As Dúas Marías na manifestación contra o desaloxo do Escarnio

Traemos en exclusiva o relato das Dúas Marías na manifestación contra o desaloxo do Escarnio e Maldizer.

Todo comezou cando as dúas irmás paseaban pola zona vella, coma de costume, cando viron unha gran cantidade de mozos e mozas saíndo á rúa para defender o CSOA Escarnio e Maldizer, espazo que serviu para pasar moi bos momentos entre palestras, teatro, música, talleres e demáis tipos de eventos. Non puideron evitar sentir afinidade por esta mocidade tan chea de vida e mesturáronse entre a muchedumbre.

A sorpresa para elas aconteceu cando chegaron á Rúa do Preguntoiro, deixando un rastro de pintadas en apoio ó centro social compostelán, onde se atoparon cos “homes” que intentaban deter esta marcha reivindicativa polos espazos liberados. Tardaron un anaco pero lembraron, lembraron que eran os mesmos que vestían gris nos seus días mais agora mudaron a azul, unha cor quizáis máis viva pero usada por cáscaras baleiras ó servizo do poder.

Neste primeiro encontro voaron botellas de vidro hacia os antidisturbios mentres a xente en primeira liña avanzaba sen parar ata que os mercenarios azulados recibiron a orde de cargar. Entón comezou un xogo semellante ó do gato e o rato, sen ter moi claro quen era quen. As Dúas Irmás aguantaron ben en primeira liña (xa sabedes como son, non se cortan un pelo), cheas de raiba e indignación tras ver como golpeaban á mocidade a porrazos por defender o que ganaran con traballo e solidaridade. Mais a cousa comezaba a quentarse (metafórica e literalmente, contenedores en chamas cortaban as rúas), a xente collía o que tiña a man como pedras ou botellas para facer frente ós perigosos corpos antidisturbios (sempre que aparecen hai problemas, non sei como fan) e estes comezaron a disparar pelotas de goma sen previo aviso e directamente contra a xente (sen o rebote reglamentario). As irmás recibiron algún que outro pelotazo (non foron as únicas) pero saíron ben paradas, pois as súas cabezas son máis duras que as das marionetas que tiñan díante.

Pouco máis queda por dicir. A xente reuniuse co resto na Praza de Cervantes tras recorrer as rúas de Santiago berrando consignas coma “un desaloxo, outra okupación”, “dez, cen, mil centros sociais” ou “desaloxos son disturbios” (esto último quedou comprobado) e as Dúas Marías tiveron que volver ó Parque da Alameda cando a xente comezou a disolverse. Ahí as poderedes ver, agardando quedas ata a próxima, lembrándonos que sempre hai motivos polos que sorrir e, cando non, os hai polos que loitar.

Unha aperta ás Dúas Marías, máis cheas de vida neste parque cos monicreques de azul.

LONGA VIDA Ó ESCARNIO!

UN DESALOXO, OUTRA OKUPACIÓN!

Deixa un comentario