De memorias históricas

Ultimamente está moi de moda iso da memoria histórica. E non serei eu o que proteste por recuperar e poñer en valor a historia dos perdedores da guerra civil, que simbolizaron, ademais, a gran derrota de todo o movemento obreiro a nivel mundial. Pero o que pasa coa memoria, e sobre todo con iso da Historia, é que a súa interpretación depende inapelablemente do punto de vista. Isto é así lle guste a quen lle guste, posto que, a pesar da obxectividade dos feitos, sempre nos atoparemos coa subxectividade das súas motivacións e consecuencias. Así que nunca será a mesma a visión, por exemplo, dos vencedores que a dos vencidos. E aínda dentro destes últimos, a memoria seguirá contaminada polo punto de vista, e non só con respecto aos feitos ocorridos no pasado, senón tamén con respecto ás xustificacións que eses feitos ofrécennos para o presente.

A prensa coruñesa fíxose eco nos últimos días das pintadas fascistas coas que uns descoñecidos atacaron a exposición sobre a historia do movemento obreiro que o concello da Coruña está a pasear polos barrios da cidade. Non digo que non sexa interesante lembrar aos coruñeses o impresionante pasado de loita e reivindicación social que atesoura a cidade herculina; pese ao rexeitamento que me produza que sexan as institucións as que recuperen a memoria daqueles que loitaron contra esas mesmas institucións só que unhas cantas décadas atrás. E é que parece que iso do paso do tempo sempre axuda a enxalzar aqueles feitos que a día de hoxe se criticarian sen paliativos. Pero é que ademais a memoria histórica á que aquí se apela, así, como obxectividade universal, non é certa. É máis ben unha xustificación a través do pasado do reformismo institucional do presente. E isto non é cousa exclusiva do goberno local da Marea Atlántica, se non que máis ben se suma a unha longa tradición do “buenrrolleo” progresista por arrimar  a ascua á súa sardiña, e que tivo a súa máxima expresión durante o goberno de Zapatero e a súa lei da Memoria Histórica.
A impostura, ao meu modo de ver (sempre subxectivo polo meu posicionamento libertario, evidentemente) vén do feito de facer pasar á segunda república española por unha especie de idílico paraíso da tolerancia e a igualdade, repleto de felicidade e harmonia, logo truncado por un incomprensiblemente perverso golpe de estado fascista. E non serei eu o que glorifique aos fascistas, nin moito menos, pero en algo lles dou a razón, e é que eles evitaron un desbordamento revolucionario dos acontecementos que levase a España cara a unha revolución social de consecuencias agora imposibles de definir. E non o digo como algo malo para xustificación fascista, posto que eu son firme partidario desa revolución social aínda inacabada, só para poñer as cousas no seu sitio.

Eran tempos convulsos, e o socialismo nas súas múltiples versións espoleaba ás clases traballadoras polas sendas revolucionarias. A revolución Rusa, só uns poucos anos antes, xa desbordara un goberno reformista para precipitarse cara a un goberno obreiro e socialista. A pesar de que a revolución de outubro non convencía a moitos sectores do puxante socialismo mundial (por exemplo aos anarquistas, cunha impresionante implantación na península Ibérica) , iso non quere dicir que non estivesen desexosos de comezar aquí a sua propia loita. A revolución de Asturias de 1934, que uniu a anarquistas e socialistas contra o goberno dereitista, só foi un exemplo desa deriva revolucionaria que puxaba por rebentar o estreito corsé da legalidade republicana. Pero este é só un exemplo dos varios intentos insurreccionales e Folgas Xerais Revolucionarias que, sobre todo desde o potente sector anarcosindicalista, loitaron por derrubar o goberno da segunda república en pos de maiores cotas de liberdade e xustiza social. De feito a segunda república reprimiu duramente manifestacións e folgas, disparou contra os traballadores, deportou disidentes e clausurou locais e centros obreiros sen ningún miramento nun intento por conter as irrefreables ansias das masas por precipitarse cara á revolución social.

Non obstante agora moitos progres de medio pelo, esquerdistas de salón e socialistas de pantuflas e escaño parlamentario sentense os herdeiros dunha república tolerante, progresista, estable e bo rolleira que nunca existiu (salvo nas mentes dos que xustifican a mansedumbre socialista do século XXI, enchendo con ela libros de texto e clases de educación para a cidadanía).

E é que esa historia falseada dunha república modelica encaixa como anel ao dedo co actual reformismo progresista que abandera toda a esquerda parlamentaria. Reformismo que pretende negar a loita de clases para substituila pola multiculturalidade, cambiando á clase traballadora polas minorías discriminadas como suxeito revolucionario e substituíndo a destrución do capitalismo por unha sorte de asistencialismo liberal que non cuestione os alicerces da dominación nin da inxustiza social.

No caso concreto da Coruña, unha cidade eminentemente anarquista desde finais do século XIX ata o comezo da guerra civil, a progresía desmemoriada, no seu intento por falsear esa realidade, sempre falou de movemento obreiro para referirse ao anarcosindicalismo local, e sempre antepon a socialistas e galeguistas nos seus textos de pretendida recuperación da memoria. Pero a realidade é que no movemento obreiro coruñés o anarquismo era hexemónico, como testemuña o feito de que no propio recordatorio das victimas da represión franquista na Coruña colocado na exposición do concello, 86 mortos figuren asociados a siglas anarquistas (CNT e JJLL), 21 a outras siglas non libertarias (PSOE, UXT, PCE e outros) e 32 figuren sen que se lles coñeza a filiación (que ben puidera ser anarquista no caso de moitos deles). Con todo, as bandeiras coas que se decora esa mesma exposición, catro en total, son tres vermellas e só unha negra, invirtiendo directamente a proporción. Quizá é só un símbolo, pero encerra nunha soa imaxe a reinterpretación histórica á que nos teñen afeitos.

É por todo isto que considero un acerto as próximas xornada “Coruña Libertaria” que pretenden recuperar a memoria anarquista da cidade. Poida que baixo ese título non escondan a súa subxectividade, pero iso é precisamente o máis honesto que se pode facer ante a recuperación da memoria, non pretender facela pasar por obxectiva. Ademais, o feito de que sexan os herdeiros ideolóxicos daquel pasado os que pretendan, non só poñelo en valor, se non reivindicalo como propio, achégalle outro plus de honestidade. É por iso que as charlas que coparán toda a semana que vén realizaranse en locais dos movementos sociais en lugar de en centros institucionalizados, para lembrar que aquela loita non morreu, se non que ten a súa modesta continuación nas loitas do presente, que recollen o testigo de rebeldía e liberdade na loita constante por facer deste un mundo mellor.

 

One thought on “De memorias históricas

Deixa un comentario