Despois dunha breve tregua os sinvergonzas do bo rolo, do “queremos dialogar”, do “recoñecémosvos como interlocutores válidos”, do “hai que suavizar as formas”, do “somos compañeirxs”, do “o inimigo é outro” e demais merdas, volven atacar ós okupas.
Durante estes meses padecemos o traballo subterráneo de acoso e derriba no que mandaron whatsapps persoais a membros da asemblea da okupa tentando crear división. Vou morder a lingua, pero hai algún whatsapp que era como para publicalo de forma literal para que todo o mundo vise a falta de principios destes canallas. Obviamente eu libreime destas aberracións, creo que xa quedou claro que ME DAN NOXO. Do que non me librei foi das covardes e nauseabundas mentiras dun holligan da Marea Atlántica que por detrás nos acusa de deixarlle tirado no proceso do CSO Palavea. O certo é que lle pagamos o avogado, o procurador, a multa por usurpación, as costas xudiciais da outra parte por perder o xuízo, aceptamos o seu boikot á campaña de defensa do CSO, etc. se cadra esperaba que tamén lle pagásemos a hipoteca ou a pizza que lle roubou ó pizzero.
Como podedes ver agora volven ao ataque directo, acaban de convocar unha xuntanza informativa para ou proxecto dás Navas do Metrosidero. Para o que non entenda os eufemismos desta xentuza, é a maneira que teñen de dicir que en xullo se esgota o prazo para botar ós okupas e hai que ir allanando o terreo.
https://www.coruna.gal/portal/es/agenda/proximos-eventos/detalle-agenda/xuntanza-informativa-proxecto-naves-do-metrosidero/suceso/1453646733155
O tempo cabezota empeñouse en desmontar todas as súas mentiras. Atrás quedaron os temores á especulación e a construción de vivendas de luxo nos terreos da Insumisa, a recuperación do terreo por parte de Defensa perdendo o Concello a cesión de uso, o “ valeroso” concelleiro Xiao Lapela poñendo o corpo ante Defensa e todo o exército para defender aos okupas, etc. etc. etc. O certo é que agora o terreo xa é propiedade do Concello, non se pode especular con él porque ten a clasificación de ben de dominio público e son os movementos sociais os que teñen que poñer o corpo para defender ós okupas dos ataques do concelleiro Lapela.
Claro que uns políticos que se precen xamais poden esgotar o arsenal de mentiras. Primeiro dicimos unha cousa, logo a contrario, despois as dúas á vez para rematar de novo coa primeira versión dos feitos, que máis dá! Xa o dicía Maquiavelo: «o príncipe ha de prometer o que aconselle cada momento, porque á hora de faltar ao prometido sempre atopará motivos e razóns para xustificar non cumprir».
Primeiro dixeron que o modelo elixido era o da Harinera de Zaragoza. Ao pouco tempo eles mesmo tiñan que recoñecer que ese modelo era unha porcallada porque a suposta xestión cidadá atópase secuestrada por uns técnicos do Concello que non paran de poñer trabas legais e burocráticas de todo tipo. Os concelleiros de Marea “desexaban” un proxecto máis ambicioso pero non paraban de repetir o mantra: “por desgraza non estamos en Nápoles”. Da noite para a mañá debémosnos espertar como por truco de maxia en Nápoles, porque un día nos chegaron coa sorprendente nova de que era posible exportar o modelo do centro social o Asilo de Nápoles (unha merda máis de absorción por parte das institucións dos centros sociais okupados, pero cun pouco máis de autonomía para os cidadáns) pero agora volven retractarse e volven ao modelo de xestión da Harinera e o seu control a través de técnicos municipais: “Para que este proceso sexa aberto e participativo están previstas reunións mensuais, nas que os e as técnicos municipais traballarán coa cidadanía e persoas que poidan achegar a súa experiencia, información e coñecemento en experiencias de co- xestión e autoxestión”. O de autoxestión vindo das institucións se que parece de coña, pero por iso mesmo está programada a reunión o martes 13, humor que non falte.
Mentres tanto o tempo segue pasando e Marea Atlántica segue sen presentar a máquina do tempo que presuntamente lle compraron a H. G. Wells. Faltan menos de 15 meses para as seguintes eleccións municipais, 13 para que acabe o período para aprobación de novas obras e eles aseguran que teñen tempo dabondo para terminar a obra de Fomento que ten unha duración aprobada de 16 meses, despois continuar coa obras interiores que son competencia do Concello, inaugurar o centro cívico programado (xa sabedes que nesta cidade só temos 21 centros cívicos e é indispensable inaugurar outro máis) e conseguir o recoñecemento cidadán necesario para que o futuro goberno municipal non se atreva a tombar o proxecto.
Por se algún despistado de boa fe aínda non se deu conta, aclarar que obviamente o proxecto Naves do Metrosidero ademais de ser unha merda, é máis falso que o programa político de Marea Atlántica nas últimas eleccións e o único obxectivo que persegue é o de poder desaloxar a ostias ós okupas co menor custo político posible.
MADEIRA ATLÁNTICA, REPRESIÓN GARANTIDA!!!