Desaloxos son disturbios!!

O Centro Social Okupado Escarnio e Maldizer de Santiago de Compostela foi desaloxado e tapiado na mañá do pasado martes 30 de maio por un forte dispositivo policial. Púxose fin así a tres anos de autoxestión política, social e cultural que encheu de vida e disidencia o centro histórico compostelán. Tres anos de rebeldía e desenfreada actividade cultural que fixeron da capital galega, sen dúbida algunha, un lugar mellor. Achegando un sopro de aire fresco entre tanto turista, crego, estudante e funcionario… Pero a inmisericorde represión policial encargouse de devolver a Compostela a súa gris monotonía habitual.

A manifestación convocada esa mesma tarde reuniu a máis de medio milleiro de persoas na Porta do Camiño, que quixeron amosar o seu apoio á iniciativa autoxestionaria perdida e o seu rexeitamento á lóxica do diñeiro, o ladrillo e a especulación. Entre petardos e consignas antirrepresivas a manifestación discorreu tranquila ata a Praza de Cervantes, mentres algúnh@s d@s moit@s encapuchad@s realizaban pintadas a favor da okupación.
Cando a cabeza da mani enfilaba xa por Preguntoiro, unha dotación de antidisturbios pertrechada con todo o equipo de esnaquizar cráneos interpúxose ante a pancarta e comezou a repartir golpes a diestro e siniestro sen a máis mínima consideración nin proporcionalidade. @s manifestantes responderon como boamente souberon cos paus das súas bandeiras, contendo durante longos segundos a arremetida dos uniformados. Varias persoas caeron ao chan ante o peso dos golpes na cabeza que os mercenarios do estado administraron sen contemplacións a todo aquel que pillaron a tiro. O único detido da xornada tivo a mala sorte de quedar inconsciente naquela carga. Outro mozo foi retido no chan por un dos sobremusculados homínidos do garrote, pero un superior sentenciou “non queremos detidos” (?) e, incriblemente, foi posto en liberdade alí mesmo.

Unha parte da manifestación quedou na praza de Cervantes, mentres que un nutrido grupo de encapuchad@s organizáronse e, tras cruzar colectores en San Roque, avanzaron cara a Algalia de Arriba en dirección ao Centro Social desaloxado. Os antidisturbios, apostados xunto á okupa, dispararon bólas de goma para conter a ofensiva, ao que os manifestantes responderon con pedras e botellas. Un continxente policial, parapetado tras dos seus escudos e dispensando abundante fogo graneado, tratou de formar unha pinza ascendendo pola Rúa dos Truques, pero atopáronse coa férrea resistencia d@s amotinad@s, que os frearon a base de pedras e cadeiras das terrazas próximas. Finalmente @s revoltos@s foron empuxad@s ata a Praza de San Martiño, onde, a pesar das mentiras da prensa, que falou de disparos ao aire, algunha bala de goma impactou na cabeza dalgúnh@ manifestante.
A resistencia recompúxose de novo na praza de San Roque, onde os bombeiros trataban de apagar as barricadas prendidas pouco tempo atrás. Desistiron tranquilamente do seu labor, tan pouco considerado cara ao enorme traballo que supuxo prendelos, e con resignada tranquilidade observaron como as chamas os volveron a encher de vida e alegría.

A derradeira carga policial da xornada foi en furgonetas, pero recibida como se merece a base de botellas e demais obxectos arreboladizos. @s manifestantes, tras da última carreira, disolvéronse sen contratempos polas rúas de Compostela.
Ao dicharacheiro reporteiro que isto vos conta quedoulle a estraña sensación de que a intención da policía foi a de forzar os disturbios (intención na que, dito sexa de paso, coincidiron plenamente c@s manifestantes) e logo, en lugar de realizar detencións, conformáronse con defender a porta do Centro Social desaloxado e evitar posibles intentos de reokupalo. A razón? Non a sei. Quizá preparan un clima favorable para a aprobación da lei anti-okupas no parlamento galego. Quizá só queren criminalizar a okupación.

Independentemente do que quixeran os madeiros, na miña modesta opinión, un disturbio é o mínimo que merece a amputación de tan prolífico e emblemático Centro Social Okupado que tan bos momentos deunos a tod@s @s rebeldes e antiautoritari@s que tivemos a sorte de poder gozalo. Ademais, sobran os motivos, que o mundo non se cambia con flores. E a liberdade non a regala ninguén, e moito menos Martinho Noriega, que, por certo, ben pode ir chorar a casa de cristo.
Continuará?

La rana Gustavo

Excelente video d@s compas de Galiza Contrainfo clicando –AQUÍ.

2 thoughts on “Desaloxos son disturbios!!

Deixa un comentario