Comunicado CSO A Insumisa

O concello da Corunha, tras recuar na súa notificación de dubidosa validez legal, deu novo prazo para o abandono voluntario do CSO A Insumisa que rematará o martes 22 da vindeira semana.

Compartimos con vós este comunicado da asamblea do CSO:

Rematouse o tempo. O vindeiro martes 22 de maio finalizará o prazo para un abandono voluntario do C.S.O. A Insumisa e a partires desa data, en calquera momento poderase producir o desaloxo. O primeiro dun Centro Social Okupado, prolífico e consolidado, perpetrado por un “goberno do cambio”. Tras moito xogar entre dúas augas, tras moita palabrería baleira e retórica barata, o concello de Marea Atlántica optou pola represión dos Movementos Sociais, pola destrución da autoxestión, pola vía policial, polas porras e as pistolas. O de sempre, impoñer a orde capitalista sobre os soños e a liberdade. Xa o fixo antes o PSOE e o PP. Moito “goberno do cambio” mais aquí nada mudou. Cando algunha ovella escapa do redil seguen a mandar aos cans. Aínda que quizais si mudaron algo: de lado da barricada… e máis tamén de clase social.

Van desaloxar un espazo asembleario que leva máis dun ano ofrecendo libre e gratuitamente unha infinidade de actividades culturais, deportivas, lúdicas e formativas a toda a cidade da Corunha. Van rematar cun espazo contracultural, rebelde e antiautoritario que experimenta novas formas de xestión social á marxe do lucro, o capitalismo e a autoridade. E no seu lugar pensan montar… un novo centro cívico!!! Que se engadirá aos máis de vinte que xa hai na cidade.

Eles din que as okupas somos intransixentes e curtopracistas por non querer sumarnos ao seu novo proxecto de centro cultural municipal. Pode que non se decaten de que, se o fixeramos, non só deixariamos de ser autónomas, senón que tamén deixariamos de ser okupas! Nós non queremos axudar gratis a xestionar un centro cívico do concello. Tampouco queremos converternos en palmeiros da política de Marea Atlántica. Vencellar o noso futuro ao seu si que sería ridículo e curtopracista. Parécenos fantástico que monten Centros Sociais teledirixidos pola alcaldía, mais que o fagan noutro lado, connosco que non conten.

Por fin caéronse as caretas, Marea Atlántica é un partido político que non dubida en empuñar a pistola de liquidar utopías. O xogo do poder llo esixe: para entrar no selecto clube dos que parten a empanada hai que deixar a un lado o incomodo lastre dos principios e os ideais. Por fin poderán relacionarse como un máis cos seus colegas da “casta”.
Pero nós estamos onde estivemos sempre: loitando a pé de rúa pola liberdade, a autoxestión e a xustiza social. Defendendo con orgullo e decisión os espazos arrebatados á lóxica autoritaria e gris do mercado capitalista, para convertelos en oasis asemblearios de rebeldía e liberdade. Enfrontándonos á autoridade despótica independentemente do cacique que a exerza.

Aquí estamos. Seguimos resistindo. E estamos orgullosas de facelo xunto ás que creen que outro mundo segue sendo posible, xunto a quen aínda soña coa utopía, coas que cren que a autoxestión e a solidariedade non son só bonitas palabras en baleiros discursos. Seguiremos loitando polos nosos soños, non os deixaremos morrer pisoteados polas frías botas do autoritarismo, sairemos á rúa con rebeldía enfrontándonos á represión por defendelos. Énchenos de alegría saber que ao noso carón estarán as soñadoras, as utópicas, as que non se deron por vencidas, as que non se renden nin se conforman coas migallas.

Por elas, por nós, agora e sempre, SEGUIREMOS RESISTINDO!!!

A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO!!!

Chega o desaloxo VÉMONOS NAS RÚAS!!!

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.