Autoxestión: artigo do fanzine da Insumisa

Hoxe non me apetece currrar que a min non me paga a Marea Atlántica e traballo bastante máis que toda a corporación municipal xunta, así que este artigo o saquei do fanzine da Insumisa. Dedicado a todos estos “listos” que nos din:”de que os queixades se o proxecto de Marea é o mesmo que o voso”. Como podedes ver non so non é o mesmo proxecto, se non que máis ben é o contrario.

 

AUTOXESTIÓN

AUTOXESTIÓN é unha palabra demasiado poderosa como para permitir que veña un partido político como a Marea a desvirtuala, baleirala de contido e pervertila. A AUTOXESTIÓN é unha arma de poder popular, poder dende abaixo organizado de forma horizontal dende a base, sen ningún tipo de tutela nin xerarquía, co fin de levar a cabo un proxecto cuxa única forza é  a da xente que participa.

Neste sentido A INSUMISA é todo un exemplo de autoxestión, pois dende o primeiro momento

organizouse en sentido horizontal. Esta horizontalidade non só se manifesta no ámbito organizativo senón tamén reconstrutivo.

Volvamos a vista atrás. En novembro do 2016 un grupo de xente toma a antiga comandancia de obras, espazo que levaba abandonado e en desuso máis de 20 anos. Este espazo carecía de condicións dignas de habitabilidade. Fixo falta moito tempo e esforzo colectivo para converter a antiga comandancia no que hoxe é a Insumisa. Requiriuse dun enorme traballo para habilitar as naves e convertelas en lugares comúns de convivencia onde se crearon sala de exposicións, biblioteca, sala de concertos, tenda libre, pista de skate, ximnasio, horta urbana etc. Neste ano leváronse a cabo máis de 1000 talleres, concertos, charlas, festivais que non é o momento de mencionalas, pois só falando das actividades que aconteceron levaríanos un artigo de mais de dúas follas. O que quero resaltar aquí é o enorme esforzo colectivo, tanto na planificación, xestión, coordinación e execución das actividades como na habitabilidade do espazo. Todo iso realizado de forma solidaria e altruísta por parte de todxs aquelxs que participaron no proxecto.

É importante resaltar que o proxecto era aberto a calquera persoa que quixese sumarse a él, xa sexa de forma individual ou colectiva, puntual ou permanente. É dicir, tanto se podían propoñer actividades como participar na xestión das mesmas.

Toda actividade carecía de beneficio ou lucro máis aló do beneficio colectivo. O beneficio reportaba directamente no propio CSOA. Tamén se organizaba xornadas solidarias con diferentes causas.

A ausencia de lucro ou beneficio é outro dos trazos distintivos da AUTOXESTIÓN. Por todo iso creo que é importante valorar a autoxestión como ferramenta poderosa de solidariedade, traballo, esforzo colectivo e apoio mutuo. Esta mesma lóxica escapa e confróntase radicalmente ao sistema capitalista corrupto e especulativo que impregna todos os aspectos das nosas vidas fóra dos que construímos e creamos para escapar deles.

Precisamos destas prácticas tanto como diferencialas doutras lóxicas capitalistas. Nos últimos días estamos a asistir a unha apropiación malintencionada do termo autoxestión. Esta estratexia responde á instrumentalización política e partidista dun concepto liberador  que só pode pertencer ás persoas que cren nestes proxectos.

O seu termo de autoxestión non é outro que o de institucionalización, é dicir, coller un espazo que xa ten vida (ou que lle deu vida todas a xente que participou de forma horizontal) para convertelo nun centro cívico ao grande, onde estaría como xestor o Concello e, por conseguinte, a idea de horizontalidade, solidariedade e tomar as rendas dos nosos proxectos

iríase ao garete.

Cremos que as institucións xa están inevitablemente presentes en todos os espazos das nosas vidas, por isto é tan importante a construción dun lugar propio que fuxa destas ordes.

Non queremos inxerencias externas, xa sexan institucionais ou partidistas porque con iso se liquidaría a AUTOXESTIÓN e este proxecto converteríase en algo opaco e baleiro de contido.

Non queremos os seus cartos. Defenderemos cos nosos corpos e as nosas forzas A Insumisa ante esta agresión. Para rematar non deixa de ser gracioso que quen nos desaloxa sexa o goberno da Marea, goberno que dende a súa formación se lle enchía a boca falando de horizontalidade e respecto aos movementos sociais. Agora é este goberno o que vai desaloxar un CSOA e reprimir a todo o movemento. Todo desaloxo leva represión, debido a que o defenderemos e non deixaremos que se apropien dos nosos proxectos nin das nosas ideas.

Os nosos soños non se desaloxan.

 As nosas ideas non caben nas súas cabezas.

 Se o Goberno nos vende a Fomento, responderemos.  

10, 100, 1000 centros sociais.

 Okupa e Resiste.  

Desaloxos son disturbios.

 Un desaloxo, outra okupación.

A INSUMISA NON SE MERCA.

 

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.