Europa condena a españa por “tratos inhumanos e degradantes” a detidos

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou ao estado español a indemnizar cun total de 50.000 euros a dous membros de ETA torturados pola Garda Civil en 2008. Considera que os detidos sufriron “tratos inhumanos e degradantes”. Tamén censura a falta de investigación dos feitos, nos que o tribunal supremo español non apreciou delito no seu día, absolvendo as Forzas de Seguridade do Estado (como lamentablemente teñen por costume).

A sentenza da corte de Estrasburgo foi aprobada por catro dxs sete xuíces do tribunal, xs outrxs tres eran favorables a condenar ao reino borbónico por torturas. Finalmente a maioría da corte non o considerou o suficientemente acreditado por falta de evidencias e porque as lesións non revestiron “consecuencias a longo prazo” (rotura de costela, pulmón perforado, hematomas…). En fin…

España xa foi reprendida polo tribunal europeo en preto de dez ocasións por falta de investigación en casos de torturas e malos tratos. Tamén a ONU, Amnistía Internacional ou o Comité para a Prevención da Tortura fixeron patentes os seus reproches en múltiples ocasións. Pero agora por primeira vez a cousa vai máis aló, ao considerar o TEDH probada a existencia dalgunha forma de malos tratos. Aínda con todo, o feito de que a sentenza evitase expresamente a cualificación dos feitos como tortura evidencia a lonxitude dos tentáculos do goberno post-fascista español.

Deixamos aquí a ligazón á páxina amiga de “O Gajeiro na Gavea” onde se comenta máis extensamente a noticia.
C. R.

One thought on “Europa condena a españa por “tratos inhumanos e degradantes” a detidos

Deixa un comentario