Crónica da XVIII marcha a prisión de Teixeiro

Aínda que cun pouco de atraso, onte realizouse a 18º marcha a Teixeiro. Como xa é habitual, a garda civil fixo o mesmo despregamento espectacular de todos os anos facendo controis a case todos os participantes (algúns afortunados conseguiron zafar, cousa rara). Nesta ocasión parecía que os de verde estaban un pouco cansos de facer o ridículo e non se esforzaron tanto nos rexistros e cacheos, pero non puideron evitar o mostrar o seu desacordo cunha das pancartas: “isto que di aquí non é verdade”, polo visto non lles gustou que lles lembrásemos que “cárcere=tortura”.

Unha vez reunidos na gasolineira que está na nacional e despois dos saúdos de rigor, saímos (máis ou menos co mesmo atraso de sempre :D) uns 40 manifestantes, seguramente a participación máis baixa en moitos anos. Levamos duas pancartas, a parte da xa mencionada “ cárcere=tortura” a outra dicía “ abaixo vos muros dás prisións”.

O tempo non acompañou moito, estivo oraballando durante case todo o traxecto cara o cárcere pero, como compensación, observamos que os nosos berros escoitáronse máis que nunca e foron respondidos por varios pres@ s (tanto do módulo de mulleres como do módulo posterior de homes) que tamén sacaron panos e o que tiñan a man pola xanela, en sinal de agradecemento.

A actitude das forzas de inseguridade foi bastante menos autoritaria que nas ocasións anteriores. O pasotismo que tiñan era tan grande, que ata nos deixaron cortar a xeral sen custodiarnos e non nos adiantaron ata varios centos de metros despois. Non houbo ningún tipo de enfrontamento e suponse que por primeira vez en moitísimo tempo non vai haber ningún tipo de sanción, aínda que non podemos cantar vitoria demasiado rápido, porque a imaxinación destes represores á hora de inventar sancións non deixa de abraiarnos.

A convocatoria deixounos un sabor agridoce. Por unha banda a satisfacción de ver como os nosos berros conseguiron superar o illamento dos muros das prisións, cunha participación dos pres@s como poucas veces viuse e cunha comprensión total de que está convocatoria vai por todos eles, non só polos presos máis próximos a nós ideolóxicamente, atacando a institución carcelaria en si mesma. Doutra banda, vese que estamos a perder forza e poder de convocatoria.

Non ten sentido caer no derrotismo, estou convencido de que poucas marchas ás prisións poden alardear de ter xa 18 anos de historia. Son incontables os compañer@ s que participaron nelas, non poucos os xa falecidos que non deixamos de lembrar nestas convocatorias, pero está claro que nesta ocasión cometemos algúns erros que seguramente se van a corrixir para o 2019.

Cada vez danos máis preguiza/medo sacar a convocatoria, o cal fai que a manifestación non deixe de atrasarse (empezou sendo a finais de decembro, logo a principios de xaneiro, este ano xa foi o 27 de xaneiro) e que cada vez haxa menos xente que se coma o marrón de organizala e facer o curro. Ás veces “esquecémonos” de que esta marcha é moito máis que madrugar o sábado para ir a Teixeiro, hai un curro previo que realizou moi pouca peña (entre os que non me inclúo) e ós que hai que felicitar. Sen eles este ano non sería posible saca-la adiante. Así mesmo, creo que hai un pánico excesivo á represión.

Hai que lembrar que toda a espectacularidade do despregamento da garda civil, non ten máis finalidade que a de facernos sentir incómodos e intimidar ós que non están afeitos a tales esperpentos. Non teñen a maior importancia por moito postureo que teñan e por moito que nos digan que estamos en nivel 4 de alerta antiterrorista??!! De feito este ano xa suavizaron bastante o paripé.

O que si que ten máis importancia é a represión en forma de multas (houbo convocatorias que se saldaron con preto de 20 000€ en multas) e as peticións de pena de prisión que pesan sobre 3 compañeir@s pola marcha do 2013:

http://airmandadedacosta.info/index.php/2017/04/10/piden-tres-anos-carcere-quen-convocou-xiii-marcha-prision-teixeiro/

Creo que soubemos bruxulear e esquivar esta represión con bastante intelixencia, xa que nas últimas convocatorias, estas sancións limitáronse a algunha multa de tráfico e pouco máis.

Xa avanzando no tempo, este mesmo día pola tarde tamén se convocou unha concentración no Obelisco de Coruña, para que a nosa protesta tamén se visibilizase no centro da cidade. Loxicamente a convocatoria foi moi reducida, porque para os compañeiros que non son de Coruña non é unha coña desprazarse ata aquí despois de estar toda a mañá en Teixeiro. Habería que analizar se compensa este tipo de concentracións o mesmo día da marcha ó cárcere ou é preferible deixalo para outro día, para non saturar á xente.

Como xa é habitual, marcamos no chan dos Cantóns as dimensións dunha cela de illamento para que a xente perciba a tortura que supón meter nun espazo tan reducido a unha persoa e repartimos panfletos explicando por qué os anarquistas estamos contra os cárceres. A verdade é que foi bastante desmoralizante. Os mass merda fixeron unha grande labor falando do caso de Diana Quer, do Chicle e entrevistando a familiares das vítimas pedindo a non derogación da cadea perpetua (ou prisión permanente revisable ou como lle queiran chamar). De nada vale empregar argumentos sólidos cos nosos escasos medios ante a interminable verborrea sensacionalista destes grandes “profesionais”. Claro que por moi desigual que sexa esta batalla nin se nos pasa pola cabeza abandonala, xa levamos 18 anos demostrándoo.

Para terminar a maratoniana xornada, celebrouse un cabaret de temática anticarcelaria na Insumisa e uns concertos, desta maneira a Insumisa segue mostrando o seu apoio e solidariedade con todos os movementos sociais… ata que o goberno do “cambio” non os desaloxe.

 

Déixovos un par de ligazóns surrealistas, lembrar que estamos a 28 de xaneiro non de decembro, isto non é coña:

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2018/01/28/protesta-okupa-obelisco/0003_201801H28C4998.htm

http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2018/01/28/okupas-comandancia-obras-preparan-inminente/1257845.html

Son contra estes especímenes contra os que nos toca loitar…

Deixa un comentario