Manifestación feminista 8 de marzo, 19:30 h Praza de Pontevedra

Mulleres a título individual e diversos colectivos feministas da Coruña que participamos no grupo de acción local da Asemblea Galegas 8M convocamos MANIFESTACIÓN NA CORUÑA O DÍA 8 DE MARZO, CON SAÍDA ÁS 19:30 HORAS DA PRAZA DE PONTEVEDRA E REMATE NO CAMPO DA LEÑA.
A convocatoria xorde da necesidade de repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos, e a través de convocatorias e xuntanzas abertas mantidas na Coruña, diversos colectivos feministas e mulleres tecemos a rede e comezamos a traballar na organización da Manifestación nacional que tivo lugar en Vigo o pasado 4 de marzo, e ao tempo, divulgando a folga de mulleres do vindeiro día 8 de marzo, e facendo un chamamento a manifestarnos xuntas nesa xornada de loita.
Galegas 8M da Coruña non somos só as mulleres que nacemos nesta terra: somos todas as que estamos vinculadas a ela dun xeito ou doutro, todas as que a sentimos como propia, todas as que vivimos, traballamos e transitamos nela, e por iso todas temos o mesmo nivel de participación e decisión.
Somos mulleres mozas, adultas, traballadoras, desempregadas, xubiladas, activistas sociais, activistas de centros sociais, antifascistas, estudantís, culturais, sindicais, feministas organizadas e sen adscrición, unidas nunha causa común, TODAS asumimos a FOLGA DE MULLERES (paro de coidados, laboral e de consumo) do 8 de marzo como foco representativo das nosas reivindicacións.

As mulleres sairemos ás rúas e faremos folga este e todos os 8 de marzo que faga falla! Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!

Para transformar a vida das mulleres,
Folga de Coidados, Folga Laboral e Folga de Consumo!! #8M

Deixa un comentario