[A Coruña] Concentración en memoria do compañeiro Carlos Palomino

Este sábado 11 ás 20:00 haberá unha concentración na Praza do Obelisco en memoria do compañeiro Carlos Palomino, asasinado hai 10 anos por un militante fascista.

Aquí o texto emitido pola Plataforma Contra a Represión de Coruña:

10 ANOS SEN TI, 10 ANOS CONTIGO…
Hai feridas que nin o tempo pode fechar, como a que se abriu hai 10 anos nos nosos corazóns. O 11 de novembro de 2007 recibiamos a desgarradora nova do asasinato do compañeiro Carlos, antifascista de 16 anos de idade que se dirixía ese día xunto con outros compañeiros a boicotear un acto racista organizado por Democracia Nacional. Foi asasinado no metro de Madrid por Josué Estébanez, un militar fascista que o apuñalou directamente no corazón e feriu gravemente a outro compañeiro que tentou detelo.
Os medios tentaron facer ver que se trataba dun enfrontamento entre violentos e tribus urbanas. Non falaban de como un partido fascista se concentraba nas rúas de Madrid grazas ao permiso da Delegación do Goberno con Soledad Mestre á cabeza.
Foron anos intensos, onde tras o asasinato de Carlos o movemento antifascista se mostrou máis unido que nunca, demostrando grande organización e madurez política, hoxe toca facer acto de conciencia e non esquecer por que morreu Carlos, é noso o deber facer que nin a súa morte nin a de tantos outros compañeiros caian no esquecemento, é o noso deber como antifascistas saír ás rúas e facer da loita a súa mellor homenaxe, é noso o deber de facer que os nosos barrios estean baleiros de racismo e fascismo.
Non podemos ficar quietos vendo como nos arrebatan nin a un só compañeiro máis. 
Por Carlos e todos os caídos antifascistas.
A MELLOR HOMENAXE, CONTINUAR A LOITA
CARLOS HERMANO, NOSOTROS NO OLVIDAMOS
Contra o fascismo nin un paso atrás!

Deixa un comentario