Conta atrás para o desaloxo da Insumisa

Xa está confirmado de forma oficial, aínda que eu polo menos non tiña ningunha dúbida dende hai moitos meses. Estes dous impresentables que saen na foto van a desaloxar a Insumisa. Xiao como concelleiro de Rexeneración Urbanística a secas (non é coña, o de Dereito a Vivenda el mesmo o omite, imaxinaros o que lle importa a Marea o dereito a vivenda) e Rocío como xefa da policía local.

Vexo bocas abertas de asombro nos movementos sociais, como é posible que Xiao e Rocío pasasen tan rápido de ser okupas a desaloxar centros sociais okupados? Que sorpresa! Obviamente estou a ser irónico, o poder corrompe pero estes xa viñan corrompidos de casa.

Onte fíxose oficial a entrega por parte do Ministerio de Defensa ao Concello da Comandancia de Obras, polo que o Concello xa non só é usufructuario senón que tamén é propietario.  Despois de 34 anos de conflicto (dende 1984 se levan reclamando estes terreos) xusto a semana antes do desaloxo lle entregan os terreos á Marea Atlántica e eles os aceptan como obedentes monicreques que son. Xa se despexaron todas as incógnitas, Marea Atlántica decidiu que van ser eles os que desaloxen a Insumisa.

Atrás quedaron unha infinidade de mentiras, as que xa demostrei neste artigo: http://airmandadedacosta.info/index.php/2017/12/22/mentiras-da-marea-atlantica-insumisa/ E outras que xa eran un segredo a voces. Acordádesvos do recorrente “ o Ministerio de Defensa ten intereses especulativos na Comandancia e quere facer bloques de pisos?” Obviamente era mentira. Se quixese/puidese facer pisos non cedería os terreos ao Concello no 2013, nin lle pediría 1 millón de euros a Fomento para facer unha obra e, sobretodo, non llo entregaría ao Concello como fixo onte. Todo era unha mentira para criminalizar aos okupas e tachalos de insolidarios que perxudican o interese xeral dos coruñeses.

Acordádesvos dese valente concelleiro, Xiao Varela, que poñía o corpo ante Defensa para protexer os okupas? (Xa vos dixen noutro artigo que este só poñía o corpo para cobrar diñeiro e conseguir votos). Tamén mentía nesta ocasión. Ao revés, o que lle salvou á Insumisa foi precisamente ese conflito entre Defensa (propietaria) e o Concello (usufructuario). E non é que o diga eu, que son un xuntaletras de escritos bananeros cheos de rabia (e a moita honra ademais) é que o Xulgado de Instrución número 2 de Coruña confirmou que os okupas non cometeron ningún delito de usurpación, porque tanto o Concello como Defensa non fixeran un requirimento expreso aos okupas para que abandonasen as instalacións. É dicir, Defensa non promoveu o desaloxo porque quería desgastar a Marea e Marea tampouco porque prefería pasarlle o marrón a Defensa. Agora que Defensa desaparece da ecuación, caretas fóra! O desaloxo é inminente. Como dixo Xiao: “se non estivese Defensa por medio, este “diálogo”??!! que temos agora xa o haberiamos tido hai 13 meses”.

Tamén se repetiu como un mantra que eles querían dialogar e que os okupas eran moi malos e negábanse a ter un diálogo real. O certo é que na última reunión que tiveron cos okupas nin Xiao nin Claudia atrevéronse a recoñecer que ían desaloxar a Insumisa. Utilizaron eufemismos como “ten que realizarse as obras” ou o favorito “ hai que dialogar”, pero foi darse a volta e Xiao afirmou,  cito literalmente: “tan pronto sexa noso os botámos”. Esta é a honestidade e a valentía deste caradura.

Xa sei que os meus escritos provocan vergoña allea e son incomprensible para os que se poñen as botas cobrando da Marea, pero é que os que non nos vendemos e somos coherentes non nos mordemos a lingua.

 

Deixa un comentario