Constitución?…e a min que!!

Moito se invoca ultimamente a constitución. Coma se fose o texto sagrado entregado polo Deus da urna aos crentes . Coma se as sacras palabras que a compoñen foran divinas e inamovibles, convertendo en herexía todo o que nela non estea contemplado. Coma se non a cambiaran e modificaran cando lles sae dos collóns, como candon o rescate da banca ou o tratado de Mastrich. Coma se nos importara un carallo un texto escrito hai corenta anos, cando aínda vivíamos no fascismo, e cando calquera merda que nos botasen á cara era mellor que continuar co que había.

Tamén se lles enche a boca aos políticos falando da lei. Coma se non fosen eles mesmos os que as escriben. Pero, con todo, falan delas como dun ente místico e superior do que emanan todas as virtudes e as bondades da humanidade, e fóra do cal só existe a fame, a miseria, o caos e a escuridade. Coma se non fosen os políticos os que as inventan o seu antollo e os primeiros en pasalas polo forro dos güevos para roubar a mancheas sen que xuíz algún poida sequera afearlles a conduta. Parecen esquecer que as leis poden perfectamente ser inxustas. Que na alemaña nazi (que se fixo nazi da maneira máis democrática posible, conforme a dereito e con todas as da lei) o legal era denunciar xudeus, e o non facelo era cousa de sediciosos e criminais.

Tamén esquecen que case todos os cambios e progresos que recolle a historia fixéronse á marxe da legalidade vixente, normalmente a través de revoltas e revolucións, pero sempre desobedecendo a vella lexislación. As primeiras democracias do mundo nunca o serían se non rompesen coa legalidade anterior. Así como a inmensa maioría das independencias e descolonizacións do mundo realizáronse en choque frontal coa lei da potencia en cuestión; mesmo españa tivo que independizarse de francia pola forza das armas e non mediante o pacto, a diplomacia e a lexislación.

Pero é que me parece especialmente noxento o constante chamamento á constitución, como glorioso texto vontade expresa e consensuada de TODOS os españois. Sobre todo cando aínda hai pouco da revelación dunha entrevista inédita a Adolfo Suárez na que recoñece explicitamente que introduciu nela a imposición do rei Juan Carlos e da monarquía sabendo que as enquisas eran favorables á república.E iso que os países da contorna e parte da oposición pedían un referendo ao respecto. Pero non se fixo porque, en palabras do propio Suárez, “perdíase”. Así que a monarquía foi un “trágala”. Un “trágala” perpetrado mediante a imposición dunha constitución que sempre era mellor que o fascismo anterior, pero que, de ser realmente froito da vontade popular, habería feito de españa unha república. A constitución furtou aos españois a posibilidade de pronunciarse sobre a forma mesma do seu sistema de goberno (entre outras moitas cousas). E non foi algo casual, se non que os seus pais fundadores así o decidiron a pesar da vontade do pobo. É esa a súa sagrada constitución?

A min, como anarquista, importaríame un carallo a súa constitución aínda que fose republicana. Como tamén impórtame merda a independencia de cataluña (salvo, quizá, por ver aos fachas rabear, que é a única gran vantaxe que lle atopo ao asunto). Pero é que me teñen cheo con tanta charlatanería legalista e pusilánime e xa non me podía conter sen dicilo. Ala, aí quedou!

Democracias ao señor!!

C.R.

Deixa un comentario