As mentiras de “La Voz”

Non é nada novo que “La Voz de Galicia”, a soldo do PP, minta. As tan xugosas como fraudulentas subvencións outorgadas pola Xunta por promocionar Galicia e o galego (?) compran a súa parcialidade ao nada desdeñable prezo de máis de medio millón de euros dos fondos públicos. Así é que a campaña antiokupas despregada polo voceiro conservador tiña por fin prexudicar a Marea Atlántica en favor dos intereses Populares.

Non é casual que varios altos cargos do PP traballen ou traballasen en “La Voz” (incluído o antigo alcalde Negreira). Vinculando a okupación da Insumisa co actual consistorio coruñés pretenderon danar a Marea Atlántica; sobre todo despois de que o ministerio de fomento, en poder dos conservadores, desbloquease unhas cuantiosas subvencións co único fin de forzar ao goberno blandengue e reformista de Xulio Ferreiro a acometer o desaloxo ou afrontar o acoso e derriba de políticos PePeros en pinza con “La Voz de Galicia”, a súa folla parroquial. Polo que a nós respecta que se maten entre eles, pois tras os últimos acontecementos o máis bonito que podemos desexarlles aos politicuchos da marea é que as máis virulentas purgacións colonicen e devoren os seus aparellos reprodutivos con agónica e dolorosa ferocidade. Con todo non imos permitir que no seu todo vale para enmerdar ao inimigo vinculen o bo nome da Insumisa con esa cuadrilla de hipócritas despreciables.

Para empezar pretenden facer crer (e son xa varias as veces que o dixeron) que unha sentenza xudicial recoñeceu que o concello consentiu a okupación da Insumisa. É certo que unha sentenza do contencioso sentenciou que as institucións non fixeran o suficiente por desaloxar xs okupas, pero esa sentenza culpaba por igual ao concello como ao ministerio de defensa. O escrito xudicial equiparaba a ambas institucións no descoido das súas obrigacións para o desaloxo. Á fin e ao cabo o Ministerio de Defensa, en mans do PP, aínda que podía perfectamente acometer o desaloxo, preferiu non facelo para forzar a Marea a que o fixesen eles, co desgaste consecuente que iso lles suporía (e supúxolles). Así que dicir que unha sentenza xudicial afirma que o concello consentiu xs okupas é EXACTAMENTE O MESMO que dicir que unha sentenza xudicial asegura que o exercito español consentiu a okupación. Isto sábeno perfectamente en La Voz de Galicia, pero a desinformación é así.

Outra mentira xa mil veces repetida é a de que o concello acometeu obras en beneficio dxs okupas. Iso é completamente falso e xa se desmentiu mil veces, pero, por si acaso, aquí vai a mil e una: Antes da okupación xa había unha orde para derrubar unha das naves das instalacións da comandancia que, debido ao seu lamentable estado de abandono e deterioro, estaba a desprender cascotes sobre a beirarrúa. Polo inmenso perigo que iso supoñía para a cidadanía que circulaba pola rúa (que non pola okupa) a policía local precintou un anaco da beirarrúa con vaias e obstáculos que impedían o tránsito. Á asemblea da okupa ese edificio non lle interesaba en absoluto, non o utilizaban e de feito atopábase nunha zona das instalacións clausurada e á que non se permitía o acceso. Ousexa que xs okupas suáballes a cona se tiraban ese edificio ou deixabano en pé. Pero o concello pediulles xs okupas que lles permitisen derrubar a ruína pola seguridade dos viandantes que pasaban FÓRA da okupa. Tras arduo debate, a asemblea da Insumisa acordou que sería unha irresponsabilidade case criminal pola súa banda impedir unhas obras que garantirían que ningún veciñx da cidade morrese esmagado por un cascote. Así que accederon a consentir a derriba. Realizou entón obras o concello en beneficio dos okupas? Calquera persoa corda e con dous dedos de fronte concluiría que non, pero “La V​oz de Galicia”, que coñece á perfección as reviravoltas do caso, afirma o contrario.

Outra das mentiras que non se cansa de divulgar este infame pasquín de ultradereita é que o concello e xs okupas estaban en sintonía desde o momento da okupación ata case o desaloxo. Que eran practicamente a mesmo contorna e que estaban orgánicamente vinculados. Pois isto é outra burda mentira. Xs okupas non se cansaron de proclamar a súa autonomía desde o principio, facendo fincapé nisto xa desde os seus primeiros comunicados. A okupación sempre foi autónoma e independente de calquera entidade externa. Marea Atlántica nunca estivo informada da intención de okupar, nin de ningunha outra cousa que concernise ao desenvolvemento libre da Insumisa. De feito moitas das persoas que promoveron, realizaron e mantiveron a okupación eran e son anarquistas, o que por definición enfróntaos a calquera partido político. Tan é así que un sector importante da Insumisa fixo no seu día campaña pola abstención activa e en contra da Marea Atlántica. Non quero dicir con iso que a okupación en si fose anarquista, alí conviviron varias tendencias de diverso signo, incluso algúns votantes da Marea Atlántica (aínda que nunca membros activos do partido). Pero é evidente que o sector anarquista, de innegable importancia durante todo o proceso, nunca consentiría os cabildeos coas institucións que “La Voz” non se cansa de suxerir. Probablemente a día de hoxe moi poucos dos antigos usuarios da Insumisa voten a semellantes papanatas, coa probable e anecdótica excepción dalgún dxs escasxs esquiroles que se pasaron ás Naves de Metrosidero. Por certo outra asquerosa mentira de “La Voz”, esta vez promovida tamén pola Marea Atlántica, pois se contan cos dedos dunha man os usuarios da insumisa que participaron dese despreciable enxendro municipal.

Certamente algúns dos concelleiros ex-okupas eran vellos coñecidos dalgunhas das persoas da asemblea. Pero iso non quere dicir, nin moito menos, que pertencesen a mesma contorna política. De feito a maioría deles atopábanse nas posicións máis afastadas que a contorna okupa pode tolerar.

Así que queridos desinformadores de “La Voz de Galicia”, facede o favor de mentir menos descaradamente, que unha cousa é a liña editorial e outra unha canallada sen escrúpulos. Que sabemos ben que ledes o que escribimos con cínica avidez.

C.R.

Deixa un comentario