A invasión turca do Kurdistán sirio ameaza a revolución

Os medios de comunicación occidentais apenas recolleron noticias sobre a escalada bélica no norte de Siria. O exército turco, apoiado polos seus aliados do Exercito Libre Sirio, invadiron o cantón kurdo de Afrín. O propósito declarado de turquía é esmagar a revolución social que, baixo o paradigma do confederalismo democrático (inspirado polo municipalismo libertario de Murray Bookchin), desenvólvese en todo o Kurdistán sirio. Erdogán, presidente islamita de Turquía, sentese ameazado polo espectacular avance das milicias kurdas do YPG e YPJ, de marcados tintes feministas, ecoloxistas e mesmo socialistas libertarios. Teme a influencia que a súa revolución no país vecino podería exercer sobre o Kurdistán turco. É por iso que non vacilou en invadir a fronteira siria para esmagar a revolución kurda e, a través das súas milicias leais do Exercito Libre Sirio, impoñer un goberno rexional baixo o seu completo control.

A operación comezou hai un mes baixo o nome de “ramo de oliveira” e desenvolveuse con escasos avances baixo un ignominioso silencio mediático dos medios de comunicación occidentais, que pretenden deste xeito agochar a impotencia dos nosos gobernos ante a arbitrariedade turca. Mentres os kurdos foron enxalzados pola prensa na súa resistencia heroica contra o Estado Islámico, agora os medios prefiren mirar cara a outro banda cando é Turquía, o segundo exército da OTAN, o que pisotea todos os acordos internacionais, invadindo un país soberano para aniquilar a resistencia kurda.

As noticias apenas chegaron ás páxinas máis recónditas dos nosos xornais no momento no que combatentes pro-turcos torturaron e mutilaron a unha miliciana kurda con salvaxe crueldade. Anticipando o que sucederá no caso de que gañen esta desigual batalla.

O Kurdistán sirio converteuse en moeda de cambio para as potencias implicadas no conflito: mentres Turquía pretende afianzar o control sobre as súas fronteiras esmagando o confederalismo democrático, Estados Unidos ve nas milicias kurdo-sirias ó único exercito eficaz para acabar co Estado Islámico. Rusia, favorable ao goberno de Al-Assad, non ten interese en que ningunha outra facción cobre demasiada vantaxe e prefire que se debiliten loitando entre elas. As tensións entre Washington e Ankara, polo apoio estadounidense ás Forzas Democráticas Sirias (controladas polas milicias kurdas), son o único freo a unha escalada bélica de maiores proporcións na fronteira turco-siria.

A revolución social en Afrin , con todas as súas conquistas en materia de democracia directa, igualdade da muller, ecoloxismo e formas comunitarias de produción e xestión social, atópase fortemente ameazada. Os medios de masas ignoran o tema e tócanos @s activistas sociais loitar por dar a coñecer esta alarmante situación. A nosa pasividade é complice do xenocidio turco. Só visibilizando a agresión poderemos tratar de parala.

A morte de civís inocentes pode rematar por afogar en sangue unha revolución en marcha. É a hora de actuar!

C.R.

Podedes atopar info actualizada en clave libertaria sobre a guerra e o Confederalismo Democrático no portal Rojava Azadí

O estupendo deseño que ilustra o texto é do autor de comics italiano Zerocalcare, que ten tamén un magnífico e didáctico comic sobre a situación no kurdistán sirio chamado “Kobane Calling”, moi recomendable pra entender a revolución kurda.

Deixa un comentario