E “La Voz de Galicia” segue a desinformar… que sorpresa!!!

Máis dun milleiro de persoas manifestáronse contra a represión e en solidariedade co pobo catalán o pasado un de outubro na Coruña. Non vou dicir se foron mil cincocentas ou tres mil, porque non o sei e non vou facer eu aquí coma se fose un medio tendencioso ou unha subdelegación do goberno. O que fica claro é que foi moitísima xente. Con todo, a La Voz de Galicia non lle pareceu suficiente como para recoller a noticia; nin sequera nas páxinas locais. Ese día pareceulles moito máis importante o repunte do botellón en Méndez Núñez, unha pequena colisión sen vítimas en Peruleiro ou unha reportaxe sobre o Quidditch, o Jugger e o Fútbol Gaélico (deportes que, ao parecer, levantan paixóns na cidade).

Unicamente unha foto da manifestación ilustraba un artigo no que para nada se falaba dela, o titular era: “O PPdG alerta contra os que violan a democracia desde as institucións”. O pé de foto mentía da seguinte descarada maneira: “Concentracións en Galicia. Varias cidades galegas como A Coruña (na imaxe), Ourense ou Pontevedra acolleron onte pequenas concentracións de simpatizantes co soberanismo catalán”. E xa está, un pé de foto para ilustrar o parecer de miles de coruñeses (non sei cantos serían no resto de galiza). Aínda que claro, igual é un parecer que non gusta á liña editorial deste noxento voceiro conservador.

Tendo en conta a tremenda obxectividade coa que últimamente abordan o tema catalán nada que nos sorprenda. Titulares como: “Abismo independentista” ou “Deslealdade inadmisible” ilustran á perfección o rigor co que este falsimedio honra o código deontolóxico da profesión. E iso falando únicamente dos titulares de portada, porque se nos metemos a analizar o contido desta lamentable folla parroquial prostituída pola dereita máis rancia e cavernaria o asunto sería xa un non parar. Desde burdas manipulacións ata conspiranoicas denuncias de fraudes electorais que farían palidecer de envexa aos infames tabloides que escriben sobre Ovnis, big foots e cabras con tres cabezas.

Se o cheiro dereitista da liña editorial de La Voz de Galicia é unha constante desde hai tempo (seica desde a súa creación), a deríva dos últimos anos non deixa lugar á dúbida. O seu entreguismo ao Partido Popular e ao conservadurismo máis rancio e trasnoitado saltou das páxinas editoriais a diseminarse por toda canta noticia recolle o xornal. A casposa liña editorial dereitista embadurna todas as páxinas do tabloide, desde a redacción ata a última folla da sección local. Así se sucede a persecución da okupación, do independentismo e ata de Podemos e as súas Mareas locais (que a pesar do seu reformismo galopante, e de revelarse como fieis continuadores a nivel local da política dos seus predecesores, non conseguiron caer en graza á prensa garante do status quo).

Vese que os millóns que lles entregou Feijoo en subvencións amañadas por promoción do galego están garantindo o que en realidade compraron: a rastreira e lacaia fidelidade dos medios empresariais galegos ao Partido Popular. E logo falarán de prensa libre. Pois será libre de impostos, porque en todo o demais lamben con obscena devoción a man que lles dá de comer.

C.R.

Deixa un comentario