5º aniversario da paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey

O 18 de febreiro de 2013 pode ser considerado un día histórico nos movementos sociais recentes desta cidade. Este día estaba programado o desafiuzamento de Aurelia Rey, unha anciá de 85 anos á que querían desahuciar por atrasarse por segunda vez, no pago dunha única mensualidade.

Stop Desafiuzamentos fixo varias concentracións os días anteriores fronte á vivenda de Aurelia para caldear un pouco o ambiente e convocou a toda a cidadanía ese día para opoñerse a esta vergoña. A resposta foi espectacular, máis de 100 persoas estiveron desde as 9 da mañá ata ben pasada as 12, concentrados ante a porta do domicilio de Aurelia, ata que por fin nos comunicaron que o secretario xudicial decidira suspender o desafiuzamento e deixalo para outra data.

Con orgullo nos retiramos a maioría, pero non pasaría máis de 1 hora cando empezaron a botar fume os móbiles, os antidisturbios a instancia do secretario xudicial (o impresentable de Ángel Garmendia, un histórico do PSOE coruñés que competiu con Mar Barcón para encabezar a lista para as eleccións municipais do 2015) de forma covarde e traidora, aproveitaron a nosa confianza para realizar o seu nauseabundo labor, dando tempo de milagre a 3 compañeirxs a encerrarse no portal e a pasar a cadea.

Prometíanlla moi felices os da UIP, pero este día tocoulles levar unha sorpresa. Toda a xente que estiveramos pola mañá fronte ao portal de Aurelia voltamos indignados (pero de verdade, non como os do 15 M) sumáronse máis compañerxs que saían de currar e empezamos a forcexear cos madeiros. Niso produciuse outro momento histórico que ía poñer a nosa cidade no mapa da loita antidesafiuzamentos. Apareceu un coche dos bombeiros chamado polos mercenarios policiais para abrir a porta do portal. Os dous bombeiros chegaron sen problemas ata o portal, charlaron cos compañerxs que estaban a resistir no interior do mesmo e ante a sorpresa dos asistentes déronse a volta, exhibindo un deles en alto un cartel de Stop Desafiuzamentos, subíronse ao coche e marcháronse ante a ovación atronadora dos asistentes.

Aos poucos minutos chegou outro furgón de bombeiros. Esta vez achegáronse á porta coa radial na man e… sorprendentemente o bombeiro “lesionouse” dicindo ao seu compañeiro (o xefe do departamento) que se fixo dano e que tiña que ser asistido pola ambulancia que estaba presente. Nin que dicir ten que estaba a finxir, era unha maneira disimulada de dicirlle ao xefe: “abre a porta ti que eu non son un merdas”. Coma se lle lese a mente, o energúmeno do xefe colleu a radial e cortou a cadea… pero a porta seguía sen abrirse, por moito que empurraban os nazionales, os compañeirxs seguían resistindo no portal.

Nese momento os que estabamos no exterior lanzámonos contra os antidisturbios, rompeuse o cordón policial pola zona da praza de Vigo, os que estabamos na praza de Ourense demos a volta correndo para acosar aos madeiros que de forma patética tentaban protexer ós seus compañeiros, os cales seguían tentando abrir o portal. Neste momento dise, rumoréase, que o impresentable do secretario xudicial, Ángel Garmendia, caeu ao chan ó recibir un empurrón e despois de case cagarse enriba, anunciou aos axentes crea disturbios que se suspendía o desafiuzamento, pero esta vez de verdade!!

Ao ver como os covardes uniformados fuxían houbo unha explosión de alegría, por unha vez o pobo gañaba aos mercenarios da porra e a pistola. Esta vez non cometemos o mesmo erro da mañá, puxemos unhas permanencias que non se retirarían ata o domingo (o desafiuzamento estaba programado para un luns, polo que quedamos a semana enteira). Os medios de comunicación, xa numerosos o día do desafiuzamento, convertéronse nun auténtico estorbo. A parte de todos os medios locais tamén viñeron os nacionais, non faltaron nin os de Espello Público nin os de Ana Rosa. Chegaban á primeira hora da mañá e non se marchaban ata xa ben entrada a noite.

Aquí hai que recoñecer que a maxia do luns 18 de febreiro xa desaparecera. Persoalmente son moi crítico coa xestión da resistencia que se fixo durante esta semana: asembleas interminables no fogar de Aurelia que non servían para nada mentres os cidadáns que nos querían apoiar pasaban frío na rúa, mala repartición das permanencias, preocuparse máis da difusión aos medios que en compartir a información cos compañeirxs que se sumaban á loita, desprezo total dos medios alternativos, toda a enerxía destinada en comunicar cos mass merda, non ter claro nin o que se quería, ataques un tanto gratuítos ós propietarios que probablemente non eran tan malos como se pensaba nun principio, falta de accións ofensivas polo que careciamos doutra estratexia que non fose a de podrecer no exterior do portal, etc. Pero xa se sabe, estamos tan afeitos a perder que non sabemos gañar 😀

Por fortuna o domingo chegamos a un acordo co propietario e coa Xunta que nos satisfixo bastante (paso de entrar en detalles do acordo, por se a alguén lle “interesa” demasiado) polo que puidemos abandoar o portal facendo unha marcha ata a oficina de Servizos Sociais, para lembrarlle ao PP que Stop Desafiuzamentos seguía en loita.

E tanto que seguía en loita. Stop Desafiuzamentos Coruña creouse en maio do 2011 a raíz do 15 M, pero é evidente que este acontecemento marcou un punto de inflexión neste colectivo. Se ata esta data centrábanse no asesoramento do afectado (de forma bastante eficiente por certo), negociacións bastantes cutres e caóticas coas institucións que eu considero que foron improductivas do todo e tímidas concentracións ante as oficinas de Bankia, a partir dese momento converteríase no colectivo con maior actividade na cidade … e tamén o que máis multas levaba. A Lei Mordaza non tanto, pero a Lei Corcuera a coñecíamos de memoria. Sen ir máis lonxe, este día nos meteron 5700€ de multas.

Por desgraza tanto traballo non deu os frutos esperados e  5 anos despois os desafiuzamentos remataron por converterse nunha tráxica rutina. Antes, o PP en lugar de resolver os problemas de vivenda dxs afectadxs limitábase a encerralos en sectas ultrarrelixiosas como Padre Rubinos. Os que agora están no goberno municipal poñían o berro no ceo ante a falta de sensibilidade do PP, pero o certo é que agora que a eles lles corresponde resolver esta aberración, limítanse a encerrar ós afectados no non menos ultrarrelixioso Fogar de Santa Lucía. Claro que de cando en vez o afectado preséntase ás asembleas de Stop Desafiuzamentos e cando xorde a posibilidade de que estale o escándalo, isto é o que di Carmén, asesora de Silvia na concellería de Servizos Sociais:

“non podemos supervisar cada traballo ata que nos salta, o imos retomar e a facer a resolución, nesta semana que ven estará resolto” .

Así é, a única política de vivenda que fai Marea Atlántica consiste na prevaricación e a adxudicación a dedo das 5 vivendas que hai para casos de emerxencia, para evitar o escándalo mediático. O que si que conseguiu Marea Atlántica coa súa chegada ao goberno, é unha institucionalización de gran parte dos movementos sociais e unha división interna, que fai imposible o concibir outra xesta cidadá como a que se deu hai hoxe 5 anos.

 

Deixa un comentario