Xa pasou un ano e o cárcere segue pechado

Hoxe xusto hai 1 ano da cesión de uso do antigo cárcere de Coruña, do Ministerio do Interior ao Concello. Día de gran alegría para todos os colectivos sociais, xa que, os compañeiros de Proxecto Cárcere levaban 7 anos reclamando este histórico espazo, no que cumpriron condea decenas de antifranquistas e, máis recentemente, o noso compañeiro Xosé Tarrío.

Marea Atlántica, como xa nos ten afeitos, non dubidou en anotarse o tanto coma se tratásese dun logro persoal deles, cando o certo é que se trata dunha cesión voluntaria de Interior e que se o mérito é de alguén, correspondería  á Plataforma cidadá Proxecto Cárcere que leva anos reclamando de forma incansable o espazo.  Sexa como sexa, parecía que por unha vez os ventos éranlle favorables ao partido mareante, polo que o concelleiro Xiao non dubido en asumir o mando neste proceso. Que diferencia co que pasa na Insumisa, no que parece que lle entrou a cagadera e preferiu poñerse nun segundo plano pasando o marrón á concelleira Claudia, á que os pesos pesados de Marea denominan como “a chavalita”, coma se o feito de ser nova e muller fose motivo suficiente para mirala por encima do ombreiro.

Pero o concelleiro Xiao cometeu un erro, non tivo en conta que cando un é un incompetente calquera momento é bo para fodela. Nin sequera se asinara a cesión do espazo e este fenómeno xa andaba brindando con champaña cos amigos que obviamente ten dentro de Proxecto Cárcere. Tan escandaloso foi o espectáculo que ata o propio PP decatouse, como reflicte na súa páxina web:

“Además, Xiao Varela se reunió con Proxecto Cárcere en diciembre de 2016 para comunicarles la cesión del edificio por parte del Estado y el 22 de diciembre se reunieron miembros de este colectivo con Varela y la concejala de Participación, Claudia Delso, a quienes les explicaron su proyecto de usos y entregaron copia de su proyecto”.

Haberá que recoñecer que non é a maneira máis sensata de comportarse cando falamos da ocupación privativa dun ben de dominio público de tanta relevancia, que obviamente tiña que pasar por concurso público. Pero aínda máis brillante foron as declaracións deste “gran” concelleiro o 3 de xaneiro do ano pasado:

“nos contamos con que o edificio entre en uso a curto prazo, primeiro trimestre.. . finais do primeiro trimestre do ano (refírese ao 2017, non vos despistedes)” .

O grave destas declaracións non é que se atrasaran máis de 10 meses na apertura do espazo, a iso xa nos teñen tristemente afeitos (lembrar as famosas 25 medidas para os 100 primeiros días de goberno das que a maioría aínda non se aplicaron a día de hoxe), o realmente grave é que a este ignorante nin sequera pasóuselle pola cabeza que houbese que facer un concurso público, estaba convencido que llo podía dar a dedo a quen él quixese.

Non contento con esta sucesión de cagadas, non dubidou en anunciar o 4 de setembro que a organización Proxecto Cárcere gañara o concurso público, antes de que se publicasen os resultados do concurso. Demasiadas facilidades para un partido sen escrúpulos como o PP, que obviamente cheirou o sangue e non dubidou en denunciar nos tribunais a adxudicación do cárcere, buscando a anulación do concurso e o novo peche da prisión, con bastantes probabilidades de éxito.

Chegados a este punto, xa todos sabemos que os mareantes son o único animal que tropeza duascentas veces coa mesma pedra, así que non dubidaron en darnos un novo prazo de apertura, neste caso aseguraron que abrirían antes de que reamatase o 2017…

Pasando ao tema de moda no noso blogue (ás veces son un pouco monotemático), este proceso pódenos dar información moi interesante respecto doutro bastante similar, como é o das Naves do Metrosidero:

-a Marea Atlántica asegura que as obras das Naves do Metrosidero van durar os 16 meses acordados e que se van a abrir antes das eleccións municipais, que a construtora non vai incorrer en atrasos por medo a sufrir penalizacións.  Pois neste caso as obras tiñan unha duración de 56 días e xa levan 77 (un atraso de preto do 40% do prazo estipulado).

-Aínda que a firma foi algo posterior (15 de xaneiro do 2017) en novembro de 2016 xa se confirmou que Interior ía ceder o cárcere ao Concello, polo que os tempos coincidiron exactamente coa okupación da Insumisa (20 de novembro). O contraste non pode ser máis chamativo, mentres os okupas xa realizaron centos de actividades, o Concello aínda non foi capaz nin de inaugurar o cárcere.

-Os centos de actividades que se realizaron na okupa, así como as obras aí realizadas, non lle custaron nin un euro aos coruñeses. As obras do cárcere teñen un custo de 184 659€ para o menos de 1 ano que queda de cesión, é dicir, un mínimo de 15388€ ao mes, 506€ diarios ao que hai que engadir o gasto da luz e a auga. A este diñeiro que temos que pagar todos os coruñeses hai que engadir o custo da xestión do espazo que terá que pagar o usuario. Para o funcionamento do espazo, como se ten que autofinanciar, é posible que os socios teñan que pagar unha cota, facer doazóns ou mesmo pagar o aluguer de espazos, talleres, cursos e actividades formativas. A ver se despois de ver estas contas algúns aprenden a valorar o servizo gratuíto que os okupas achegan a toda a cidadanía.

-Os hooligans mareantes aseguran que os centros sociais de coxestión co Concello, ou os 2.0 ou o eufemismo que se queiran inventar para a ocasión, non teñen máis que vantaxes e que se non nos gustan é porque queremos ser os máis puros ou simplemente témoslles manía (isto último si que é certo). A verdade é que Marea Atlántica está a presentalo desde o primeiro momento como un dos grandes logros da lexislatura, facendo un uso partidista dun centro social realmente vomitivo, non quero nin pensar no postureo que farán o día que se inaugure. A isto hai que engadir a sumisión e docilidade que levan aparellados estes proxectos. “Sorprendentemente” os compañeiros de Proxecto Cárcere “esqueceron” mostrar o seu apoio público ao CSO A Insumisa ante o miserable acoso que están a padecer por parte do Concello, e iso que a relación entre os okupas e Proxecto Cárcere sempre foi excelente.

 

 

 

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.