“Pasei os mellores anos da miña vida dentro dun supermercado”

Espertas, levas aos teus fillos á escola, e desde aí saes pitando para chegar a tempo ao supermercado. Abre ás 8:00h, ou sexa que se te apuras, poderás comprar o básico, deixar a compra en casa e logo ir correndo ao traballo.

Pregunto: Se o supermercado abre ás 8:00h e a tal hora todos os produtos están nos estantes, listos para que os compres, a que hora empezan a traballar os traballadores? Segundo a Inspección de Traballo os traballadores empezan a traballar xusto cando abre o supermercado. Si, a Inspección de Traballo no noso país pensa que os estantes se enchen sós, que a táboa de queixos límpase soa, e que o diñeiro na caixa central dos supermercados cóntase só, sen a presenza humana.

Non se podería deixar de facer unha mención á pequena árbore da paranoia laboral, situado dentro do bosque dos alimentos podrecidos que compras, dos cales falaremos máis abaixo. Benvido a Grecia.

Son Nikos e estou ben. Xa estou ben. Pasei os mellores anos da miña vida (ou polo menos os que terían que ser os mellores, pero mellor non falar diso) dentro dun supermercado. Non importa de que empresa. De todos os xeitos, dunha das grandes. Non creo que sexa unha persoa mala. Creo, con todo, que fixen dano. Non, imbécil (estou a falar a min mesmo, non me fagas caso), o de eu “simplemente fixen o meu traballiño” non é ou non tería que ser unha escusa. Na Idade Media o verdugo facía un traballiño, pero é que este traballiño non é exactamente o que chamariamos “un traballo normal”.

Vendín produtos caducados. Moitos produtos caducados. Enganei a xente, Cambiei o adhesivo coa data de caducidade en moitísimos envases. Volvín a meter na neveira do supermercado leite que estaba dous días fóra da neveira. Vendín queixo feta que se esqueceu no conxelador e que se converteu nunha masa parecida a unha pedra. Botei anacos de queixo caducado dentro do barril dos queixos, e vendinos como queixo fresco.

O malo é que todo isto é unha cotidianidade corrente e a partir dalgún momento non che impresiona. Estás tan podrecido dentro desta corrupción que simplemente perpetuas o que sucedía moito tempo antes de tí e sucederá durante moito tempo despois de tí.

E agora pasemos ao difícil. Todas estas esaxeracións que che estou describindo non son unha paréntese negativa, non forman parte da mala xestión dunha certa empresa. O que liches é a regra que rexe o funcionamento dos supermercados. Non poden funcionar doutra maneira. Explícome: Nos moitos anos que me din malleiras en corredores, estantes, neveiras e almacéns, aprobei todos os cursos aos que asiste o que quere chegar a ser encargado. Durante este proceso estudei e aprendín todas as normativas, todas as leis e todas as xanelas únicas que poidan existir nelas. Asegúroche, podo asinar coas dúas mans, e podo escribir o meu nome e o meu apelido debaixo da miña firma, que se os supermercados cumprisen a lei cada día como cómpre, e se os aparellos de control do Estado fixesen o seu traballo, terían que contratar a outros tantos empregados. Isto non é unha esaxeración.

Tomemos, por exemplo, a entrega dos produtos alimenticios perecedeiros. O proceso que se debe cumprir é o seguinte: Sacas os palés do camión (cos produtos encima), colles dous produtos de cada palé e esnaquízalos para medir e rexistrar a súa temperatura. Despois almacenas os palés nos refrixeradores do almacén, indo cargando os produtos un por un, así que se manteña intacta a chamada “cadea de frío”. Todos estes anos que estiven traballando en supermercados, sabes cantas veces cumprín ao pé da letra con este proceso? Unha. A vez que recibimos unha “visita” do control interno da empresa, cuxos encargados vixiaron silenciosamente o proceso da entrega. Só aquela vez. Todas as demais veces cargaba os palés no ascensor ou os poñía ao longo dos corredores, para telos ao meu lado, á beira das neveiras nas cales había que colocar os produtos. Este proceso podía chegar a durar unhas sete horas. Durante este tempo obviamente os produtos estaban fóra da neveira.

Por suposto que cada supermercado está interesado no lucro e o seu funcionamento réxese por el. O problema existe e perpetúase por mor da indebilidade (non sabemos se é deliberada ou non, pero co noso cerebro maligno podemos supoñelo) do Estado de poñer freo (ás ilegalidades) e de facer controis puntillosos. Estiven sete anos traballando en supermercados. Unha soa vez fun testemuña dun control feito polo Estado. Entendíchelo? Podes comprender que nunha empresa asociada directamente coa saúde pública o control do Estado é case inexistente? E por que é inexistente?

Unha razón podería ser que ao Estado non lle dá a gana sacar diñeiro das ilegalidades constantes e diarias das grandes cadeas de supermercados. Pero, que pasa? Non poden ser tan masoquistas. Así que ou o Estado non se atreve a meterse coas empresas que teñen a moeda de cambio da ameaza “levarei a empresa a Bulgaria e aumentareiche a taxa de paro”, ou ten a vontade pero é corrupto, como adoita pasar en Grecia.

Loxicamente, a verdade está no medio. O goberno de quenda negocia coas grandes cadeas do mercado e en común crean un marco particularmente favorable para elas, o cal legaliza con destreza todo o que ocorre nos almacéns dun supermercado. O seu único obxectivo é o lucro, desinteresándose das condicións de hixiene, da contorna laboral e dos dereitos laborais.

Resumindo: Non vas querer saber que comes. Non vas querer saber o traxecto do queixo feta ata chegar á túa mesa. Por suposto, aínda que o quixeses, non poderías sabelo. Porque ninguén controla, ninguén se interesa de verdade. Todos se fan o parvo. Todos.

Boas compras.


Texto de Nikos Bóvolos, publicado na páxina web www.iforinterview.com.

Traducido do castellano do blogue verba-volant.info

Deixa un comentario