Xs compas da Revista Anarquista Abordaxe! sacan novo número impreso… e xan van seis!
Este é o enlace para descargalo da Web -AQUÍ- e podedes pedilo en formato físico no mail abordaxe@bastardi.net. ou nos puntos de distribución máis adiante sinalados.
Deixamos aquí a presentación que elxs escribiron na sua web, referente indiscutible da contrainformación anarquista galega:
Ollo ao parche! A nosa revista acaba de saír do prelo!
Neste número 6 falamos de Ciencia, destrución, capitalismo baboso, picoletos coas cousas claras, distopías, terrorismo, revoltas compostelás… e aínda temos tempo de visitar Cuba e Kurdistán, e desfrutar da banda deseñada. Podes ler ou descargar a revista premendo [AQUÍ], ou a través da nosa sección na columna dereita (por cuestións técnicas, non aparece a ligazón de descarga, así que fai click dereito en “ver” e logo selecciona “guardar enlace como”).
Se alguén quere conseguir copias en formato físico pode poñerse en contacto con nós a través de abordaxe@bastardi.net. A seguir adxuntamos o texto editorial, o índice de contidos e os puntos de distribución.
EDITORIAL:
“Non hai lugar para o temor, nin para a esperanza. Só cabe buscar novas armas…”
-Gilles Deleuze
“Debemos abandonar todo modelo e estudar as nosas posibilidades.”
-Edgar Allan Poe
Son tempos escuros de mares embravecidos que ameazan cada vez máis con facer naufragar o noso irreverente galeón de soños e negacións. A crise da nosa época xa non só é económica, senón de valores, emocional, e neste océano de dúbidas e esforzos navegamos e mesmo afogamos, tratando de fuxir da miseria desta fúnebre realidade, saqueando buques de poderosos, gozando e compartindo vivencias máis valiosas e intensas que o mellor dos botíns, procurando novos horizontes, novas rutas, onde aprender a facer fronte ás ondadas que nos embisten e ao medo co que nos atan a conciencia.
Son momentos de revolta, o Estado e o Capital saben que a imaxe da súa abundancia xa non é tan crible coma antes, que as tensións sociais ameazan con desatar os cabos amarrados e estourar batallas decisivas, e que segue habendo corazóns decididos a non seguir a carta de navegación dos amos, esa que nos leva por cauces sen saída ou nos pon á mercé das miserentas mareas electorais de novos recuperadores e salvapatrias con patente de corso. No medio dun mundo que se derruba sobre nós, aínda soltamos as nosas velas. Non agardamos mesías, a nosa travesía é incerta, non acepta capitán nin almirante e tampouco temos, nin queremos, un destino fixado. Tampouco queremos illas desertas por moi paradisíacas que semellen na distancia, porque o deserto é precisamente do que fuximos. Imos na procura de aventuras prohibidas, de momentos salvaxes e comunidades rebeldes coas que encher o baleiro que produce este xeito de vivir e morrer, e no camiño, atopámonos co verdadeiro valor de toda esta historia. A afinidade e as relacións que imos creando e forxando, fan aumentar a nosa tripulación e escribimos xuntas neste noso caderno de bitácora narrando ou sendo eco de guerras que para os voceiros do poder non existiron, pero que para nós teñen rostros, cicatrices, nomes e baixas.
Un conflito cada vez máis inminente achégase no horizonte amosando os seus tentáculos coma se do mitolóxico Kraken se tratase. As nosas urbes occidentais comezan a coñecer a inseguridade, e os exércitos toman as rúas coa excusa dun terrorismo deseñado entre pantallas. Nos portos, cada vez máis vixilancia, tecnoloxía e control, ilegalizan seres humanos pero abren as súas portas e facendas á mercadoría. Nós seguimos adiante, enfrontando o temor, experimentando e saboreando aos poucos esa liberdade que nos dixeron inalcanzable pero que nós sabemos posible, mentras vellos e novos inimigos desenfundan as súas armas e cargan os seus cañóns, apuntando ás nosas utopías e os nosos corpos. Nós non viraremos o rumbo, antes afundir. Que veñan!
Vémonos nos mares revoltos.
ÍNDICE:
- O inimigo interno – por O Apalpador
- «Fuck Europe!», «Fuck Germany!» – por Unha Calquera
- Os inicios do anarquismo ibérico contados pola «Benemérita» – fragmento do libro “La Guardia Civil y su tiempo”de A. Opisso
- Contra a Ciencia – por Pabliño
- Liberdade, seguridade e control. Estado, corporacións e cidadáns – por Eli Zeta
- Guiom para banda desenhada, se quadra… – por Comochoconto
- A revolta compostelá de 1116–1117 – por Pabliño
- A destrución como creación – por Epy
- A imaxe das mulleres nos conflitos armados. Pasamontañas, hiyabs e capitalismo baboso – por Layla Martínez
- Entrevista a Rojava Azadi
- O anarquismo en Cuba, de 1857 a 2016 – por Octavio Alberola
- Banda deseñada: Que é o socialismo? Esas preguntas que todo o mundo evita para que non lle dean a chapa – por Politicópatas
PUNTOS DE DISTRIBUCIÓN:
A Coruña
- Ateneo Libertario Xosé Tarrío (rúa La Paz nº 16)
- CSO A Insumisa (avenida do Metrosidero)
Compostela
- CSOA Escárnio e Maldizer (rúa Algalia de riba nº 11)
Lugo
- Ateneo Libertario A Engranaxe (rúa Río Sil nº 52)
Vigo
- CSA A Cova dos Ratos (rúa Romil nº 3)
- Lapsus Distribuidora Alternativa (lapsusdistribuidora.blogaliza.org – lapsusdistri@riseup.net)
Pontevedra
- Distribuidora Anarquista Polaris (distripolaris.noblogs.org – distripolaris@riseup.net)
A Guarda
- CS O Fuscalho (paseo marítimo, fronte á Atalaia)
Madrid
- CSO La Gatonera (calle Valentín LLaguno nº 32, Carabanchel)
Lisboa
- Livraria Anarquista Tortuga (rua Penha de França nº217)