Comunicado contra o desaloxo do CSO A Insumisa

Xa é un feito. O suposto “goberno do cambio” da Coruña desaloxou o Centro Social Okupado A Insumisa. E non só saltáronse a legalidade vixente e as máis mínimas garantías democráticas (pois foi un día antes de expirar o prazo estipulado) se non que ademais o fixeron pola forza. Non coa mínima imprescindible, nin moito menos, senón con sadismo e crueldade. Gas pementa, porrazos, contusións, cóbados esnaquizados, brechas na cabeza (de ata 9 grampas)… a nova política. E non foron os antidisturbios, non, esta vez non poderán escusarse con iso; foi a policía local, xente ás súas ordes, os seus subalternos, os seus esbirros, o seu brazo armado. Se que agora dirán, como xa fixeron outros antes que eles, que a culpa é nosa, que nós empezamos, que a policía só defendeuse… pero saben que minten. Saben perfectamente quen golpeou primeiro e, aínda que agora pretendan enganar á xente, como antes facía a “vella política”, tanto nós como eles sabemos a verdade. E ao pobo consciente e organizado tampouco poderán enganalo. Marea Atlántica son directamente responsables da represión e a violencia. Máis aínda que os lacaios que empuñaban as porras que eles ordenaron desenfundar. Algún día terán que responder por esta infamia.

 

Por fin conseguírono. A máquina de triturar utopías devorou un Centro Social: unha sala de concertos, un skate park gratuíto, un ximnasio utoxestionado, un local para charlas e talleres, unha cociña popular e vegana… fonte de financiamento de causas solidarias e ferramenta imprescindible dos Movementos Sociais. Aniquilaron unha okupa, libre e asemblearia, que cuestionaba cos seus actos e a súa mera existencia o capitalismo, a especulación e a propiedade privada. Pero que lle importará iso á “nova política”? Que é iso da autoxestión e o dereito a teito? Parece que a eles preocúpanlles máis o poder e as mansións de 600.000 euros.

 

E o máis patético de todo é que pretenden vender a destrución dun espazo liberado por medio da máis descarnada forza bruta como unha conquista social e unha recuperación do público. Que hai máis público que un Centro Social aberto no que todas poden decidir de xeito igualitario por medio dunha asemblea libre e desxerarquizada? O fantasmagórico procreo de Naves de Metrosidero non é máis que unha burda farsa coa que Marea Atlántica pretende cavar baixo os nosos pés. Socavar o noso apoio devorando o noso proxecto social para regurxitalo logo teledirixido baixo o seu control. O tempo poñerá a cada quen no seu lugar.

 

Pero ao pobo consciente non se lle engana tan facilmente. E moito menos despois de amosar a súa verdadeira natureza autoritaria e represora. As mans manchadas de sangue non son tan doadas de ocultar. Caéronse as caretas e os sorrisos hipócritas e os discursos baleiros xa non poderán devolvelas o seu sitio.
Nós seguiremos resistindo. Seguiremos abrindo espazos de liberdade e autoxestión para defendelos tras dos seus muros e nas rúas do autoritarismo e a represión. Non renunciaremos a soñar cun mundo mellor nin a loitar por conseguilo. Sabemos que para cambiar o mundo non basta con desexalo con forza nin proclamalo na internet, fai falta o compromiso e a decisión de tomar as rúas cando o require a ocasión. Sabemos que ao noso caròn estarán as solidarias, as rebeldes, as soñadoras e as que aínda non se renderon. Ven connosco a achegar un pouco máis a utopía á realidade.
Un desaloxo, outra okupación!

Vémonos nas rúas.

 

One thought on “Comunicado contra o desaloxo do CSO A Insumisa

  1. HIPÓCRITAS MAREANTES!!

    Depiois das brutais cárregas policiais de ontem contra a penha da INSUMISA por parte das suas forças policiais vam e tiram um seu Comunicado onde falam de afondar no diálogo e a sua 1ª medida é suspender o ato onde diziam que iam debater numa conversa aberta sobre os bens comuns urbanos em semelhança do ocorrido em Nápoles.

    CURIOSAS MANEIRAS DE AFONDAR NO DEBATE!!

Deixa un comentario