Descerebrados pintan esvásticas na fachada do C.S.O. A Insumisa

A mañá do pasado luns a fachada do Centro Social Okupado coruñés A Insumisa amenceu decorada cun puñado de esvásticas, pintadas con rotulador, superpostas ao letreiro da okupa. Evidentemente o asunto non reviste moita importancia: algún descerebrado pretendeu, con tan insignificante xesto, descargar a frustración que lle produce a boa marcha de tan activo e prolífico Centro Social. Nunha cidade de máis de 250.000 habitantes ten que haber de todo, pero aquí os nazis son absolutamente marxinais e anecdóticos, probablemente haxa máis xente nesta cidade que beba os seus ouriños, ou que se dediquen a domar iguanas que verdadeiros seguidores de Hitler. É por iso que semellantes mentecatos vense obrigados a descargar a súa frustración ante a boa marcha do movemento antagonista e asembleario con absurdas chiquilladas.
Non fai moito, outros (ou os mesmos) cabezas de chorlito realizaron pintadas de corte fascista sobre a exposición itinerante que o concello dedicou ao movemento obreiro. Naquela ocasión os moi besugos escribiron Paracuello (si, si, así en singular, coma se o de paracuellos fose porque houbo moitos) sobre os paneis explicativos. Pouco antes, os moi mendrugos volcaron a súa ignorancia, en forma de pintadas, sobre as paredes do Ateneo Libertario Xosé Tarrío; naquela ocasión escribiron “Jose Antonio presesente” (así, en plan tartexo) xunto a máis esvásticas e signos de admiración invertidos. Agora, por non facer o ridículo, decidiron que era mellor non escribir nada, non se fosen retratar, e deixar o asunto só nas esvásticas. Pero é que ata así son capaces de pifiala! porque pintaron as esvásticas do revés. polo que o único que representan é un símbolo sagrado do budismo. Ante a dúbida de se a okupa foi atacada por neonazis iletrados ou por budistas vandálicos, decidimos optar mais ben pola primeira opción e achacalo asunto á estulticia nazi máis que ás labores misioneiras de budistas radicais.

Con todo, somos conscientes de que este tipo de ataques só serven para aumentar a simpatía do barrio (como xa sucedeu coas pintadas do Ateneo Libertario Xosé Tarrío) e para integrar máis a okupa na contorna. Porque para case todo o mundo suscitar a antipatía dun nazi non fai máis que gañar puntos ao teu favor.

Aínda que pode ser que, como no caso do Ateneo, algún idiota se dedíque a ir polas redes sociais dicindo que son pintadas feitas polos propios okupas para chamar a atención (ou quizá ese rumor propagárono os mesmos que as fixeron, despois de descubrir todalas faltas de ortografía que son capaces de acumular en tan reducido texto). Pero, como xa diciamos ao principio, nunha cidade deste tamaño ten que haber de todo, ata xente que beba os seus propios ouriños.

One thought on “Descerebrados pintan esvásticas na fachada do C.S.O. A Insumisa

Deixa un comentario