Sobre o referendo catalán

Non serei eu quen me poña a defender contra vento e marea o referendo catalán: unha especie de revolución burguesa, no mellor dos casos, que aspira a substituír unhas fronteiras por outras deixando intactos os alicerces da explotación, do autoritarismo e da inxustiza social. Non debemos esquecer, á fin e ao cabo, que os gurús e cociñeiros deste sainete son os mesmos políticos cleptócratas que comparten bancadas democristiás no parlamento europeo cos seus homólogos españois. Que foron colegas dos peperos na aprobación de toda canta lei dereitista, antiobreira e liberticida púxoselles a tiro e que, cambiando a disposición das cores da bandeira, comparten cos nacionalistas españois idéntico fervor identitario, xenófobo, misógino, católico e autorreferencial. A súa votación tráema ao pairo, a verdade, e a única vantaxe que lle vexo á independencia catalá é a de ver rabear aos fachas (que non é pouca cousa, por certo, os seus histéricos exabruptos e os seus patrióticos desasosegos cólmanme a min de orgásmicos praceres).

Pero lamentablemente eu son incapaz de ver, como ao parecer fan outros anarquistas, en que sentido todo isto pode beneficiar os intereses revolucionarios; nin aquí nin en cataluña. Que os momentos de ruptura son bos para introducir ideas subversivas nas clases explotadas? Pois eu non o teño nada claro, polo menos neste caso. Máis ben paréceme que todo isto vai reforzar o liderazgo e o seguidismo borregil de caudillos, políticos e empresarios catalanistas. Mentres o pobo, coma sempre, poñerá os feridos, os encarcerados e ata os mortos se é que se da o caso. Mentres moitos revolucionarios benintencionados farán o traballo sucio da burguesía para descubrir, a final de acto, que os aplausos os levan os de sempre e que eles serán, outra vez, os grandes esquecidos.

Custodiar urnas e colexios electorais codo a codo cos mossos de escuadra, unha das policías con máis denuncias por abusos e torturas de toda europa, non me acaba a min de parecer o mellor camiño cara á revolución social. E haberá quen diga, non sen razón, que algo había que facer, que os anarquistas non se podían quedar á marxe dos acontecementos ignorando o asunto. Pero eu botaría de menos un discurso crítico e libertario. Algo así como cando tentaron converter a xigantesca V humana, formada polos independentistas na diada de 2014, nunha A de anarquía. Se que isto é fácil de dicir e difícil de facer e acordar, pero aínda así non podo deixar de pensar que a participación acrítica nos saraos dos demócratas, por moito disturbio que traia incluído, non remate por facerlle o caldo gordo ao estado (presente ou por vir).

Dito isto, o porqué a min este referendo non me motiva demasiadas paixóns, teño que dicir que, con todo, a postura nacionalista española (a antireferendum) si que me saca das miñas casillas. Certamente son contradicións internas capitalistas capitaneadas por dúas oligarquías inflamando os sentimentos populares subxectivos en beneficio propio, pero non podo deixar de marabillarme coas cabriolas argumentais coas que os constitucionalistas pretenden converter a prohibición dunha votación nun acto de defensa da democracia. A invocación da lei como algo sagrado e alleo aos propios políticos, coma se fosen divinos mandamentos entregados a Moisés no alto do monte Sinaí no lugar da plasmación escrita das ocorrencias da nosa clase política, non deixa de sorprenderme. A confusión interesada entre legalidade e democracia converteuse no mantra constitucionalista que, por machacón, pretenden calar no imaxinario social. “Vai contra a democracia porque é ilegal”, toma! é que mentres tí esteas no poder todo o que non che guste vai ser ilegal, para iso redactas tí as leis. Se decidisen que fose legal, pois sería legal. De tan ridículo non deixa de ser ata gracioso ver como se afanan en convencernos de que unha votación é un acto totalitario contrario ao principio da democracia. E máis absurdo aínda é ver como xustifican a represión “manu militari” do devandito plebiscito en nome da liberdade de expresión. Porque eu non lle vexo potencial revolucionario ao referendo catalán. Pero unha cousa é que a min me importe un carallo esa consulta burguesa e outra moi distinta que pretenda impedila.

É por iso que a min resúltame moito máis fácil saír á rúa para rebentar unha manifestación facha contra o separatismo catalán, que manifestarme en favor do referendum. Cousa que finalmente fixen, con certa sensación culpable, acompañando a tanto político oportunista, tras dos acontecementos do 1-O. E non é que pense, como agora todo dios empéñase en cacarexar aos catro ventos, que a policía se pasou de represora. Non, para nada. A policía simplemente fixo o seu traballo, que é o de reprimir. O problema é que nesta sociedade “mojigata” e buenrrollera na que vivimos conseguiron convencernos de que o traballo da policía é o de axudar á xente. Pero iso é unha mentira coma un piano, o traballo da policía é facer cumprir as leis que dita o poder; é manter o status quo dun sistema desigual e inxusto impedindo que os de abaixo poñan en risco os privilexios dos de arriba. Pensar que os antidisturbios están para baixar gatiños das árbores é de gilipollas. O que pasa é que para manter esta ficción democrática o poder convertiu á maioría dos cidadáns en gilipollas. Os antidisturbios só saben reprimir. Están para iso e esa é a súa función. E a represión non se fai con bonitas palabras, só pódese facer con violencia. Así que se un antidisturbios tivese que baixar a un gatiño dunha árbore faríao ametrallándoo con pelotas de goma. Así é como lle ensinaron e iso é o que sabe facer. Por iso eu penso que a policía non se excedeu nas rúas catalás, máis ben comportáronse con bastante mesura tendo en conta ao que nos teñen afeitos. Viuse claramente que as súas ordes eran as de estar o máis acougados posibles (outra cousa é como recibe esa orde un mastuerzo neonazi adestrado para matar). O que pasa é que cando se manda reprimir pois a xente sae reprimida. Se a orde de reprimir estivo ben ou mal pensada Iso xa é fariña doutro costal. Agora ben, aos indepes a estratexia saíulles de perlas.

Pois iso, que a pesar do moi subnormales que poidan parecerme os fachas coa súa absurda estratexia de prohibir o referendo en cataluña (estratexia que, por outra banda, beneficia ao independentismo), tampouco consigo empatizar coa creación dun novo estado capitalista burgués, implementado e gobernado desde a dereita máis rancia e reaccionaria. Non serei eu quen lles negue o seu dereito para constituírse como república burguesa, e ata me atoparán como aliado á hora de acalar as ansias imperiais e antisecesionistas da dereita española, pero que non esperen a miña simpatía ante novas fronteiras, novos exércitos, novos parlamentos nin novos carnés de identidade.

C.R.

Deixa un comentario