Sobre incendios forestais

Eu son brigadista da empresa SEAGA na provincia da Coruña. Este fatídico fin de semana acababamos de ser recontratados para o dispositivo antiincendios, ainda así ninguén nos chamou para actuar. Gustaríame facer unhas pequenas reflexións soltas sobre esa e outras cuestións relativas á vaga de lumes.
Levo máis de dez anos traballando nos incendios, son fixo descontinuo nunha empresa pública que serve de ETT á Xunta para contratar ao persoal de extinción sen as garantías laborais dun funcionario. Vaia, que facemos exactamente o mesmo traballo que as brigadas da Xunta pero cobrando menos e con menos dereitos recoñecidos. Nos concellos hai xente que, facendo o mesmo que fago eu, aínda cobra menos.
O caso é que o pasado 12 de outubro acabóusenos a encoménda de traballo (que segundo sentenza debe coincidir co período de alto risco). Como as condicións climáticas eran tremendamente perigosas en materia de incendios e como ampliaron os contratos doutros traballadores do sector, pero non os nosos, realizamos unha protesta o día 13 ás portas do ministerio. Aínda non rematáraramos a concentración de denuncia cando xa nos estaban chamando para ampliarnos o contrato ata o 31 (querían despedirnos, pero sen que ninguén o soubese, sin mala imaxe) . Ou sexa que o venres ao medio día avísannos de que a nosa baixa non sería efectiva, prorrogando o contrato ata fin de mes. Dinnos que nos reincorporaremos o luns, mentres tanto suponse que estamos a librar.
Durante o fin de semana, e sobre todo o domingo, a situación dos incendios forestais en Galicia vólvese catastrófica, con centos de focos simultáneos (moitos deles en nivel dous, con perigo para casas e persoas) sobre todo en Ourense e Pontevedra. Eu, e supoño que outros moitos coma min, estabamos nas nosas casas flipando mentres mirabamos o móbil en espera dunha chamada que nunca chegou que adiantara a nosa incorporación ao servizo. Creo falar por case todos os meus compañeiros ao afirmar que nos houbéramos incorporado de forma inmediata e voluntaria en canto nos chamaran. Só tiñan que devolvernos o equipo e os vehículos que entregaramos poucos días antes polo fin da campaña máis tarde prorrogado.
Apunto estiven de baixar pola miña conta a carretar baldes de auga coma un máis a Pontevedra, pero preferín esperar estúpidamente a que me chamasen para incorporarme como bombeiro forestal e realizar así un servizo maior. Foi unha mala decisión. Quedei esperando. A xente morrendo mentres profesionais con máis dunha década de experiencia e centos de lumes ás costas languidecíamos fronte ao móbil á espera dunha chamada que nunca chegou. E o meu caso non foi illado, ata onde eu sei todos os compañeiros da miña empresa na provincia estaban en idéntica situación, non sei como sería en Ourense ou Pontevedra.

Unha pequena aclaración ao fío dos comentarios repetidos por presentadores, tertulianos, locutores e opinólogos en medios informativos de todo tipo que focalizan nos brigadistas as sospeitas de autoría dos incendios: o dispositivo estaba reactivado, xa nos ampliaran os contratos ata fin de mes (outra cousa é que absurdamente non nos reincorporasen efectivamente ao servizo). Non ten ningún sentido prender lume para conseguir traballo cando xa estas contratado e cobrando… e ainda por riba rascando a barriga na casa!
Agora algunha reflexión sobre a vaga de lumes: Por que tantos incendios de vez en tan pouco tempo? Porque se pode. Porque as condicións atmosféricas permíteno e propíciano. Porque a alta temperatura, a escasa humidade do ambiente e a elevada velocidade do vento así o permiten. Xente disposta a queimar haina sempre, o caso é que normalmente, por moito que o intenten, non poden xerar este tipo de situacións de emerxencia. Normalmente o dispositivo bástase para controlar inmediatamente calquera incendio forestal sen que teña consecuencias catastróficas. Pero cando se aúnan certos factores ambientais os incendios prenden como a yesca, corren e reprodúcense sen posibilidade de ser controlados a tempo e posibilitan este tipo de situacións. Isto sábeno os que queren prender os nosos montes, xa sexa por intereses escuros, por estar tolos como cabras ou por foder ao veciño ou á comunidade de montes, e chegado o momento saen todos á vez con idéntica intención de achicharrar a natureza. O vento fai o resto, diseminando as faiscas e reproducindo cada foco a quilómetros de distancia. Fillos de puta dispostos a queimar o monte hainos sempre, o tema é que teñan as condicións adecuadas para converter Galicia nun inferno.
Porque outro dos mantras repetidos polos medios é o de que se trata de incendios intencionados. Por suposto que se trata de incendios provocados. SEMPRE se trata de incendios intencionados. Ou polo menos en dúas terceiras partes do total dos incendios en Galicia. A única causa natural de incendio é o raio, o resto están provocados dun modo ou outro pola acción do ser humano. Nunha terceira parte (máis ou menos) trátase de imprudencias, sobre todo queimas de restrollos que se escapan, aínda que tamén faíscas de maquinaria ou barbacoas mal vixiadas. Pero o resto, a inmensa maioría, son claramente malintencionados. Deixemos xa de falar dos incendios provocados coma se fosen raras excepcións e asumamos que se o monte arde é por unha vontade malsana (xa sexa por intereses económicos, por maldade, por tolemia ou por estupidez).
Agora tócame falar das causas, e aquí a cousa xa se me fai máis complicada. Lamentablemente despois de máis de dez anos non o vexo de forma tan sinxela como cando entrei, que cría que todo eran intereses empresariais e recualificacións urbanísticas. Agora vexo moitas máis causas probables en moitos dos lumes que arrasan os nosos montes. Mesmo en moitos non vexo ningunha explicación racional máis aló de que a xente está pirada.

É certo que desde o 2015 se poden recalificar outra vez terreos queimados, pero non é tan sinxelo, require de certos procedementos que na práctica non están a ser utilizados, así que iso como moito podería explicar unha moi pequena parte dos lumes rexistrados. Os madeireiros tamén poden sacar cacho da compra da madeira queimada, debido a que eles pódena vender practicamente ao mesmo prezo para pasta de papel (ENCE), sempre que a corten rápido, mentres que ao particular ofértanlle prezos ridículos pola curta de bosques queimados. Pero o propietario da madeira queimada pode elixir entre moitos madeireiros distintos, así que non é tan sinxelo para estes empresarios saber que serán eles os beneficiados de que un bosque arda. Limpar leiras, xerar pastos para o gando ou simplemente foder ao veciño son tamén razóns moi comúns para a aparición de lumes intencionados. Menos se fala doutros posibles beneficiarios da queima dos nosos bosques, como subcontratas de reposición de cables de alta tensión ou empresas que obterán beneficios da xestión e rexeneración dos bosques queimados: EULEN ou TRAGSA, por poñer só uns exemplos, pero tamén todas as pequenas empresas que poidan ser subcontratadas por elas para fornecer cuadrillas, equipo e maquinaria.
Por ultimo quero falar de quen leva a parte do león do orzamento asignado aos incendios forestais: os medios aéreos. Tanto os avións como os helicópteros empregados na extinción son alugados a empresas privadas que ofertan aeronaves coa súa dotación de mecánicos e pilotos. En Galicia adoita ser INAER. Eles son os que absorben a maioría do orzamento destinado á extinción, cobrando cantidades astronómicas por cada hora de voo. Tamén negocian anualmente o número de avións e helicópteros contratados, que curiosamente este ano descendera con respecto ao anterior. Ningunha proba aválame para acusalos de estar detrás dos lumes, con todo serían uns claros beneficiarios, debido a que cantos máis incendios e máis alarma social haxa, máis orzamento fagocitarán nos anos sucesivos. Mentres que unha redución do número de lumes sería para eles unha baixada segura en encoméndas futuras. Cando apagar lumes é un negocio, acendelos convértese na primeira parte do mesmo negocio. Non podo afirmar que eles estean detrás das sucesivas vagas de lumes (aínda que as recorrentes noticias que remiten a artefactos incendiarios caídos en paracaídas indiquen nesa dirección) pero do que estou seguro é de que se o prender lume é rendible para certas empresas, tarde ou cedo acabarán por deixar as consideracións morais a un lado para favorecer o interese do seu negocio. Á fin e ao cabo esa é a única loxica do capitalismo.

E ainda que non sexa a causa directa, non podo deixar de falar das causas indirectas, como a nula política de prevención ou a nefasta xestión dos nosos montes, coa implementación do uso do monte como recurso madereiro, favorecendo os intereses das pasteiras como ENCE e o monocultivo casi absoluto do eucalipto nas provincias costeiras. Porque por moito que digan os empresarios madereiros que o eucalipto supón unha mínima parte do monte queimado, a miña particular experiencia en centos de lumes apunta absolutamente na dirección contraria. Ademais a política preventiva e casi inexistente, e se hai uns anos aínda nos contrataban aos brigadistas no inverno con esta finalidade, últimamente pasamos nove meses no paro a espera da seguinte campaña.

E aquí queda a miña opinión, que sin pretender sentar cátedra, e simplemente a de un máis dos que traballan no lume. Un máis dos que traballan no lume que atópase sorprendido e desmoralizado por ver arder galicia dende a televisión, sentindo a impotencia de saber que podería estar traballando e sen comprender aínda a razón de por que non nos chamaron.

Un dos do lume

Deixa un comentario