Comunicado da plataforma polas 6 detidas na operación ICE trala retirada da maioría dos cargos

Difundimos este comunicado da “Plataforma por las 6 de Ice”  tralas últimas novidades no caso. Animamos a consultar a súa web para coñecer máis sobre a súa situación e de como apoiar ás compañeiras.

Baixan os cargos

O xoves 17 de maio recibimos o escrito de acusación da fiscalía. Despois de tres anos de investigación por parte da Brigada de Información da Policía Nacional e a Audiencia Nacional, os graves cargos que terminaron coa detención das seis persoas do colectivo Straight Edge Madrid quedáronse reducidos á presunta comisión dun único delito: enaltecemento do terrorismo.

Este escrito provocounos á vez alegría e perplexidade.

Alegría, porque a pena que procedería impoñer, en caso de ser atopados culpables, sería de “só” dous anos de prisión. O panorama xa non é tan negro como nolo imaxinabamos.

Perplexidade, porque non entendemos como se chegou ata aquí. De considerar aos seis procesados como membros dunha organización terrorista anarquista responsable do ataque a dúas sucursais bancarias, enfrontándose a penas de máis de 35 anos de prisión, a un delito de enaltecemento do terrorismo.

É unha moi boa noticia que se volatilizaran os cargos derivados da consideración de Straight Edge Madrid como unha organización terrorista, así como que desapareceran as acusacións sobre a queima de sucursais bancarias.

Pero isto reafírmanos na nosa postura desde o principio desta operación policial: simplemente foi unha operación policial amparada na lei Mordaza para meter medo entre os movementos sociais, que NUNCA houbo probas nin indicios suficientes para sustentar estes cargos.

E, con todo, mantívose en prisión a un dos acusados durante case un ano e medio, con constantes cambios de centro penal, sometido ao réxime FIES e á política de dispersión que emprega o estado cando se trata de delitos de terrorismo.

As outras cinco persoas detidas tiveron que facer fronte a fianzas cuantiosas, tendo en conta a súa idade e os seus medios económicos; perderon cursos académicos; tiveron que renunciar a oportunidades laborais ou de estudos fora do estado español.

Se a xustiza chega tarde, non é xustiza. Ninguén se fará responsable dos meses en prisión de Nahuel, da desazón dos procesados, da angustia de familiares e amigos…

Pero este longo proceso non foi só doloroso. Tamén foi un camiño de aprendizaxe e de solidariedade, de descubrimento de persoas e colectivos que hoxe consideramos amigos.

Sabemos que non podemos atopar xustiza dentro dun sistema inxusto, pero isto só nos anima a seguir construíndo a sociedade que levamos nos nosos corazóns. Seguimos xuntas nesta loita pola absolución das seis de Ice e de todas aquelas persoas que se enfrontan a procesos xudiciais por expresar, simplemente, que outro mundo mellor é posible.

Plataforma polas 6 da Operación ICE

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.