Un preso de Teixeiro sometido a maltrato tenta suicidarse

Un pequeno grupo de solidarixs protestou o pasado venres ás portas do Hospital Clínico de Santiago de Compostela para denunciar a situación do preso Alfonso Miguel Codón Belmonte. O día anterior fora trasladado a ese hospital tras o seu enésimo intento de suicidio a raíz dos malos tratos, as malleiras e a tortura psicolóxica que vén denunciando en repetidas ocasións. A pesar da enfermidade mental que padece e ás súas numerosas tentativas de suicidio, a administración carcelaria continúa mantendo incomunicado no máis rigoroso réxime de reclusión e sen o tratamento nin a atención axeitadas.
A protesta pretendía por unha banda visibilizar a penosa situación de indefensión do recluso, chamando a atención de Institucións Penitenciarias (que se nega mesmo a facilitar a información necesaria xs seus avogadxs), así como amosar apoio e insuflar ánimos ao represaliado, para que vexa que non está só, e impedir así novos intentos de suicidio.
Para saber máis sobre o caso de Alfonso Miguel remitímosvos á web de Familias Contra la Crueldad Carcelaria, onde neste artigo explican mellor a situación actual do recluso.
Unha decena de solidarixs despregamos unha pancarta e repartimos panfletos no hospital compostelán, a petición de persoas próximas ao seu caso. A pesar de que xusto antes da nosa protesta concentráronse os sanitarios en defensa da sanidade pública, os seguratas do recinto pretenderon botarnos. Ante a nosa negativa a marcharnos avisaron á policía, pero unha vez repartidos os panfletos abandonamos o lugar sen maior consecuencia.
Ao parecer o recluso xa fora trasladado ao módulo penal do hospital CUHAC da Coruña esa mesma mañá. Así que esa foi a segunda protesta mal situada á que acudimos nesa mesma semana (pois algo parecido ocorreunos coa concentración contra a invasión de Afrín), a ver se imos afinando un pouco a puntería de agora en diante. E máis tendo en conta que a maioría dxs concentradxs viñamos a compostela precisamente desde Coruña.
Tras duns días no hospital da Coruña, o pasado luns devolveron a Alfonso Miguel a Teixeiro.
C.R.
Aquí queda o contido do panfleto repartido:
DENUNCIAMOS:
Alfonso Miguel Codón Belmonte, preso con enfermidade mental sometido a réxime especial de castigo no cárcere de Teixeiro, ingresado na UCI entre a vida e a morte despois do enésimo intento de suicido.
Soubemos que Alfonso Miguel Codón Belmonte atópase agora na UCI do hospital universitario de Santiago de Compostela despois dun intento de suicidio, outro máis dunha longa serie. A situación límite á que se atopa sometido desde hai varios anos este rapaz de 24 anos que está preso desde os 18, cualificado de “extremadamente perigoso” pola administración carcelaria e sometido ao réxime de peche máis duro posible, no que el mesmo denunciaba hai pouco, para explicar un anterior intento de suicidio, que se sentía torturado psicoloxicamente e que estaba a recibir frecuentes malleiras e sendo atado a miúdo á cama durante horas. Cando debería estar a recibir coidados especiais polos problemas psiquiátricos que sofre: ataques epilépticos frecuentes, graves trastornos afectivos, impulsos suicidas que lle levaron a tentar matarse en multitude de ocasións, chegando a cortarse o pescozo varias veces.
Con todo e con iso, o seu estado de saúde mental non foi considerado seriamente en ningún momento, e non se efectuou diagnóstico que mereza ese nome, nin se lle prescribiu ningún tratamento terapeútico, á parte dunha forte medicación de xeito evidente inadecuada, nin se tomaron medidas válidas para impedir que se suicide. Así que o que sucedeu víase vir, con angustiada impotencia da nosa parte, por exemplo, e con fría indiferenza pola das autoridades legalmente responsables da saúde e a vida de Miguel.
A situación de Miguel, que xa vén durando anos, fora denunciada en abril e en xullo do ano pasado polo colectivo anticarcelario Tokata. E tamén o Observatorio dos Dereitos e Liberdades galego, Esculca, o denunciaba en abril e presentaba en xuño unha queixa urxente ante a Defensoría do Pobo, a cal non fora respondida aínda un mes despois por esa institución. Finalmente, falouse ao parecer do asunto no Parlamento galego, sen que nada de todo iso tivese resultado positivo algún, pois a administración penal limitouse a trasladar a Miguel do cárcere de A Lama á de Teixeiro, deixándolle nunha situación practicamente idéntica, a pesar dalgúns cambios formais.
Como ningunha outra persoa na situación de extrema vulnerabilidade en que el se atopa, Alfonso Miguel Codón Belmonte, non pode estar nin un día máis nese réxime penal de máxima crueldade. Facemos un chamamento a toda persoa sensible e solidaria a facer o que estea na nosa man para obrigar ás autoridades encargadas de velar pola súa vida e benestar a facer o que deben.
Para escribirlle :
Alfonso Miguel Codón Belmonte
Centro Penitenciario de Teixeiro
Ctra. de Paradela, s/n, 15310
CÁRCERE=TORTURA

  • Copiar

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.