Coruña. Un proxecto autoxestionado, autónomo, colectivo e aberto que dinamizaba unha axenda política, social e cultural baixo uns mínimos horizontais e antiautoritarios. A Marea Atlántica, que por fin se descubre como servidora do capital e dos intereses do poder, tentou fagocitar o centro social e botar por terra o esforzo altruísta destes anos. As insumisas, firmes e convencidas de a que lado pertencen, non deron un paso atrás na defensa do proxecto, así que cunha infantil pataleta, a Marea botoulles enriba aos seus mercenarios locais para reprimir ás solidarias, ás que resisten convencidas de que a loita é o único camiño e que os ideais non se mercan. Ademais dos paus recibidos, unha persoa foi detida e enfrontarase a un novo proceso xudicial ao que vos convidamos a estar atentas e a solidarizarvos.

Hai un ano, esta cidade vivía un outro golpe represivo. Desta volta, articulado pola presión dunha grande empresa especuladora, A Rosaleda, que provocou o peche do Escárnio e Maldizer tras tres anos de traballo colectivo, para deixar un edificio máis abandonado e disposto para ser obxecto da praga da turistificación. Este desaloxo tamén tivo do seu lado ás forzas represivas, que cunha violencia avasaladora, nos empuxou unha vez máis ás garras da mal chamada xustiza. Ademais das numerosas multas para todas as persoas que dignamente se pecharon na breve okupación do Peleteiro como resposta ao desaloxo do Escárnio, nove persoas enfróntanse a un outro proceso xudicial ao que a solidariedade nos chama a acompañar. Porque se tocan a unha, tócannos a todas, e este non debe ser só un eslogan.

Non esquecemos ás compas de Alsasua hoxe condenadas ata a 13 anos de prisión, ás compas do pobo recuperado de Fraguas, aos músicos perseguidos polas súas cancións, ás persoas presas, ás migrantes, ás desafiuzadas, ás precarias… Ante este panorama fascista para nós está claro onde debemos seguir e cara onde debemos camiñar.

Solidariedade, horizontalidade, feminismo, autoxestión… As rúas serán sempre nosas!

Por último, queremos mandar unha aperta solidaria ás compas da Gentalha do Pichel, que sufriron un roubo o outro día, quedando expostas a unha situación moi precaria.

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.