Morre un combatente galego na defensa da revolución curda

O pasado 10 de febreiro o galego Samuel Prada León caeu en combate baixo o lume e a metralla co que o exército turco pretende afogar en sangue a revolución social no curdistán sirio. Samuel, de orixe galega pero afincado en Andorra, escollera o alcume de guerra de Baran Galicia (choiva galega). Morreu xunto a outros dous compañeiros internacionalistas, afiliados coma el ás Unidades de Protección do Pobo ( YPG), na fronte de Jinderise, no cantón kurdo-sirio de Afrín. Este ourensán de 25 anos afiliouse ás milicias revolucionarias curdas o pasado verán, sumándose ao importante continxente internacional desprazado a Siria para defender os principios socialistas libertarios, feministas e ecoloxistas que baixo o paradigma do “Confederalismo Democrático” estanse a implementar na rexión. Desde o seu ingreso no YPG tomara parte nos combates de Raqqa e Deir ez- Zor, antes de achegarse a Afrín para repeler a invasión turca que comezou hai un mes baixo o eufemístico nome de “pola de oliveira”. Xunto a el morreron outros dous combatentes internacionais europeos, un de orixe francesa e outro nacido en Holanda.

En canto ás novidades con respecto á guerra no curdistán sirio en xeral, é importante apuntar que, a pesar de que turquía conseguiu arrincar a EEUU o compromiso de non facilitar máis armas aos curdos (aos que apoiaban polos seus intereses estratéxicos en contra do ISIS), estes alcanzaron acordos con Bashar Al Assad. Deste xeito o goberno de Damasco, asustado pola flagrante violación turca das fronteiras sirias, enviou tropas á rexión en auxilio das milicias curdas. Isto podería poñer fin á expansión militar de Ankara e os seus aliados, pero supón tamén un grave risco para a autonomía do curdistán e a súa revolución social, posto que Damasco percíbea como unha agresión á integridade territorial siria.

C.R.

Deixa un comentario