O P.S.O.E. súmase ao P.P. reclamando o desaloxo do C.S.O. A Insumisa

Nada novo baixo o sol, o grupo municipal socialista da Coruña une a súa voz ao P.P. para pedirlle ao concello que ordene a expulsión dxs okupas. Que PePeros e PSociatas marchen xuntiños e da man a verdade é que non sorprende en absoluto. Como tampouco o fai que ambos se lancen en pos da represión. A verdade é que o único sorpresivo do asunto é que o P.S.O.E. tardase tanto tempo en ensinar o seu verdadeiro rostro e non solicitase o desaloxo desde o primeiro momento. Pero claro, a sucia e artera política impón que é mellor calar mentres non se saiba a aceptación social que un centro okupado pode suscitar. Unha vez que a desproporcionada campaña de difamación mediática emprendida desde “La Voz de Galicia” empeza a dar os seus froitos e as terxiversacións, medias verdades e mentiras descaradas empezan aos poucos a calar na opinión pública, xerando unha alarma social prefabricada, unha impostura mediática cociñada nos laboratorios mediáticos da dereita Negreiriana, pois entón é o momento de sumarse sen empacho ao linchamento público precociñado. É o momento de revelar a súa verdadeira cara de liberais represivos ao servizo de empresarios e banqueiros.

No mesmo pleno en que xs socialistas desenmascararon as súas auténticas posicións, a portavoza do P.P. local, Rosa Gallego (da que xa vos falamos nesta outra ocasión), aproveitou para aumentar o seu xa de por sí extraordinario ránking de mentiras por segundo asegurando que o concello lles conecta a luz e lles pon colectores de lixo aos okupas. Coma se xs okupas non tivesen medios para abastecerse por si mesmxs nestes mesteres. De feito os Centros Sociais Okupados que precederon ao actual (un baixo goberno do PSOE e outro do PP, curiosamente) foron perfectamente capaces de pinchar a luz e axenciarse colectores sen necesidade da concorrencia en semellante laboura do concello de turno. Algo que a nosa amiga Rosa Gallego debería de comprender moi ben, tendo en conta a asombrosa capacidade de “axenciarse bens públicos” que está a demostrar ultimamente a dereita “populista” (digo eu que se lles poderá chamar “populistas”, se son do Partido Popular, e máis coa facilidade coa que hoxe en día se dispensa este termo a esquerda e dereita sen o menor recato nin consideración ao dicionario).

E así están as cousas, día a día e ladrillo a ladrillo vaise construíndo o clima social necesario para o desaloxo do C.S.O. A Insumisa e, xa de paso, xerar unha opinión pública proclive a lexislar contra as okupacions de inmobres e devolver así á banca privada e aos fondos de investimentos todas esas vivendas subtraídas aos seus intereses especulativos por parte dxs desafiuzadxs, xs sen teito e demais afectados pola crise. Porque, amigxs lectorxs, o capitalismo, aquí, non dá puntada sen fío.

Deixa un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.