A Marea Atlántica sométese ó Deportivo: o fútbol é o opio do pobo

A Marea Atlántica non deixa de abraiarme. Onte, ó acudir á facultade de Ciencias da Educación na que se celebraban as Xornadas en Defensa dos Espazos Liberados organizado pola Insumisa, atopeime un apaixonante panfleto da Marea Atlántica titulado “Compromiso con Riazor”:

http://mareatlantica.org/compromiso-con-riazor/

Como podedes ver vou con algo de atraso, publicárono o 18 de febreiro do ano pasado, pero é tan “magnífico” que non quero perder a oportunidade de compartilo convosco. Este escrito redactouse con ocasión do vendaval do 3 de febreiro do 2017 que provocou que a cuberta do estadio saíse voando e é toda unha declaración de intencións:

“O goberno municipal recoñece a importancia do Dépor e as súas xentes como motor económico e símbolo popular e realizará un histórico investimento de 7 millóns de euros para solucionar o antigo problema das cubertas de Riazor e así garantir o benestar do deportivismo”.

“A Marea Atlántica xurde do corazón mesmo do pobo coruñés, por iso sabe perfectamente o que o Deportivo significa para a cidade, tanto no plano simbólico como no material. Tamén formamos parte do deportivismo, sentimento e orgullo colectivo”.

Ningunha entidade da Coruña recibe tanto apoio municipal como o Dépor, que usa de forma gratuíta o estadio de Riazor, de propiedade municipal, de toda a cidadanía polo tanto. O Concello, ademais, faise responsable das cubertas do recinto”.

“Non se pode dicir que falte compromiso, 7 millóns de euros triplica o orzamento que deixou o anterior goberno local para o estadio municipal. Trátase dunha forte aposta pública”.

“O branco e azul son cores que representan á cidade”.

Cando o goberno do “cambio” di con orgullo que o principal investimento dos seus 4 anos de goberno vai ser a reparación da cuberta do estadio ABANCA Riazor, para que un club de fútbol cun orzamento anual de 61,57 millóns de euros poida xogar os seus partidos nel, alardea de triplicar o orzamento que ía destinar o PP para a reparación das cubertas e de ceder ao Dépor de forma gratuíta o estadio (que é de todos os coruñeses), recoñece que este club de millonarios que se dedican a pegarlle patadas a un balón é a entidade que recibe un maior apoio municipal, non dubida en calificalo como motor económico e símbolo popular, afirmando que son un orgullo colectivo e que as súas cores representan á cidade… creo que sobran palabras.

Para que non haxa dúbidas, aclarar que nos referimos ao club de fútbol do Deportivo de HOMES. As mulleres do Deportivo téñense que ir a Arteixo a xogar e a adestrar porque o Concello non lles cede as instalacións da Grela 1, dando prioridade aos clubs da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña. Parece que algúns seguen pensando que o fútbol é cousa de MACHOS.

Cando non se quere combater a pobreza, os políticos sempre recorren ó opio.

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.