Xornadas de recuperación da memoria anarquista da Coruña

Temos o inmenso pracer de presentarvos en primicia o cartaz das xornadas de recuperación da memoria anarquista da Coruña que, baixo o título de «Coruña Libertaria», desenvolveranse a semana do 29 de maio ao 3 de xuño nos distintos Centros Sociais antiautoritarios da cidade.

Con esta iniciativa pretendemos recuperar a historia de loita social da Coruña, eminentemente anarquista e tradicionalmente ninguneada desde os sectores progresistas ben pensantes que falsean o peso do movemento libertario. Posto que pese a que as correntes socialistas e galeguistas eran claramente minoritarias nos tempos de pre-guerra na cidade, foron enxalzadas polo oficialismo en favor dos seus intereses actuais e en detrimento da realidade histórica de hexemonía do movemento libertario. Deste xeito quixemos que as charlas se realicen nos Centros Sociais herdeiros ideolóxicos das loita contra o poder que, lonxe de desaparecer, aínda sosteñen a día de hoxe a bandeira da liberdade e o combate contra toda forma de autoridade. Afastando así a memoria histórica do movemento obreiro dos museos, os institutos e da naftalina institucional coa que os novos dirixentes progres preténdennola meter dobrada.

Luns 29 de Maio ás 20h: «O tráxico maio de 1901 e outras loitas» por Rosalía Regueiro no local da Unión Anarcosindicalista (rúa Washington 36)

En maio de 1901, o movemento anarcosindicalista, moi activo na cidade, convocou unha folga xeral en protesta polo grandísimo incremento nos prezos dos produtos básicos, como a alimentación. Houbo unha forte represión, que causou a morte de seis persoas e máis de 40 feridas, o día 31 de maio durante unha manifestación no centro da cidade.

Martes 30 ás 20h: «A represión do Movemento Libertario na Coruña» por Emilio Grandío no Ateneo Libertario Xosé Tarrío (rúa La Paz nº16)

Dende as loitas de emancipación social do século XIX, o movemento libertario tivo unha forte implantación na Coruña e nas súas bisbarras, tanto nas loitas sindicais como no eido cultural e da educación librepensadora. Esta amplísima rede solidaria foi perseguida con especial encarnizamento a partir do golpe fascista de 1936.

Mércores 31 ás 20h: «Anarquista ou nada. Mulleres libres e casas libertarias» por Carmen Blanco e Claudio Rodriguez Fer no Centro Social Okupado A Insumisa (rúa Metrosidero sen número, frente a porta do cuartel de Atochas)

Carmen Blanco, autora do estudo «Casas anarquistas de mulleres libertarias», e Claudio Rodríguez Fer, autor do poemario «Ámote vermella», mostrarán un panorama das proletarias ácratas que se enfrontaron ao fascismo en Galicia, tratando de recuperar cada acto da súa resistencia baixo a premisa de que seguen «vivas en nós»: “Borráronas de historia e non obstante / setenta anos despois hai que as ama”.

Xoves 1 de Xuño ás 20h: «Os Ateneos Libertarios da Coruña» por Eliseo Fernandez no Ateneo Libertario Xosé Tarrío (rúa La Paz nº16)

Se houbo un movemento no que a cultura emancipadora agromou e enraizou na cidade e nas bisbarras coruñesas ese foi o movemento libertario. Ateneos, centros de estudos sociais, bibliotecas populares, escolas racionalistas e modernas…Foi un tecido extraordinario erguido de xeito autónomo pola xente do pobo.

Venres 2 ás 20h: «De Ricardo Mella a Lois Pereiro e a maleta de Xosé Villaverde» por Iria Presa no Centro Social A Comuna (rúa Verea do Polvorín 35)

Iris Presa, investigadora e historiadora, especialista na obra de Ricardo Mella (figura senlleira do anarquismo ibérico, nacido en Vigo), trazará fíos e pontes entre diferentes épocas e xentes de cerna libertaria, cunha ollada anovadora nas traxectorias de xente como o anarcosindicalista Xosé Villlaverde e os poetas Manuel Antonio e Lois Pereiro.

Sábado 3:

Ás 11h Roteiro: A libre-xeografía da Coruña, con Manuel Rivas. Saída da Dársena e remate con comida popular vegana na Praia das Lapas

O roteiro da Coruña libertaria arrincará da Dársena, do lugar céntrico onde se produciu a queima de libros dos ateneos a mans dos fascistas en agosto de 1936,  e fará paradas en lugares de referencia histórica e valor simbólico, como a biblioteca Xerminal, cunha homenaxe especial no cemiterio mariño de San Amaro ás vítimas da represión na loita social de 1901.

A partir das 20h documentais libertarios no Centro Social Okupado A Insumisa (rúa Metrosidero sen número)

Que as disfrutedes con saúde e anarquía!!!

07 comments on “Xornadas de recuperación da memoria anarquista da Coruña

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Xornal anarquista