Anarquista desaparecido na Arxentina en mans da xendarmería.

Damos difusión a este comunicado recibido no correo.

Santiago Maldonado «o Lechu», compañeiro anarquista na defensa do pobo mapuche, desaparece en mans da Xendarmería arxentina.

O 1 de agosto de 2017 as forzas represivas do estado arxentino achandaron con brutal violencia o Lof de Resistencia Mapuche de Cushamen, provincia de Chubut, ao sur do país e próximo á fronteira chilena. Este territorio, orixinario do pobo mapuche, lles foi arrebatado polo goberno para poñelo a disposición do capitalismo e a devastación. E así continuar co hostigamento e espolio que a poboación indíxena enfronta desde a formación dos estados arxentino e chileno (fronteiras, ademais, que non se corresponden co territorio ancestral indíxena e polo que non poden moverse libremente).

Espolio que comezou xa moito antes, desde o que chaman «descubrimento» de América: inicio dunha masacre colonizadora que nunca rematou e que sen crítica nin responsabilidade algunha segue a ensinarse como un logro nas escolas do estado español.

Calquera tipo de devastación lles serve de negocio: a talla forestal, a extracción de petróleo, as centrais hidroeléctricas, as infinitas hectáreas de cultivos transxénicos, ou como neste caso: a explotación animal, pois destas terras apropiouse a empresa italiana Benetton (Compañía de Terras do Sud Arxentino) e nelas explotan a cen mil ovellas para a produción de la.

A Xendarmería entrou na comunidade disparando balas de chumbo e pelotas de goma, agredindo á xente e queimando as súas pertenzas. Algunha xente cruzou o río para escapar e varias persoas declaran ver como pegaban e levaban a alguén nunha camioneta. Desde entón non se sabe nada de Santiago Maldonado. En ningunha das comisarías da rexión rexístrase o seu ingreso e a ministra de seguridade da nación, Patricia Bullrich, demorou cinco días en dicir que non se coñece o seu paradoiro e que Xendarmería non está implicada.

Esta violación non é un caso illado: ocorreu no mesmo Lof o xaneiro pasado e forma parte da cotidianidade do pobo mapuche e de tódalas comunidades indíxenas, que resisten e enfrontan cada día o hostigamento físico e psicolóxico por parte das forzas de estado. E isto quere dicir: balas de chumbo, desfeita das súas casas e pertenzas, agresión física e verbal, intimidación, ilegais procesos de espionaxe e montaxes políticos e policiais para xustificar o encarceramento dos seus membros máis activos. Este é o caso de Facundo Jones Huala, lonko mapuche detido en xuño, encarcerado en Esquel e en folga de fame actualmente.

Pouco despois dunha manifestación esixindo a liberdade de Facundo na que houbo nove detidos na cidade de Esquel, a Xendarmería interveu no Lof de resistencia Cushamen e secuestraron a Santiago.

O mesmo xefe do gabinete de seguridade do estado, Pablo Nocetti, declara estar a coordinar as accións represivas contra os membros da Resistencia Ancestral Mapuche (RAM). Ademais avala as intervencións violentas e violacións ilegais nas comunidades.

O RAM é un grupo de resistencia mapuche que loita por recuperar a vida no territorio orixinariamente habitado polo seu pobo. Poder dar, así, continuidade á súa existencia, que por todos os medios os estados queren destruír. Porque esta existencia non se rexe polas súas normas e non admite a submisión.

Este venres 11 está convocada unha manifestación a nivel nacional en Arxentina, calquera mostra de solidariedade desde este lado do Atlántico é importante.

Por favor difundan todo o posible e estexan ao tanto de posibles convocatorias.

Basta de impunidade policial e terrorismo de estado.

Polo fin do hostigamento á loita mapuche e os pobos orixinarios.

Pola liberdade de Facundo Jones Huala.

Boicot a Benetton.

Esiximos a entrega de Santiago Maldonado.

Deixa un comentario