Crónica e video da manifestación en memoria de Mame Mbaye e contra o racismo institucional (A Coruña)

O pasado domingo, 18 de marzo, varios centos de persoas marcharon polas rúas coruñesas denunciando a morte do manteiro senegalés Mame Mbaye tras dunha redada policial no barrio madrileño de Lavapiés. A protesta foi convocada pola asociación África Universal, en repudio do racismo institucional e en recordo do falecido.

Tras dun emotivo inicio, ás 19 h, ao son de cánticos entonados polo nutrido grupo de persoas de orixe africana que acudiron ao evento, a numerosa comitiva, sempre liderada polos emigrantes (que sostiñan as pancartas e encabezaban a marcha), marchou pola rúa Real ata o concello. Fronte ao consistorio leuse por segunda vez o manifesto e de alí enfilouse pola Mariña ata a subdelegación do goberno, onde se leu por ultima vez o comunicado e finalizou o evento.

Como nota curiosa, aínda que en absoluto sorprendente, mentres se lía o manifesto un policía local tratou de impedir de malas maneiras que os inmigrantes se gorecesen baixo dos soportais do concello, supoño que tratando de protexer o edificio dos manifestantes, pero permitindo en todo momento achegarse axs brancxs que pasaban por alí. E logo sorprenderanse de que se proteste contra o racismo institucional!

Tamén é de remarcar que varios políticos oportunistas acudisen ao evento: Tone, deputado de Podemos en Madrid; Sande, concelleiro de cultura e Roci, concelleira de igualdade e seguridade cidadá. Non deixa de ser curioso que a responsable da policía local coruñesa, que ten no seu haber polo menos 15 multas a manteiros, participe nas protestas daquelxs axs que ten que reprimir. E máis sendo outro concello do cambio, como Madrid, onde a policía municipal provocou tan fatídico suceso (competencia directa do seu homólogo e colega madrileño). Igual nos da se o provocaron sen querer ou querendo, coa persecución daquel día ou coa suma de todas as persecucións cotiás de sinpapeles, polo sobreesforzo daquela carreira ou polo medo perpetuo ao calabozo e a deportación. Vivimos nunha sociedade estruturalmente racista, chovinista e eurocéntrica e os representantes institucionais son directos responsables diso… e moito máis os xefes dos corpos represivos.

Cando Roci foi censurada ao día seguinte pola policía local por participar nunha manifestación na que se exhibía a pancarta: “Asasinato policial. Lavapiés resiste”, a edila escusouse dicindo que “se retirou da marcha cando viu que aparecían símbolos que podían desvirtuar os motivos da protesta”. Pois ben, con estes “símbolos” refírese evidentemente ás bandeiras de “Acción Antifascista Coruña”, así como a pancarta en cuestión, que tamén pertencía ao mesmo colectivo (aínda que durante a protesta portábana inmigrantes africanos, que eran os que encabezaban a marcha). Non entendo moi ben de que maneira se pode desvirtuar unha protesta contra a morte dun manteiro nunha redada acusando a policía do sucedido. Mais ben me parece que o que desvirtuaría a protesta sería achacar esa morte á casualidade, ao tabaquismo, ao cambio climático, ou á conxunción dos astros. Iso si sería converter unha protesta nun chiste, porque se Mame Mbaye morrese xogando á pelota evidentemente ninguén faría manifestacións pola súa causa. Ademais, o que tan mal pareceu á nosa querida concelleira, semella que non lles importou no máis mínimo á inmensa maioría de migras que acudiron á manifestación, porque non só agradeceron repetida e efusivamente a participación dxs antifascistas, senón que tamén lles pediron a pancarta para levala elxs presidindo a protesta. A única persoa que tivo algo que dicir foi un vello, branco como o leite, que rexenta unha ONG de axuda ao inmigrante. Molesto no seu orgullo de portavoz paternalista da comunidade senegalesa (e seguramente tras pactar co concello os termos adecuados para unha manifestación respectuosa e bienpensante  e non coma as de Madrid) recriminou aos antifascistas a utilización das súas bandeiras. Pero a peña de Acción Antifa ten a conciencia tranquila, pois non só avisaron o día antes axs convocantes da súa participación na mani, se non que prestaron a súa pancarta para ceder o protagonismo do acto a quen de verdade lle correspondía, e todo nun clima de fraternal harmonía.

C.R.

Aquí deixamos o estupendo vídeo-reportaxe dos compas de Galiza Contrainfo:

Deixa un comentario