Comunicado da plataforma «Altsasukoak aske» ante a sentenza do caso de Altsasu

Ignominia, barbaridade humana e xurídica, inxustiza, vinganza de psicópatas, horror, aberración… non hai palabras para describir o que supón esta sentenza. Secuestraron a mocidade dos nosos amigos e amiga. Queren encerralos durante longos anos, entre 13 e 9, en escuros calabozos, e esnaquizar a vida de oito familias de Altsasu. Baseáronse na mentira, na manipulación, na terxiversación, na esaxeración, na sobreactuación e sobre todo, no abuso de poder, dun poder despótico, o da Audiencia Nacional, o da Garda Civil e o dalgúns medios de comunicación. Todo iso desembocou na conculcación dos principios básicos que deben sustentar unha sociedade sa.

E a xustiza española, nin é xustiza, nin é sa. Primeiro, porque isto non é terrorismo. Ata a Audiencia Nacional o recoñeceu. Antes xa o deixaba claro de maneira argumentada a Audiencia Provincial de Navarra. E se non é terrorismo, os feitos deberían ser xulgados en Navarra, non en Madrid. En cambio, a intromisión e a inxerencia dos poderes centrais desde Madrid, levaron a que os feitos ocorridos en Navarra, non se xulguen en Navarra senón en Madrid, nun tribunal especial e excepcional que descoñece e despreza completamente a nosa realidade. Detiveron aos nosos amigos e os levaron a Madrid e encerráronos en cárceres de Madrid, afastados de todas as súas familias e as súas amizades. Como podemos defendernos da intromisión, secuestro e o abuso que proveñen desde os poderes centrais?

A xustiza española, nin é xustiza, nin é sa, porque vulneraron as garantías a un xuízo xusto e ao dereito á defensa. A sombra da Garda Civil, e non só a sombra, sobrevoou en todo este proceso. A xuíza Lamela, a instrutora da causa na Audiencia Nacional, a que non permitiu a inclusión de probas e relatos de testemuñas ás defensas, está condecorada pola Garda Civil. A Garda Civil levou a cabo a investigación desta causa. Onde queda a imparcialidade na investigación dos feitos? A Garda Civildetivo aos nosos amigos. Testemuñas e peritos foron membros da Garda Civil. E o que é máis alarmante, a presidenta do Tribunal que condenou a estes oito novos, está casada cun Coronel da Garda Civil e recibiu a cruz ao mérito da Garda Civil. Onde queda a neutralidade do tribunal e da Xustiza? Como podemos defendernos dun corpo e un modelo policial que en lugar de estar ao servizo da sociedade e supeditado ao sistema xudicial, compórtase con tales ansias vingativas e sitúase por encima dos poderes democráticos?

E a xustiza española, nin é xustiza, nin é sa, nin é garantista, porque guíase pola vinganza e eleva o punitivismo a doutrina. Por unha banda, como efecto máis grave temos unha lesión de nocello, e doutra banda, temos provocativas penas de cárcere. A desproporción e a arbitrariedade xurídica resultan vergoñentas e terroríficas. 9571 casos similares no ano 2016 e en ningún caso con lesións equivalentes houbo condenas que supoñan ingreso en prisión. Hoxe mesmo coñecemos a sentenza sobre uns feitos similares ocorrido cuns Policías Nacionais nun bar de Pamplona e a condena máxima foi de dous anos e medio. Quen nos defende desta chamada Xustiza vingativa que actúa con odio e contra a convivencia e os dereitos humanos fundamentais?

Queremos Xustiza, xustiza con maiúsculas, xustiza garantista, xustiza enraizada na nosa terra, xustiza que actúe ao nivel dos estándares democráticos de respecto aos dereitos e as liberdades que prevalecen na sociedade navarra. Por todo iso, para denunciar esta vergoñenta e indigna INXUSTIZA e para construír unha sociedade e un sistema xudicial democrático chamamos á sociedade para difundir estas mensaxes, a ser parte activa e participar nas mobilizacións que se realizarán nas seguintes datas. O día 16 de Xuño, pola tarde, volveremos encher as rúas de Pamplona para pedir XUSTIZA en maiúsculas.

Grazas

Plataforma ALTSASUKOAK ASKE.

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.