Proxección e debate sobre fracaso escolar no Ateneo Libertario Xosé Tarrío

Este xoves ás 20:00 no Ateneo Libertario Xosé Tarrío (Rúa La Paz nº 16, baixo, nos Mallos) terá lugar o primeiro evento deste mes, que non o derradeiro.

Trátase da proxección de “Convivencia no Distrito 5”, un documental de case 30 minutos sobre alumnado con necesidades Específicas de Apoio Educativo do IES Rafael Dieste, na cidade da Coruña. Destacar a total liberdade coa que responden ás cuestións, o que fai que se trate dunha obra moi auténtica en torno á temática do fracaso escolar, contada a problemática en primeira persoa.

Os/as protagonistas son as/os propias/os alumnas/os, quen reflexionan sobre o medo, a súa actual situación académica, como chegaron á mesma, como son as súas familias ou como imaxinan o seu futuro. Ademais do propio alumnado, participan no vídeo unha
educadora social e, en menor medida, un psicopedagogo e unha pedagoga. Está gravado integramente na Coruña, case exclusivamente no centro educativo.

Tras a proxección do documental levarase a cabo un debate aberto á participación de calquera persoa, no que se poderá reflexionar sobre cuestións tales como a importancia das expectativas e do medo, se se pode ser un mal estudante e triunfar na vida ou como saír adiante nacendo nunha familia desestruturada.

Vémonos alí!

Deixa un comentario