Por qué os anarquistas nos opoñemos ás prisións?

Este panfleto foi o que se repartiu na concentración do Obelisco de onte. Como podedes ver, todavía non fora aprobada a prisión permanente revisable (cadea perpetua, para que falar con eufemismos) e por fortuna xa non hai 76 000 presxs en prisión (hai sobre 60 000) pero os argumentos seguen a ser tan válidos como sempre.

 

Por qué os anarquistas nos opoñemos ás prisións?

 

É un feito que os políticos e os sesudos opinólogos dos medios de comunicación levan tempo cacarexando aos catro ventos a morneza do noso sistema penal e a laxitude das nosas institucións en materia xudicial, dando a entender que en España os delincuentes entran no cárcere por unha porta e saen pola outra cando non campan ás súas anchas sen apenas sanción ningunha. Quizais sexa por isto que cando os anarquistas dicimos iso de “Abaixo os muros das prisións” ou “Os cárceres son centros de exterminio” moita xente sorpréndese e míranos con incomprensión ou rexeitamento coma se falásemos de algo completamente absurdo.

Pois ben, nestes tempos nos que a petición do endurecemento do código penal e a instauración da cadea perpetua son un recurso dialéctico imprescindible para calquera politicucho de “pro”, sexa cal sexa a súa plumaxe, faise necesario aclarar que España é o país coa taxa de reclusión máis alta de toda a Unión Europea (164 reclusos por cada 100.000 habitantes, fronte a 96 en Francia ou a 84 en Alemaña); e iso que a súa taxa de criminalidade é unha das máis baixas de todo o continente.

De feito en España o número de persoas presas prácticamente duplicouse nos últimos dez anos, superando na actualidade a astronómica cifra de 76.000 reclusos, e iso que a finais da época de Franco apenas había 15.000! Mentres tanto, e en contra da percepción social, a delincuencia diminuíu considerablemente durante a última década.

En canto ao recorrente tema da cadea perpetua revisable, “tan arraigada noutros lugares de europa”, dicir que en España os sucesivos endurecementos do código penal elevaron ata aos 40 anos o tempo máximo de estanza en prisión (nos casos de terrorismo, 30 para o resto) mentres que nos países europeos nos que se aplica a cadea perpetua nunca un condenado alcanza tanto tempo entre reixas. En Alemaña por exemplo, un dos lugares de Europa onde máis tempo se tarda en revisar esta pena (15 anos), a media de tempo en prisión para os que a padecen está entre 17 e 20 anos, aumentando a entre 23 e 25 en casos de crimes con especial asañamento. Aquí, sen cadea perpetua, un terrorista con delitos de sangue cumpre os 40 anos de condena a pulso e sen posibilidade ningunha de remisión.

Aínda así, como os anarquistas cuestionamos a esencia mesma do sistema penitenciario, ao considerar que a delincuencia é un froito ineludible da inxusta repartición das riquezas, nos encontramos a miúdo coa pregunta de “Que facer entón cos criminais?” formulada coa estrañeza daquel que pensa que “isto sempre foi así” ou que é unha cousa “de toda a vida”. Pero a realidade é outra, posto que o sistema carcerario tal e como o coñecemos apenas ten douscentos anos de existencia. Non foi se non ata o século XIX que se institúe o cárcere como castigo ao crecente número de pequenos delitos resultantes da aparición do capitalismo. A necesidade de castigar un maior número de infraccións de baixa contía contra a propiedade privada, e de facelo dunha forma menos truculenta que recorrendo aos castigos corporais que ata entón se estilaban, instaurou as bases do sistema punitivo tal e como agora o coñecemos. Evidentemente non estamos a avogar por unha volta á época das galeras e os “tormentos” públicos, só poñemos de manifesto que o sistema carcerario non é máis que un moderno resultado do ascenso do capitalismo.

Tendo en conta que a abafadora maioría da poboación reclusa (máis dun 70%) o está por delitos contra a propiedade (roubo e furto) ou contra a saúde pública (tráfico de drogas), cabería supoñer que unha repartición máis equitativa da riqueza, a despenalización do consumo de estupefacientes e unha mellora do nivel educativo acabarían coa inmensa maioría das causas que motivan o inhumano procedemento do secuestro institucional. Porque resulta que os violadores e asasinos apenas representan unha cifra inferior ao 10% dos encarcerados, e seguro que nunha sociedade máis xusta e horizontal se encontrarían mellores métodos para lidar con esta problemática. Aínda sen encontralos, teriamos eliminado o 90% das razóns que xustifican estes modernos centros de exterminio que, á fin e ao cabo, non serven se non para esconder debaixo da alfombra as probas do fallo da orde social.

Deixa un comentario