De violencias e violencias

Non serei eu, anarquista convencido, quen loe a estas alturas o goberno de Nicolás Maduro, o impresentable autocrático ao que se lle aparece Chavez en forma de paxariño. Por non simpatizar, non me simpatizaba tampouco o seu predecesor (nin sequera cando aínda tiña forma humana, antes das súas epifanías ornitolóxicas) remiso como son aos militares, aos caudillos e aos dirixentes de todo tipo, especialmente cando falan sempre coma se estivesen desde unha tribuna, aleccionando ao respetable con voz mesiánica e dedo levantado.

Pero a pouca simpatía que me espertan os caudillos suramericanos, por moi de esquerdas que se pretendan, non me impide ver a bochornosa campaña mediática que os medios de comunicación europeos levantan na súa contra. Deste xeito, é curioso ver como un sen fin de ditadores infinitamente máis cruentos e deleznables son supinamente ignorados polos nosos medios informativos occidentais, cando non os presentan coma civilizados aliados do noso cacarexado “mundo libre” (como podería ser o caso de Guinea Ecuatorial ou Arabia Saudí, por poñer uns dos exemplos mais descarnados, pero tamén, porqué non, de Marrocos, o amigo, socio e aliado do flamante reino español). De feito é curioso ver como México, un narco-estado onde o cómputo electoral cambia xusto despois de oportunos apagóns eléctricos e onde a tasa de mortalidade dos periodistas semella a de Beirut nos seus mellores tempos, é ensalzado coma exemplo democrático latinoamericano pola prensa canalla occidental; mentres falan de outros paises da rexión,  máis esquerdistas e menos sumisos aos nosos intereses, coma de execrables dictaduras bananeiras. Xa non falaremos de Honduras, Guatemala, Colombia ou El Salvador, onde, pese as súas non tan lonxanas represións salvaxes da insurxencia, as súas guerrillas paramilitares ligadas ao poder e os seus vínculos institucionis co crime organizado, non parecen incomodar o máis mínimo cos seus gobernos neoliberais a nosa benpensante prensa occidental. Pero ah! Venezuela, despótico lugar. Que saian a relucir as lupas democráticas buscando o que noutros sitios ocultan e ignoran os nosos adalides da liberdade.

E non quero negar con todo isto que o goberno de Nicolás Maduro intente afianzar o seu poder pasándose polo forro á oposición e calquera garantía democrática. Algo que por outra banda acaba de facer Erdogán en Turquía sen levantar cuarto da metade do rebumbio político nin mediático que levanta Venezuela: nin sancións internacionais, nin durísimas condenas, nin veladas ameazas de intervencións militares estranxeiras; seica unha leve crítica xornalística que lave un pouco as nosas democráticas conciencias occidentais. Ben é certo que a oposición Venezolana non é menos golpista que o propio Nicolás Maduro, implicada como estivo no intento de levantamento contra Chavez, pagado e apontoado, entre outras, desde a nosa intachable democracia española. Pero ao Cesar o que é do Cesar, e Maduro é un autócrata corrupto e liberticida, iso non o podo negar, por moito que se conxuren na súa contra os poderes económicos internacionais en busca da volta de Venezuela aos dóciles pastos neoliberais.

Pero o que me interesa tratar neste artigo é o diferente rasero que utiliza a prensa occidental para segundo que casos. E non só en referencia á forma de tratar a megalomanía de Maduro en comparación coa doutros dirixentes despóticos do orbe, que tamén, se non máis ben con respecto a violencia empregada nas protestas. E é que non deixa de ser sorprendente ver como as manifestacións en venezuela, repletas de encapuchados esnaquizando o mobiliario urbano e enfrontándose á policía con escudos, cócteles molotov, armas caseiras e mesmo artefactos explosivos improvisados son cualificadas por toda a prensa occidental como “protestas pacíficas”. Mentres o acento ponse na “terrible represión” exercida pola policía contra os “pacíficos manifestantes”. Nada que obxectar, non nos equivoquemos, desde aquí aplaudimos efusivamente o cambio de criterio sobre a violencia revolucionaria da prensa canalla europea. Só esperamos que no sucesivo continúen coherentemente coa súa nova liña editorial eloxiando a resistencia dos okupas fronte aos desaloxos, enxalzando as heroicas accións do Black Block rebentando as cimeiras do G20 ou considerando a malleira que recibiron os antidisturbios nas Marchas da Dignidade como saudable e edificante resistencia civil. Non estaría de máis mesmo unha acertada rectificación sobre, por exemplo, os sucesos do día do desaloxo do Escarnio, auténtica festa da concordia democrática en comparación coas protestas venezolanas. Sería todo un detalle de coherencia por parte do Correo Gallego e da Voz de Galicia unha desculpa pública polo inxusto trato deparado aos okupas en virtude do seu novo discurso mediático sobre a contundencia nas protestas. Mesmo non estaría de máis que, xa que consideran presos políticos ás máis de 500 persoas detidas nas algaradas venezolanas, fagan efectivo ese cambio de liña editorial para aplicalo na nosa terra. Así poderían empezar a considerar aos presos de, por poñer só un exemplo, Resitencia Galega como presos políticos.

Pero a diferente vara de medir utilizada polos medios de comunicación empresariais para segundo o que lles convén non é e nada novo. O Euromaidan, alá polo 2013, xa converteu salvaxes disturbios contra un goberno electo perpetrados por fascistas ucraínos en cívicas protestas en favor da democracia, aos ollos hipermétropes dos nosos medios de comunicación. Cantas accións que serían indubidablemente catalogadas como terroristas no estado español son minimizadas ou mesmo enxalzadas cando se producen en países que non gozan da simpatía dos nosos xornalistas vasallos. Baste como exemplo esta foto da explosión dunha bomba caseira arroxada aos xendarmes venezolanos e que todos os medios españois acompañaron de titulares culpando ao propio goberno venezolano. Que dirían se a destinataria do artefacto fose a máis castiza, pero non por elo menos violenta, garda civil?

Do mesmo xeito que chaman a acatar as leis por encima de calquera outro precepto cando se trata de criticar o secesionismo catalán, pero xustifican a súa total desobediencia nos casos venezolanos e ucraínos. A lei española é sagrada, palabra de deus caída do ceo en forma de inquebrantable constitución, e todo o que non se axuste á mesma é autoritarismo e barbarie; as leis dos países que non nos gustan xa non gozan de tan sacras inmutabilidades. E voltamos ao de sempre, non serei eu quen enxalce o respecto á lei, se non máis ben todo o contrario. Pero é simplemente outro exemplo da contumaz hipocrisía da prensa á hora de vendernos as súas rodas de muíño disfrazadas de imparcial obxectividade.

Porque a prensa española é unha merda. Ás veces hai que saír das nosas artificiais fronteiras para darse conta de que, se xa a prensa de todo o mundo defende os intereses das clases adiñeiradas, o que pasa no noso reino borbónico xa non ten nome. O xornalismo de investigación, que fixo algunha que outra sorprendente revelación alá polos anos oitenta, a desaparecido completamente para dar paso ao máis lamentable servilismo institucional. Só así se pode explicar que durante décadas vivísemos de costas á corrupción galopante que agora empeza a destaparse. Corrupción que, se saíu á luz, non foi grazas á investigación de profesionais reporteiros se non detrás das investigacións xudiciais que precederon sempre ás noticias mediáticas. O normal adoita ser o contrario. Creedes de verdade que os xornalistas non falaban sobre a corrupción porque non a coñecían? é evidente que non, debido a que décadas de trapicheos deixan regueiros de pistas facilmente rastreables para calquera profesional con ganas. O que pasa é que as liñas editoriais das grandes cabeceiras españolas negáronse sistematicamente a morder a man que lles deu de comer,  evitando publicar nada ata que se lles fixo imposible seguir ocultándoo.

E así funcionan os nosos medios de comunicación, xerando opinións dixeridas sempre en consonancia coas necesidades do poder. Pero logo éncheselles a boca invocando a liberdade de expresión e os dereitos que lles asisten como prensa libre. O raposo vestido de ovella arengando ao galiñeiro.

 

C.R.

Deixa un comentario