Atraco da garda civil e a policía: TODO POLA PASTA

Vergonzoso atraco o que nos acaban de meter os madeiros nacionais e os garda civís. Con todo o morro do mundo esixiron que lles poñan o mesmo soldo que os mossos d´ esquadra e Interior aceptou, polo que cada policía nacional gañará 561€ máis ó mes e os garda civís 720€ máis. Nin que dicir ten que os milicos non queren ser menos e xa fixeron os seus cálculos, queren que lles suban o soldo 1200€ ao mes máis para conseguir a equiparación salarial.

Por suposto que a policía local non quere ser menos, en Coruña di que os coruñeses lles debemos 3,6 millóns de euros, lembremos que o orzamento do Concello é de menos de 250 e estamos a falar só do diñeiro que supostamente lles debemos!!! Claro que agora pedirán novos incrementos, porque eles tampouco queren gañar menos que os mossos.

O atraco vai supoñer un mínimo de 1 100 millóns de euros que pode ser bastante máis, xa que o pacto só foi entre Interior e sindicatos e aínda aínda está pendente da aprobación por parte dos policías e os garda civís. Ollo, porque estes pedían 1 500 millóns de euros, polo que aínda podemos ter novas sorpresas.

A esta cantidade haberá que engadir o que seguramente consigan nun futuro os milicos e os continuos choriceos dos policías locais en cada municipio. Os munipas xa teñen case garantido o dereito para xubilarse antes dos 60 anos sen sufrir ningunha penalización no importe da súa pensión. Esta modificación pode beneficiar a uns 20 000 policías que obviamente van ser substituídos, supoñendo un sobrecusto de centos de millóns de euros para os orzamentos municipais. Que non se me malinterprete, eu estou a favor da xubilación dos policías o mesmo día en que xuran a bandeira (mellor pagarlles por non facer nada que por realizar o seu lamentable “oficio”) pero iso de que nos atraquen e enriba ter que aguantar ós seus substitutos…

O roubo dos 1 100 millóns para os nacionatas e os verdes é unha aberración por varios motivos:

-Cataluña ten cedida as competencias policiais polo que ten dereito a pagarlle aos mossos o que lles apeteza sen que o resto de corpos de seguridade do estado teñan dereito a pedir unha equiparación salarial. Esixir ter o mesmo soldo que os mossos é como esixir ter o mesmos soldo que un policía yankee, un suízo ou un de Kuala Lumpur.

-Cando se presentaron para as oposicións xa sabían cales ían ser as súas condicións laborais, obviamente, se fas o esforzo de preparar unha oposición, é porque sabes que como saques praza vas ter un curro máis que digno. Sacar unha praza de funcionario e logo esixir que che melloren o soldo é ter uns ovos/ ovarios como unha catedral. Se querías ter o soldo dun mosso  presentaste en Cataluña.

-O custo de vida nalgunhas comunidades, por exemplo Galicia, é moitísimo menor que o de Cataluña. Se unha persoa gaña o mesmo soldo en Coruña que en Barcelona obviamente o seu nivel de vida vai ser moitísimo mellor.

-Se o que queren é unha equiparación salarial poderían propoñer que se lles baixase o soldo ós Mossos e todos tan contentos. De onde sacan que a equiparación salarial ten que consistir en que a todos os axentes se lles incremente o soldo?

Para que nos fagamos unha idea da importancia do saqueo, a recadación do imposto de Sucesións (seguramente o máis polémico de todos os impostos porque che obriga a pagar a Facenda cando morre un familiar próximo coma se che tocase a lotería) é duns 2 700 millóns de euros ó ano. Este primeiro saqueo das forzas de inseguridade xa supón máis do 40% da recadación deste imposto. Indo ao longo prazo, desde o comezo do ano 2020 no que se produce a equiparación salarial destes personaxes e o final do 2044 que é cando se xubilan os últimos da xeración do baby boom, gastarémonos polo menos 27 500 millóns de euros en pagarlles o incremento salarial. Imaxinádevos a nova hucha de pensións que poderiamos ter se non deixásemos que os da porra e a pistola nos dese o pau.

Esperemos que a xente teña memoria. Cando teñamos que rascarnos o peto cando herdamos pola morte do noso cónxuxe e os nosos pais ou cando vexamos a un pensionista buscando comida nos colectores de lixo, lembremos que isto é posible grazas a estes sinvergonzas que arruinaron ó país con toda a cara.

Chama a atención a belixerancia e a conflitividade destes grandes “patriotas” cando falan do seu soldo, contrastando coa obediencia sen a máis mínima protesta cando reciben a orde de desahuciar a familias enteiras das súas vivendas, a de abrir as cabezas dos cidadáns cando nos manifestamos ou a de tirar botes de fume e pelotas de goma sobre inmigrantes que se están afogando no Estreito. Tamén son os mesmos políticos que fan oídos xordos ás xustas reclamacións de currantes que non chegan a final de mes despois de traballar 40 ó 50 horas cada semana, os que non dubidaron en aprobar as absurdas pataletas destes caraduras. Está claro que os encargados de defender o status quo e os privilexios dos poderosos, teñen que estar ben untados para que sigan sendo sumisos e obedentes.

POLICÍA E GARDA CIVIL: TODO POLA PASTA

Deixa un comentario