Preparando o terreo

Con todo o rebumbio mediatico ao redor da derogación da cadea perpetua (mal chamada na orwelliana neolengua do poder como “prisión permanente revisable”) decidín rescatar este vello artigo que publiquei hai cinco anos en “ Abordaxe”. Pois non deixa de ser curioso que, sendo españa uno dos países coa taxa de delincuencia máis baixa da U.E., e sendo un dos países con máis poboación reclusa e con condenas máis longas, a prensa machuque continuamente coa cantilena de que xs delincuentes entran por unha porta e saen pola outra. Dá igual que as estatísticas indiquen exactamente o contrario, o caso é dar renda solta ao populismo punitivo para converter o reino borbónico no país máis represor de europa. Así as penas exacerbadas instauradas en aras das máis horribles violacións e asasinatos acabarán servindo para castigar á moito máis mundana disidencia política. Que, á fin e ao cabo, é do que se trata.

Pero para poder crear o clima axeitado para a orxía represiva fai falta unha preparación adecuada. Non é fácil condicionar á poboación para que esixa a berros a amputación das súas máis básicas liberdades e dereitos. E para iso está a prensa lacaia, para intoxicar sibilinamente, aos poucos, con noticias sesgadas e oportunistas ata crear o adecuado estado de crispación que permita asestar o golpe represivo. A ese respecto, decidín rescatar o seguinte artigo, que publiquei en “ Abordaxe” dous anos antes da aprobación da prisión permanente revisable, e no que xa se perfila a estratexia que deu lugar á involución punitiva que padecemos. Daqueles polvos estes lodos:

 

É absolutamente insufrible o bombardeo mediático ao que estamos sometidxs pola excarceración de presxs tras da derrogación da “doutrina Parot”. Non hai día en que, baixo o máis nauseabundo ton sensibleiro, non nos machuquen co sufrimento das “vítimas” (que polo visto sofren terriblemente con calquera cousa que non sexa o eterno malestar dos convictos: se saen á rúa, sofren; se rin, sofren; se respiran, sofren; se non sofren, sofren) como non hai día no que non nos martiricen a retina con imaxes de excarceracións de malxs malísimxs que “apenas pisaron o cárcere” (entre 20 e 25 anos de media nada máis e nada menos) e contra os que se alían en santa conxura as máis rancias dereitas fascistonas coas progresistas esquerdas benpensantes. Dende a AVT, o Partido Popular ou Democracia Nacional ata o PSOE e as asociacións feministas alarmadas pola segura reincidencia dos agresores sexuais.

Calquera diría que en España xs presxs entran por unha porta e saen pola outra. Xa ninguén se acorda que a doutrina Parot só afecta ás condenas anteriores ao vixente código penal, que Europa só sancionou a retroactividade das penas pero que agora mesmo alguén podería ser condenado a 30 anos (40 se é terrorista) e cumprilos a pulso ata o último día sen que nin sequera a Unión Europea poida dicir nada. Pero para que aclarar todo isto cando podemos contribuír con gasolina sobre o lume do linchamento mediático? Por que tranquilizar os ánimos cando se pode alentar a orxía da represión?

Que máis dá que España sexa o lugar de Europa onde máis anos efectivos de cárcere se cumpren (despois de Rusia) cunha das menores taxas de criminalidade, se podemos exaltar os ánimos para que, nesta euforia represiva, sexa o propio pobo que pida a gritos que lle amputen a liberdade e que o carguen de cadeas.

Porque ese é o fin de todo este circo, a aprobación da cadea perpetua e do endurecemento penal co aplauso imbécil do populacho como banda sonora de tan lamentable sainete. En ningún país europeo con cadea perpetua cumpren tanto tempo de condena xs presxs como aquí sen ela. Pero o rebuzno lobotomizante duns mass media ao servizo do rancio nacionalismo filofascista español fan crer o imbécil de a pé que aquí o que fai falta é máis man dura.

Así nos vai, o progresismo de turno pedindo cárcere para os banqueiros, cárcere para os do Prestige, cárcere para os políticos… pero cárcere ao fin e ao cabo. E cárcere vanlles dar, evidentemente non para estes malnacidos que acabamos de nomear, para eses só hai indultos e penas baixiñas das que non hai que cumprir, pero cárcere, o que se di cárcere, vai haber para repartir. Para repartir entre xs pobres, xs “violentxs”, xs delincuentes de baixa estofa (que os ricos non admiten competencia) e entre xs disidentes e protestons. A eses dentro de non moito o cárcere vailles saír polas orellas.

Pero para preparar esa nova amputación de liberdades e dereitos fai falta a anestesia, e desa é da que estamos a chupar en dose elefantiásicas a través do xornal escrito, o telexornal, as tertulias de criterio unificado e a prensa do corazón. Diso é precisamente do que vai tanta pantomima coa falta de arrepentimento do comando Madrid, a arrogancia do violador do chándal ou as reiteradas e teimudas reposicións dos enterros das nenas de Alcaser. Para cando á xente se lle pase a borracheira da exaltación da firmeza punitiva, atoparémonos vivindo no paraíso europeo da represión e da falta de dereitos humanos.

C.R

Orixinal en Abordaxe aquí.

Deixa un comentario