Lume no monte e cabezas de turco

Tras da vaga de lumes alguén tiña que pagar. Evidentemente non ían ser os verdadeiros responsables, pero hai que dar de comer ao populacho e non só de pan vive o home. A xustiza é infalible, ou polo menos ten que parecelo. Así que un home acaba de entrar en prisión sen fianza para demostrar ao mundo que o sistema funciona. O paisano é un empregado do xulgado de Vigo de 55 anos, ecoloxista para máis señas, ao que se lle escapou un lume mentres asaba chourizos na súa leira de Xinzo de Limia.

Non vou negar que facer barbacoas en segundo que circunstancias é unha grave imprudencia. Máis tendo en conta que o fulano tiña antecedentes por queimas de restrollos. Pero o que noutras circunstancias suporía unha multa sen máis agora mesmo levou a unha persoa inocente ao caldeiro. Por que? Para que ti, Juan Pelanas, te sintas seguro na túa casa pensando que cando algo grave sucede os nosos dirixentes, xunto a perfectamente engrasada maquinaria xudicial democrática, reaccionan rápidamente. Pero o problema é que os verdadeiros responsables do que sucede son os nosos dirixentes coa súa irresponsable política de ordenación territorial e o seu entreguismo servil aos intereses capitalistas ecocidas e depredadores.

Para empezar, o incendio forestal do que o acusan nunca o foi, porque apenas chegou a queimar unha hectárea, e para que neste país un incendio forestal sexa considerado como tal ten que pasar das dúas hectáreas; se non é considerado como “conato”, non chega á categoría de incendio e a Xunta non ten nin que reportar información sobre o mesmo. Pero claro, como aquí as cousas son o que son só para o que nos interesa, pois neste caso falamos de incendio forestal e santas pascuas. Así xa temos un culpable que levarnos á boca! Pero se non pillasen a ninguén e a Xunta quixese minimizar o alcance dos incendios para non quedar mal, pois entón sería un conato e a correr.

Pero claro, nada novo baixo o sol, ante a dificultade de atopar a verdadeiros pirómanos (pois non é tan fácil coller a alguén no momento en que premeditadamente prende o monte, esa xente ten a absurda manía de non deixarse ver) pois a xustiza leva décadas ilustrando titulares xornalísticos con pobres e asustadas velliñas ás que se lles escapan as queimas. Así pretenden convencernos de que o delito se paga. A verdade é que só o 30 por cento dos lumes en galicia son por descoidos, mentres que máis do 60 por cento son provocados con malévola intención, xa sexa por tolos, vándalos, vinganzas ou por outros escuros intereses… que de todo hai na viña do señor (do señor Feijoo, claro está). Deste xeito, cando na prensa fálannos do perfil do incendiario, non están a falar do perfil real do incendiario que queima o monte na procura de beneficio, porque a eses apenas os pillan e non os poden psicoanalizar, se non do perfil do cheiñas pirado ao que conseguiron coller, ou do paisano descoidado ao que se lle escapou a cacharela porque se fai vello e xa non lle dan as forzas.O perfil do incendiario real nin o coñecen nin lles interesa.

Ben é certo que nos últimos dous anos as forzas de seguridade do estado empezan a facer progresos no que se refire a pillar incendiarios (dos da mala conciencia, non dos do descoido aos que pillaron sempre). Supoño que isto se debe a unha mestura entre uns primeiros indicios de vontade política e xudicial respecto diso e as amplas vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías: agora todos levamos móbiles rexistrando os nosos movementos en GPS para o uso e disfrute de policías e multinacionais, o que facilita inmensamente as detencións dos sospeitosos. Pero aínda así a maioría dos arrestos seguen respondendo o perfil tradicional do puro e duro cabeza de turco. E ese é o caso do que hoxe estamos a tratar co detido de Xinzo.

Así que, para a túa tranquilidade, un inocente apodrece entre reixas. Non digo que non se merecese unha multa e pagar os custos da extinción, pero desde logo que non merece cargar sobre os seus ombros o peso da indignación social, a incompetencia das autoridades e as nefastas políticas forestais de décadas de “dereito de pernada” neoliberal.

O Bombeiro Toureiro

 

2 thoughts on “Lume no monte e cabezas de turco

Deixa un comentario