De primeiros de maio

Acabo de chegar de darme unha volta polas convocatorias “máis radicais” do primeiro de maio na Coruña. Lamentablemente con “convocatorias máis radicais” refírome á manifestación, por non dicir procesión, da CGT- CUT e do posto de panfletos de Unión Anarcosindicalista (antiga CNT Coruña antes de sumarse ao rosario de abandonos e desfederacións que desangran a histórica anarcosindical).
A manifestación da CGT, fiel á liturxia de todolos anos, discorreu apaciblemente entre a Praza de Pontevedra e o Campo dá Leña, nun ambiente de monótona docilidade obreira, quebrado unicamente por algunha consigna un pouco máis radical que as que poderías escoitar nas manifestacións dos infames pseudo-sindicatos do poder. Para agrandar a tristeza que me causa o comprobar unha vez máis como o día dxs traballadorxs converteuse nunha beatífica elexía en aras da paz social, vinme á min mesmo compartindo manifestación cxs “políticos do cambio”… do cambio que supón pasar de ser un ninguén sen actividade laboral coñecida a ser unhx ilustre políticx montadx no dolar. Pois si, ilustres eminencias da Marea local xunto con excelentísimos podemítas de escala nacional decidiron baixarse ao lodo da rúa para reivindicar a súa condición de obreirxs. Que mellor lugar que a manifestación dun sindicato que se di libertario para que un político poida reivindicar o seu espírito de currela? Eu contei ata tres concelleirxs ademais dun flamante parlamentario, dos sempre situados á destra de Pablo, para máis inri. E mentres eles facían o seu baño de humildade obreira, pateando rúa pancarta en man, tan preto da clase traballadora como a última vez que lles alicataron o baño, pois eu pelexaba internamente entre a miña moral revolucionaria de anarquista, vegano, apostólico e romano e as miñas ganas de mandalo todo á puta merda.

E nisto que un se acorda que a celebración do “día dos traballadores” conmemora aos “mártires de chicago”, oito traballadores represaliados a finais do século XIX tras unha folga que reclamaba a xornada de oito horas. As detencións producíronse tras da explosión dunha bomba que matou a un policía que cargaba contra a manifestación dos folguistas. Varios dos detidos nin sequera atopábanse no lugar, pero foron arrestados pola súa condición de destacados anarquistas. Cinco foron condenados á morte, dos cales catro foron executados mentres que o último preferiu suicidarse antes de chegar ao cadalso.

Así comezou a conmemoración do día dos traballadores, como unha xornada de loita e homenaxe dxs compañeirxs caídxs. Un día para a reivindicación laboral que, co paso do tempo, acabou por converterse nunha liturxia pseudo-institucional que non reivindica outra cousa que a traizón dos sindicatos ás súas propias bases e principios. Pois hai tempo que as centrais sindicais, vendidas ao poder tras a súa institucionalización mercé aos pactos da moncloa, non son outra cousa que as xestoras da paz social. Desde que cobran os seus soldos do poder en lugar de a través das cotas dos afiliados; desde que conseguiron locais, despachos, horas libres e liberados sindicais á conta da xentileza de políticos e empresarios; desde que fan suculentos negocios con cursos de formación, cooperativas de vivenda e outras prebendas institucionais… xa poucxs obreirxs confían nestes lambecús do poder; desmantelando en poucos anos de institucionalización toda a creedibilidade gañada nun século de loita á marxe do estado. Pero agora son percibidos como un mal menor, como os xestores da precariedade laboral aos que un acode cos problemas do traballo do mesmo xeito que cando estas enfermo vas ao SERGAS, ou ao INEM cando non atopas traballo. Un resorte máis da noxenta maquinaria do estado.
Pero mentres un segue estrañando barricadas e perdidas conciencias de clase, o poder séguese día a día perpetuando. Infiltrándose nos mecanismos creados para combatelo e furtando a memoria daquelxs que pretenderon derrotalo.

2 thoughts on “De primeiros de maio

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.