“La Voz” continúa a súa cruzada anti-Okupas

Hai tempo que vimos denunciando a nauseabunda campaña de desprestixio que o diario dereitista “La Voz de Galicia” emprendeu contra a okupación de vivenda en xeral e contra o Centro Social Okupado “A Insumisa” en particular. Escuras manobras que teñen por obxecto favorecer á banca privada, os “fondos buitre” e os grandes propietarios na recuperación do seu capital inmobiliario e, a nivel local e concreto de Coruña, aliñarse co Partido Popular no seu intento de criminalizar á corporación municipal, asociándoa falazmente co Centro Social Okupado coruñés. Hai tempo que desde aquí denunciamos as prácticas goebbelsianas coas que este diario ultraconservador difunde falsedades, medias verdades e mentiras descaradas de maneira consciente, planificada e reiterativa para inducir un clima de alarma e rexeitamento social contra o movemento okupa en xeral e contra “A Insumisa” en particular. E hai tempo que denunciamos que esta aliñación clara e evidente cos intereses do Partido Popular foi pagada con cartos públicos mediante subvencións millonarias inmerecidas por supostas promocións de Galicia e o seu idioma que en realidade compraron o apoio incondicional desta folla parroquial ao partido no poder. En canto ao apoio á banca e os seus intereses non temos constancia dos sucios trapicheos aos que responde, pero, visto o visto, non hai que ser demasiado listo para imaxinalos.
E é que ultimamente, seguindo os preceptos de Joeseph Goebbels de como inflamar os ánimos da poboación cara a un colectivo determinado (no caso do propagandista alemán destacaron os xudeus, La Voz parece facer os seus intentos cos Okupas) o aluvión de noticias negativas, torticeras e falaces en contra do colectivo okupa volvéronse unha absoluta constante nesta folla parroquial: Invención de inexistentes Mafias Okupas, criminalización absoluta dun colectivo en base a feitos illados, satanización dos seus integrantes, esaxeracións e terxiversacións constantes, falsas acusacións de lucro contra Centros Sociais solidarios, confundir a okupación de casas baleiras co allanamento de moradas habitadas… todo vale para conseguir un estado de medo e rexeitamento social ante aquelas persoas que, simplemente, non pagan o seu aluguer. Porque á fin e ao cabo iso é o que significa ser okupa, utilizar un inmoble abandonado sen o permiso do seu propietario. E dáse a casualidade de que, na maioría dos casos, eses propietarios son banqueiros, “fondos buitre” ou inmobiliarias crebadas, e non pequenos e desvalidos particulares, como o xornal conservador pretende facernos crer.
Desta forma, nos últimos tempos, La Voz de Galicia non perdeu ocasión de levar ás súas portadas toda canta rifa veciñal teña como protagonista a algún okupa, maxificando o problema e dándolle sempre categoría de noticia destacada. Coruña, Lugo, Vigo… dá igual o lugar, o caso é amplificar calquera liorta veciñal na que estea involucrado algún okupa e facela destacar en páxinas centrais, a pesar de que a entidade dos feitos moi dificilmente merecería saír nun xornal se os seus protagonistas pagasen o aluguer. Deste xeito La Voz de Galicia pretende crear o silogismo de que okupación é sempre sinónimo de problemas cos veciños. Pero a realidade é moi outra, a maioría das veces os okupas levanse ben coa veciñanza; da mesmo xeito que a maioría dos veciños con problemas de convivencia pagan o seu aluguer. Con todo, a utilización de titulares do estilo de “veciños atemorizados polos okupas”, “veciños dos okupas temen pola súa vida” ou “okupas, incendios e silvas desesperan aos veciños” carga as tintas contra o colectivo okupa en si mesmo en noticias relativas a mala convivencia veciñal, dando a entender que o problema convivencial céntrase no feito de non pagar o aluguer en lugar de nos ruídos, as ameazas, a sucidade ou calquera que sexa o problema de convivencia (que con toda probabilidade existiría igualmente aínda que os causantes pagasen a súa hipoteca). Probablemente esas mesmas noticias estrañaríannos máis se en lugar da condición de okupas buscasen outro tipo de elemento definitorio distinto que tampouco tivese relación real cos feitos; algo así como: “veciños atemorizados polos negros” ou “veciños dos xudeus temen polas súas vidas” ou quizá “Votantes do Partido Popular, incendios e silvas desesperan aos veciños”. Nestas novas reformulacións dos mesmos titulares, igualmente malévolas, case todos veriamos a trampa, pero cos okupas cóannola coma se non pasase nada.

En canto ao caso do Centro Social Okupado A Insumisa a cousa é aínda peor, porque a relación cos veciños é excelente (ou polo menos para nada conflitiva). Ademais dáse o caso de que alí non vive ninguén e todas as súas actividades son abertas, solidarias e desinteresadas, o que debería complicarlles a vida á hora de criminalizalas. Pero non é así, nos últimos días o “nodo” galego cargou reiteradamente contra estas actividades altruístas e desinteresadas alegando que non teñen licenza -absurda obviedad tratándose dunha okupación, o que as converte xa de por si en ilegais- e que non pagan impostos. Tamén tratan de equiparalas ao comercio local, alegando que eles si pagan impostos, pero esquecendo que todo o que se realiza na okupa é sen ánimo de lucro, polo que calquera comparación resulta de todo punto odiosa e malintencionada (a que non se lles ocurre comparar o comercio local as actividades da Cruz Roja ou de Cáritas, pois resulta que aínda que estas entidades presuman de non ter ánimo de lucro, hai xente con salarios que sí que vive delas, cousa que na okupa non) . Pero o peor vén de que este tabloide fascistoide, no seu intento de criminalizar ao concello, continua mentindo descaradamente dicindo que este realizou “unha obra menor para eliminar elementos dos edificios que poderían caer e supoñían unha ameaza para a integridade física dos okupantes irregulares”, sabendo perfectamente que a única obra realizada polo concello foi a demolición dun edificio ruinoso nunha zona do solar que non utilizan os okupas (e atópase valada para impedir o paso), que xa estaba licitada a súa demolición antes da okupación do espazo, e que constituía un perigo para os viandantes das rúas contiguas. Aínda que La voz de Galicia sabe perfectamente todo o exposto (e cónstanos por varios medios) prefire mentir descaradamente no seu intento de vincular a okupación ao concello, favorecendo a campaña do Partido Popular por recuperar a alcaldía. De feito non é casual que xusto o día antes de que os Populares presenten mocións contra esta okupa nos plenos municipais, La Voz de Galicia saque algún artigo anticipándose e achandando o terreo.

Case nada do exposto aquí é novo. Practicamente todo dixémolo xa antes dunha ou outra maneira. Pero é que cando La Voz de Galicia se obstina en lanzar unha e outra vez as mesmas mentiras ao aire, na súa cruzada orwelliana por manipular á opinión pública en contra dos disidentes e dos desfavorecidos e en favor do capital e dos poderosos, non temos máis remedio que tratar humildemente de contrarrestar a mentira xeneralizada á que eles serven e representan. E o máis odioso de todo é que estes servos do diñeiro, a soldo de lobbies económicos e cobrando subvencións encubertas a cambio de liñas editoriais que aseguren os votos, invocan o dereito á liberdade de expresión e á liberdade de prensa para censurar que non se lles deixe entrar nos espazos liberados a sacar fotos e a realizar o seu inmundo traballo. Convertendo á vítima en verdugo ao dicirse eles perseguidos e censurados por aqueles aos que censuran e perseguen en aras do diñeiro e o poder.

Deixa un comentario