Aprazado o xuizo contra a nosa compañeira Aida

Finalmente hoxe non se puido celebrar o xuízo contra a nosa compañeira Aida, quedando aprazada a vista oral para o próximo 27 de xuño. O xuíz, tomando unha decisión bastante incomprensible, comunicounos que esta cita só era para buscar unha conformidade entre a imputada e o fiscal (acordo imposible de chegar pola petición absurda da fiscalía) polo que non queda máis remedio que volver concentrarnos para o verán.

Este proceso penal é consecuencia da concentración celebrada o pasado martes 6 de outubro de 2015 no Palexco, na que se protestou contra a reunión anual da Confederación Española de Directivos e Executivos (CEDE). A tal acto acudiron empresarios como Pablo Isla, Carlos Slim, Francisco Botas, Rafael Villaseca ou Cristina Garmendia e personalidades políticas tan “importantes” como Álvaro Nadal, Núñez Feijoo, Felipe VI e sobretodo, o anfitrión, Xulio Ferreiro, alcalde da nosa cidade e un dos grandes líderes da “nova” política.

O noso Xulio non dubidou en agradecer a estes “ anxeliños”, que non cometeron máis pecado que o de afundir a economía deste país e levar á miseria a millóns de cidadáns, o que elixisen a nosa cidade como sede para preparar as súas novas fechorías. Esta elección impulsa “A Coruña como cidade de vangarda e como zona de encontro e debate”, axudando a converternos nunha cidade para o 1% e contra o 99%.

O noso alcalde asumiu a comparecencia a tal acto coa mesiánica tarefa de “traer a voz da cidadanía”??!! Tamén tivo unha frase apaixonante sobre o valiosa que era a súa participación no acto e o inútil as pataletas dos que protestamos no exterior, pero por desgraza non a dou atopado. Na súa defensa, hai que dicir que non dubidou en mostrar o seu apoio aos manifestantes, tan pronto lle comunicaron que foramos agredidos. Aquí tedes a ligazón:

www.coruna.gal/alcaldia/gl/medannoxoosmovementossociais

Se cadra non se vos abre a ligazón porque a web presenta erros estes días, pero aí está seguro o comunicado de apoio, que eu o vin.

Ante tal esperpento convocouse unha concentración no Obelisco no que compañeiros de Zara, Atento, Extel e Mercadona explicáronnos as ultra precarias condicións laborais duns traballadores que desempeñan o seu labor profesional, en empresas que presentan beneficios de centos de millóns de euros anuais e outra concentración no Palexco, á que acudiron 30 ó 40 persoas, a decenas de metros da entrada e co acto xa terminado, polo que o recinto xa estaba medio baleiro.

Os concentrados no Palexco estabamos tranquilamente coreando os nosos eslógans, cando de súpeto comezaron a chegar unha chea de antidisturbios, plantáronse diante da pancarta e sen mediar palabra empezaron a empurrar a todo o mundo. Despois de sacarnos a empuxóns e encaixarnos contra o murito, procederon a identificar os manifestantes que lles saíu dos collóns baixo criterios que só eles coñecen (recordo que uno dos identificados foi un compañeiro que o recoñeceron como o bombeiro de Stop Desafiuzamentos, para que vexamos o nivel destes axentes). Xa acabada a exhibición, permitíronnos corear uns eslógans máis e fómonos para casa con bastante mala ostia.

Hai quen di que a actuación policial foi brutal, desproporcionada e absurda, eu por unha vez vou poñerme ao lado dos “funcionarios”. Lembrar que o dispositivo da UIP chamábase “Raya 53”, a caso creedes que é posible actuar con máis moderación despois de meterse 53 raias? Sorte tivemos de que non nos metesen 2 tiros a cada un (nunca mellor dito).

Uns meses despois nos comunicaron a denuncia que puxeran os madeiros contra Aida. Demanda bastante sorprendente xa que non a identificaron ese día, polo que todo parece indicar que recorreron a esas listas negras de manifestantes que tantas veces denunciamos. Como xa sabedes, a Aida acúsaselle de lesionar ela solita a 2 antidisturbios, que necesitaron de atención médica urxente ante a gravidade do seu estado. Un dos axentes asegura que recibiu unha puñada no peito que lle provocou unha sobrecarga no ombreiro, así mesmo, outro afirmou que tiña problemas para pensar con claridade porque lle picaba o cu. As lesións eran de tal magnitude que o médico lles tivo que aconsellar que se tomasen un ibuprofeno se notaban dor. Por fortuna, a familia dos “agredidos” confirmáronnos que as súas vidas xa non corren perigo.

Ante a “gravidade” dos feitos imputados, pídenlle 1 ano e medio de cárcere por atentado á autoridade, o pago dunha pena-multa e indemnizar aos 2 axentes con algo máis de 200€ por unha falta (agora delito leve) de lesións, o cal non lles dá nin para pagar o operativo dese día (lembrar que se chaman Raya 53 e dou fe que se toman ao pé da letra o seu nome).

Xa sei que a historia non ten coña ningunha, pero é que me nego a tomarme en serio a estes impresentables.

BASTA DE REPRESIÓN!

SE TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODAS!

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.